Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

David Byrne, político comunitario

En España moita xente viviu nos anos 80 a traxedia do envelenamento masivo por consumo de aceite de colza desnaturalizado. Neste contexto, problemas sanitarios como a enfermidade das vacas tolas crean medo e desconfianza con respecto á seguridade dos alimentos e esixen a intervención urxente das autoridades públicas e os productores para restituí-la confianza dos consumidores.

¿Preséntanse así as cousas en Bruxelas ou abórdanse estes problemas segundo van xurdindo?

Podo asegurar que, desde que en 1996 estoupou a crise da encefalopatía esponxiforme bovina, Bruxelas abordou este problema con toda seriedade. Na Comisión a crise provocou unha fonda reestructuración de responsabilidades e establecemos novos dispositivos internos para garantir que os responsables da toma de decisións dispoñan de asesoramento científico independente sobre a EEB e as demais cuestións que afectan á saúde dos consumidores.

Ademais, desde 1996 adoptamos, en resposta a esta crise, máis de 40 medidas lexislativas concretas destinadas a protexe-la saúde dos consumidores fronte ós riscos identificados polos científicos. E a medida que imos sabendo máis sobre a enfermidade, actualizamos e mellorámo-las disposicións de xestión do risco. Así, no Reino Unido, as medidas adoptadas por iniciativa tanto do Goberno nacional coma da Comunidade están comezando a dar froitos e a EEB entrou xa nunha fase descendente.

Comprendo a inquietude dos consumidores españois. Custounos bastante tempo convence-las autoridades españolas de que a EEB non ía deterse na fronteira. En España, a atención pública non comezou a centrarse nas medidas precisas para protexe-la saúde dos consumidores ata que non quedou probada a existencia de casos de EEB trala introducción de novos ensaios de análise rápida. Pero os consumidores españois deberían saber que a nivel comunitario adoptamos un conxunto de medidas que teñen por obxecto protexelos do risco derivado da EEB.

Quero salientar en particular, como elemento clave da nosa estratexia de xestión do risco, a obriga que teñen os matadoiros de retiraren da cadea alimentaria tódolos materiais bovinos que poden presentar un risco real de transmisión da EEB. Ademais, seguimos propoñendo constantemente melloras nas disposicións relacionadas coa EEB e, en xeral, na lexislación sobre seguridade alimentaria da UE. A Comisión Prodi xa adoptou en xaneiro do 2000 un ambicioso plan destinado a revisar toda a lexislación alimentaria da UE e crear unha Autoridade Alimentaria Europea independente.

¿Como se vai converte-la Autoridade Alimentaria Europea (AAE) na peza fundamental da nova política de seguridade alimentaria? ¿Conseguirá garanti-la seguridade desde a granxa ata a mesa do consumidor? Fálase dun orzamento de 40 millóns de euros anuais e dun cadro de persoal de máis de 300 persoas para a AAE. ¿Para que se empregarán estes medios?

A función principal da AAE será proporcionar asesoramento científico sobre as cuestións relacionadas coa seguridade alimentaria e coa saúde dos consumidores. Definirá as bases científicas sobre as cales a Comisión, o Parlamento Europeo e o Consello de Ministros adoptarán as decisións relativas á xestión do risco. Ademais, comunicaralle directamente á poboación información relativa ó seu asesoramento científico.

A Comisión propuxo que sexa tamén a AAE a responsable do funcionamento do Sistema de alerta rápida para alimentos e pensos. A razón é que cada alerta rápida dun problema na cadea alimentaria deberá ser obxecto dunha avaliación científica o máis rápida posible. Ademais, a AAE prestaralle á Comisión apoio científico e técnico na xestión das crises alimentarias.

A Autoridade Alimentaria manterase extremadamente vixiante ante tódolos riscos que vaian xurdindo para que casos coma os da EEB poidan detectarse na súa fase inicial. A Autoridade disporá de orzamento propio para emprender estudios científicos destinados a enche-las lagoas existentes nos coñecementos científicos cando sexa preciso para o cumprimento da súa misión ou para facerlle fronte a algunha crise. Terá, polo tanto, un dereito independente a investigar problemas non investigados en ningunha outra parte.

Para garanti-la súa independencia, a Autoridade Alimentaria Europea financiarase con fondos públicos con cargo ó orzamento comunitario. Terá 255 empregados durante os tres primeiros anos.

En España vaise crea-la Axencia de Seguridade Alimentaria para coordina-las actuacións de control dos alimentos e ofrecerlle soporte técnico á Administración. ¿Pensa vostede que este reforzo dos controis será abondo para que os consumidores recuperen a confianza e volvan consumir alimentos sen medo a enfermar? ¿Non sería preciso adoptar tamén medidas que impliquen directamente ós productores de alimentos e os sistemas de elaboración que aplican?

A existencia de controis axeitados da aplicación das medidas de seguridade alimentaria é esencial para unha estratexia que teña por obxecto garanti-la seguridade dos alimentos. En consecuencia, aplaudo os esforzos que as autoridades españolas están levando a cabo para melloraren os controis dos alimentos e estableceren unha mellor coordinación.

A nivel comunitario, a Comisión presentará este ano unha proposta lexislativa para reforza-los controis oficiais de alimentos e pensos e para corrixi-las deficiencias existentes nos sistemas nacionais de control da seguridade dos alimentos. Propoñémonos harmoniza-los sistemas de control establecendo criterios operativos á luz dos cales a Oficina Alimentaria e Veterinaria da UE inspeccionará ás autoridades nacionais competentes. Ademais, imos elaborar directrices comunitarias para que, a nivel nacional, se establezan estratexias de control coherentes, prioridades baseadas no risco e procedementos de control eficaces.

Esta é unha das propostas do Libro Branco sobre Seguridade Alimentaria de xaneiro do 2000. Neste Libro Branco a Comisión presentou un ambicioso programa de reforma de toda a lexislación alimentaria da UE que inclúe, en particular, unha revisión da lexislación para aclara-la responsabilidade dos productores de alimentos en materia de seguridade alimentaria. As propostas presentadas en xullo do 2000 relativas ó establecemento de novas normas sobre hixiene na producción de alimentos, por exemplo, xa teñen en conta este novo enfoque.

Polo tanto, si que é preciso adoptar medidas e, de feito, xa o estamos facendo, tanto no tocante ós controis coma no relativo á mellora da lexislación sobre producción de alimentos e responsabilidade dos productores de alimentos. Agardamos que a nosa actuación nestas dúas áreas sirva para que os consumidores recuperen a confianza na seguridade dos alimentos.

¿Que nos pode dicir da seguridade dos alimentos modificados xeneticamente? ¿Non lles van crear, antes ou despois, problemas sanitarios ós consumidores?

Non hai probas científicas que indiquen que os alimentos modificados xeneticamente que foron obxecto dunha avaliación axeitada e de aprobación por parte das autoridades competentes para o seu uso nos productos alimentarios tiveran efectos negativos imprevistos na saúde dos consumidores. Polo de agora, o debate científico céntrase sobre todo no impacto ambiental do cultivo de productos modificados xeneticamente. Ademais, o debate sobre a modificación xenética debe abordar tamén os aspectos éticos relacionados co tema.

Son partidario de que a aprobación da comercialización de alimentos modificados xeneticamente se realice sobre bases científicas, para garantir que soamente se comercializan productos seguros. E inclínome por darlles ós consumidores a posibilidade de elixir, contando coa correcta etiquetaxe dos alimentos modificados xeneticamente, de xeito que poidan decidir por si mesmos se queren mercar alimentos modificados xeneticamente ou non. Na actualidade a Comisión está estudiando diferentes opcións para adoptar, a escala comunitaria, normas sobre etiquetaxe e trazabilidade. Espero que durante o primeiro semestre do 2001 poidamos avanzar na elaboración dun conxunto de propostas en relación cos organismos modificados xeneticamente.

¿Cal debería se-lo papel das asociacións de consumidores nas crises alimentarias? ¿Cal é tamén o seu papel no tocante a garanti-la calidade dos alimentos?

Penso que as organizacións de consumidores deben desempeñar un papel fundamental no relativo á seguridade dos alimentos, xa que son os principais representantes dos intereses dos consumidores na sociedade civil. Poderían actuar como gardas, exercendo unha vixilancia crítica das accións das autoridades e dos productores. Sempre que fose posible, deberían obter e difundir de maneira independente información sobre os problemas de seguridade alimentaria, tanto en contacto directo cos consumidores como, por exemplo, a través da realización de probas e comparacións dos productos tal como fan moitas organizacións de consumidores e revistas.

Coido que a cooperación entre as organizacións de consumidores, tanto a escala nacional coma internacional, contribúe realmente a facer máis eficaz o traballo sobre estes complicados temas que esixen case sempre dispor de coñecementos técnicos. Vexo a cooperación entre as organizacións dos consumidores, tanto en caso de crise coma no seu traballo cotián de grupo de presión en favor de normas alimentarias máis seguras, como o mellor método para aumenta-la súa influencia nos políticos e facer chegar unha mensaxe coordinada ós consumidores.

Cando vai a un restaurante ou fai a compra, ¿toma as súas decisións en función da ampla información da que dispón en materia de seguridade alimentaria?

Non creo que se precise un coñecemento a fondo sobre seguridade alimentaria para tomar decisións nun restaurante ou nun supermercado. Adoito escolle-lo que máis me gusta. E, coma todos, vou con coidado.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto