Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

A hepatite C: Os seus síntomas confúndense cos doutras enfermidades e pode pasar desapercibida

Nestes tempos nos que se alarma a poboación cos riscos potenciais que poden entrañar para a saúde certas enfermidades pouco espalladas, patoloxías reais e con riscos reais, como a hepatite C, poden en certa maneira pasaren desapercibidas coa moi negativa consecuencia de que se baixe a garda ante elas e diminúan as medidas de prevención para combatelas.

  A hepatite C é un dos cinco tipos de hepatite vírica (as outras son as hepatite A, B, D e E) e estímase que só en España afecta a 800.000 persoas, cifra que supón o 2% da poboación, aínda que non todas desenvolvan a enfermidade. Pode ser asintomática durante anos e cando aparecen os primeiros síntomas (fatiga, náuseas e febre, entre outros) existe a posibilidade de que se confundan cos doutras patoloxías. Por iso, moitos individuos poden padecer hepatite C e transmitila pola sinxela razón de que ignoran que están afectados.

Qué é a hepatite C

A hepatite C é unha enfermidade do fígado e débese a un virus chamado VHC descuberto no 1989, que se transmite principalmente por contacto con sangue infectado. O VHC ataca directamente o fígado e pode dana-lo órgano e nalgúns casos, afortunadamente poucos, mesmo a morte. Hoxe non se dispón aínda dunha vacina contra este virus. O maior perigo radica en que unha persoa pode estar infectada sen sabelo e transmiti-la enfermidade, xa que a hepatite C pode cursar sen síntomas durante anos.

Síntomas: ás veces non hai

O período de incubación é dunhas 8 semanas pero pode prolongarse ata 4-6 meses. As probas serolóxicas que a identifican requiren unhas 5-6 semanas en positivizarse. A maioría dos casos de hepatite C diagnostícanse tarde, cando os enfermos desenvolven unha patoloxía hepática avanzada, con ou sen cirrose. Presenta síntomas inespecíficos (cansazo, perda do apetito, náuseas, proído polo corpo, dores articulares ou musculares, ouriños máis escuros e feces máis claras) que, para quen o percibe, carecen de entidade para mereceren consulta médica. Por iso, a hepatite C descóbrese a miúdo de maneira casual, ó realizar unha análise de sangue esixida por un recoñecemento médico de empresa, unha póliza de seguro ou por outra enfermidade que require a análise, ou por unha doazón de sangue...

Un 30% dos infectados desenvolve cirrose ó cabo de 20-30 anos. E, segundo as estatísticas, un de cada sete dos que acaban con cirrose sufrirá cancro hepático despois duns 5-10 anos. O consumo de alcol (estímase que cando supera os 50 gramos diarios) favorece a aparición da cirrose. Descoñécese por qué uns enfermos de hepatite C desenvolven a cirrose e outros non, pero hai tres factores que conducen a unha peor evolución da enfermidade: ser home, infectarse a partir dos 45-50 anos e o consumo cotián de alcol.

Vías de contaxio

O virus da hepatite C foi descuberto en 1989, e ata entón podía pasar desapercibido. Este dato é importante, xa que algunhas persoas que precisaron transfusións de sangue con anterioridade a 1989 puideron infectarse. Pero en 1992 os investigadores conseguiron crear e estandarizar probas analíticas de gran sensibilidade e especificidade, o que permitiu que desde entón diminuíran drasticamente as infeccións pos-transfusión.

Picarse cunha agulla e as lesións cirúrxicas son factores de risco. A incidencia da hepatite C é elevada nos países que empregan xiringas e agullas non desbotables. O uso intravenoso e intranasal de drogas é actualmente a vía principal da infección, e estímase que supón o 30-40% de tódolos casos. Quen se fai unha tatuaxe ou piercing, ou se somete a sesións de acupuntura, corre risco cando os materiais empregados non son desbotables ou non se empregaron medidas de esterilización axeitadas.

Pero non esquezámo-la exposición familiar, mediante peites, cepillos, coitelas de afeitar e instrumentos de manicura, cando son empregados de xeito prolongado por varios membros do fogar. A transmisión materno-fetal é infrecuente na hepatite C, e tampouco hai constancia de que se transmita a través do leite materno. A hemodiálise é un risco, hoxe reducido polas medidas de seguridade que se adoptan cos derivados sanguíneos. Aínda que entre os hemofílicos receptores de derivados sanguíneos antes do ano 1990 a hepatite C era moi frecuente, este factor de risco perdeu relevancia.

A transmisión sexual é responsable de entre un 5% e un 10% dos casos. É un risco menor ca na hepatite B ou o VIH (virus da sida), pero cómpre telo en conta se se manteñen relacións sexuais con persoas de risco: drogadictos por vía intravenosa, prostitutas-os, e persoas promiscuas.

En certos casos de hepatite C, nin se identifica o mecanismo de transmisión nin o enfermo presenta factores de risco coñecidos, polo que o motivo e o xeito no que se contrae a enfermidade segue sendo un misterio.

Tratamento

O tratamento, cando está indicado, consiste en administrarlle ó enfermo interferón, substancia segregada de maneira normal no sangue para desfacerse dos virus en xeral. Os interferóns posúen propiedades antivirais e inmunorreguladoras, aínda que se descoñece o mecanismo polo que actúan fronte ó virus C. Provocan numerosos efectos secundarios (o máis serio é a depresión, que pode aparecer trala súa administración prolongada) e en ocasións son mal tolerados. O tratamento é longo, pódese prolongar durante 48 semanas ou máis.

Coa monoterapia mediante interferón, conséguense remisións nun 40%-50% dos casos, pero se se administra conxuntamente con outro fármaco, a ribavirina (terapia combinada), os resultados son máis satisfactorios. A ribavirina é un fármaco teratóxeno (capaz de xerar malformacións no feto), polo que as mulleres en idade fértil deben te-la certeza de non estaren embarazadas antes de iniciaren o tratamento e poñeren tódolos medios para evitar embarazos durante o mesmo, así como nos 6 meses posteriores á súa finalización.

Están en vías de investigación outras posibilidades terapéuticas para facerlle fronte á hepatite C.

A hepatite C aguda

É pouco frecuente e pasa desapercibida porque os seus síntomas son inespecíficos e se poden confundir cos doutras enfermidades. Os niveis de virus en sangue elévanse de xeito dramático ata que o sistema inmunitario do organismo comeza a responder. Nunha boa parte dos casos non se percibe nada ou simplemente se ten a impresión de padecer unha gripe con moita fatiga, náuseas e dor abdominal. Cando os síntomas son máis importantes, xeralmente trátase dunha ictericia hepática, unha coloración amarela da pel, ou só do branco dos ollos, que desaparece nalgunhas semanas. Non obstante, en máis do 75% dos casos, o VHC queda no organismo e a hepatite aguda transfórmase en crónica, mesmo cando non hai ningún síntoma aparente. Por iso, cando se padece de hepatite aguda, aconséllase someterse a tratamento para reduci-lo risco de evolucionar cara a unha hepatite crónica.

A hepatite C crónica

Unha hepatite C vólvese crónica cando o virus permanece no organismo durante máis de seis meses. Fálase de hepatite crónica "persistente" cando os síntomas son moderados e as consecuencias sobre o fígado pouco importantes. O maior risco constitúeo a transmisión do virus a outras persoas. En cambio, en casos de hepatite crónica "activa" o virus segue destruíndo o fígado pola súa actividade. O risco é daquela a evolución cara á cirrose do fígado ó cabo de vinte ou trinta anos. Cando a cirrose avanza, o fígado non pode cumprir correctamente a súa función e a seguinte fase adoita se-la evolución cara a un cancro de fígado (nun 30% dos casos, despois dunha media de 10 anos de evolución da cirrose). Cómpre vixiar con regularidade o fígado para detectar un eventual cancro o antes posible e procurar extirpalo con cirurxía. Ademais, hai que evita-lo consumo de alcol e de medicamentos hepatotóxicos.

  • Cómpre evita-los factores de risco asociados á infección. Os infectados polo virus C deben poñer tódolos medios para evitar a propagación da enfermidade.
  • Evitar compartir utensilios persoais: cepillos de dentes, máquinas de afeitar e semellantes.
  • Aínda que o risco de contaxio por vía sexual é pequeno, cómpre tomar precaucións.
  • Vacinarse fronte á hepatite A e B, sempre que teñan resultados seroloxicamente negativos fronte a estes virus.
  • Absterse de tomar bebidas alcólicas. -Non doar sangue, órganos, tecidos nin seme.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto