Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

A ópera: Un espectáculo de orixe popular

As óperas son basicamente obras de teatro nas que os actores, no canto de falar e aínda que ás veces tamén reciten textos, cantan ao son dunha música interpretada en directo por unha orquesta. Así de sinxelo.

  Algunhas óperas son comedias cómicas, outras cadros de costumes dunha época ou cultura determinadas, ou ben relatos de tempos heroicos, traxedias románticas de sangue e lume, dramas burgueses, historias de amor, episodios bíblicos... Hai de todo.

Que os actores se expresen cantando resulta algo forzado, pero se, malia ó seu artificio, nos agradan os filmes musicais é pola beleza das melodías, polos seus logrados argumentos e pola estética das súas escenografías corais. Estes, e non outros, son os motivos que fan que o afeccionado goce coa ópera. E qué mellor ocasión para penetrar, aínda que sexa superficialmente, na ópera que facelo este ano no que se celebra en todo o mundo o centenario da morte de Giuseppe Verdi, o inmortal autor de obras míticas como "La Traviata" ou "Rigoletto". Ademais, en moitos teatros un visor traduce os textos interpretados por cantantes e coro (italiano, francés e alemán son os idiomas máis frecuentes dos libretos), polo que o seguimento do argumento é inmediato, e isto permite tamén entender mellor o que acontece na escena e proporciónalle dinamismo e entretemento ó espectador, especialmente neses momentos musicalmente tediosos que toda ópera debe conter.

Ir á ópera

Aínda que o noso país lle ofrece unha variada oferta ó afeccionado, á ópera acontécelle coma ó teatro: é difícil que cheguen representacións excelentes a tódalas capitais, e moito máis que se goce dunha obra en cidades pequenas ou vilas. En España, só o Liceo de Barcelona e o Teatro Real de Madrid ofrecen tempadas longas de ópera, con ata nove meses de representacións.

Pero tamén o Euskalduna de Bilbao, o Teatro da Maestranza de Sevilla e o Auditorio Alfredo Kraus de Gran Canaria ofrecen tempadas que, aínda que algo máis curtas, resultan moi atractivas. Cómpre sinalar tamén as do Teatro Campoamor de Oviedo, onde cada outono desde hai 53 anos a Asociación Asturiana de Amigos da Ópera organiza un festival de reputado prestixio. De tódolos xeitos, é preciso recoñecer dúas cousas: unha, que a ópera é cara (aínda que non máis có fútbol, por exemplo) e outra, que conseguir entradas soltas resulta difícil en case tódolos teatros con programa anual. Hai que abonarse para todo o ciclo ou (como na ABAO, de Bilbao) pertencer á asociación que promove cada ano o programa. A situación é mellor nos teatros que ofrecen ópera unha ou dúas veces ó ano (aínda que normalmente a calidade das representacións é algo menor), polo que para quen comeza a gozar da ópera esta pode ser unha boa primeira toma de contacto.

Os prezos da ópera

No Teatro Real de Madrid, para esta tempada (entre outras, están programadas A Frauta Máxica de Mozart, Parsifal de Wagner e Don Carlo de Verdi) os abonos saíron á venda o 4 de setembro de 2000, pero as localidades soltas pódense mercar dez días antes de cada estrea.

Pódense adquirir no despacho de billetes e por teléfono (902-244824, mediante tarxeta de crédito). Non se venden máis de dúas entradas por persoa. O teatro divídese en seis zonas, da A (visibilidade óptima) á G (reducida ou nula) e en función disto estipúlanse os prezos. Para Parsifal (comeza o 3 de marzo vindeiro) hai entradas entre as 16.975 pesetas da zona A e as 2.000 pesetas da G. Un desconto do 60% discrimina positivamente ós mozos de entre 14 e 25 anos para abonos de calquera ciclo.

O Liceo de Barcelona divide o aforo en oito zonas, con prezos que van desde as 20.600 pesetas do patio de butacas (zona 1) ás 1.075 pesetas da zona 8, o galiñeiro. A programación recolle obras como A muller sen sombra (R. Strauss), Un baile de máscaras (Verdi), Os puritanos (Bellini), Sansón e Dalila (Saint-Saens) e Xulio César (Händel). Pódense mercar entradas no despacho de billetes ou pagándoas nas terminais de ServiCaixa, ou por teléfono no 902-332211 e mesmo por Internet (con tarxeta de crédito) en liceubarcelona.com. Se quedan localidades, menores de 26 anos, estudiantes e maiores de 65 anos poden adquirir o mesmo día da función, dúas horas antes, localidades (dúas, como máximo) cun 30% de desconto.

Na capital biscaíña mantense unha lonxeva e fértil tradición operística alimentada cada ano pola ABAO (asociación de amigos da ópera), que fai as súas representacións no novo Palacio Euskalduna, se ben o Teatro Arriaga monta ópera varias veces ó ano (con prezos máis alcanzables e elencos artísticos máis modestos). Conseguir entrada para unha función da ABAO é misión case imposible para o non socio. Se queda algunha, será das de menor calidade e prezo e teremos que andar moi espelidos para conseguila. De tódolos xeitos, para os non socios un abono en patio ou palco para gozar das oito obras desta tempada custa 121.000 pesetas, e unha entrada nese lugar do aforo, 15.200 pesetas. As localidades máis baratas saen por 5.900 pesetas e o abono para toda a tempada, por 46.700 pesetas.

No Teatro da Maestranza de Sevilla están programadas, polo momento, Der Ronsenkavalier de Strauss, Facing Goya de Nyman, Les Contes D'Hoffmann de Offenbach e o Rapto de Lucrecia, de Britten. A maioría das entradas póñense á venda en outono a través de abonos, pero ten que queda-lo 10% do aforo para a súa venda no despacho de billetes. As máis caras custan 10.500 pesetas, mentres que as máis económicas saen por 4.200 pesetas.

Na Scala de Milán, a programación é moi extensa e as entradas pódense adquirir vía Internet en www.teatroallascala.org ou no despacho de billetes, e por gozar dos mellores elencos operísticos do planeta esíxense desde 25.678 ata 7.302 pesetas. No Metropolitan de Nova York (www.metopera.org) unha entrada para luns ou martes supón desde 4.200 ata 28.000 pesetas. O resto da semana, as tarifas medran arredor do 25%, se ben o día da estrea ou en representacións especiais, os prezos poden superar amplamente as 50.000 pesetas.

Antes de irmos por primeira vez á ópera...

As voces, principal atractivo As voces principais que se poden escoitar:

  • Femininas: Soprano, a voz máis aguda; Mezzosoprano, menos aguda; e Contralto, a máis grave.
  • Masculinas: Tenor, a máis aguda; Barítono, menos aguda, e Baixo, a máis grave.

¿Débese ir de etiqueta? Non é preciso, non sendo que a función sexa de gala e estea anunciada explicitamente como tal. Nese caso, as mulleres deberán ir vestidas de longo, e de escuro e con gravata ou lazo os homes. No resto de ocasións, é abondo con acudir correctamente vestido. Nas estreas, en moitos teatros é costume ir elegantes, e acudir informalmente vestidos pode incomodarnos a nós mesmos. De tódolos xeitos, cada un ve o que se estila e decide en liberdade.

¿Cando podo aplaudir? O da ópera é un mundo de entendidos, e para non pasar apuros o mellor é mira-lo que fai a xente e tomar nota. Despois dunha obertura (o inicio, un tema instrumental realizado pola orquestra), unha aria, un dúo ou un número de coros ou bailaríns que nos gustou especialmente, podemos aplaudir; iso si, sempre que se chegara ó final do fragmento, nada de interromper. Se tememos se-los únicos en aplaudir e concentrar olladas desaprobadoras, o mellor é agardar uns segundos e comprobar qué fai o resto do público. Se desexamos aplaudir, farémolo uns segundos despois de que o fagan os primeiros. E se nos desgusta o que vemos ou oímos, podemos petar cos pés no chan, asubiar... non hai problema, pero procuremos ser moderados e respectuosos cos artistas e co resto do público.

¿Canto tempo dura o espectáculo? Hai óperas curtas e outras máis longas, pero o tempo da representación depende tamén dos descansos, que se establecen segundo o require a posta en escena, que varía moito mesmo para unha mesma obra. Unha ópera curta como La Bohème de Puccini dura unha hora e tres cuartos. As máis longas, como as de Wagner, pódense prolongar ata 4 horas, pero xeralmente adáptanse para que non superen as tres horas e cuarto. Unha observación: o silencio na ópera é sagrado e hai melómanos moi esixentes que nolo lembrarán á mínima oportunidade. Lémbreo. Se vai tusir ou espirrar, leve o pano ou a man á boca ou nariz.

Non fale durante a representación nin se mova en exceso, pode molestar ós demais. Teña especial coidado con tódolos sons que emita (ollo co plástico dos caramelos) cando a música ou os cantantes emiten en volume moi baixo.

¿Como iniciármonos no goce da ópera? Non é difícil achegarse hoxe á ópera, se temos en conta o sinxelo que é atopar reproduccións en vídeo (hai gravacións desde 3.000 pesetas) e en discos compactos (multitude de títulos a menos de 2.000 pesetas). Lembremos que a ópera se pode apreciar desde o inicio, porque as composicións musicais son belas e suxestivas. Para pasalo ben durante unha representación non é imprescindible ler libros sobre ópera, o autor, o libreto -o argumento- ou o momento histórico no que transcorre a acción, nin estudiar música, aínda que todo iso nos cualifica para entender mellor a ópera e divertírmonos máis. Un consello: se fala con expertos, non desespere, xa que eles ven outra ópera, e a súa experiencia lévaos a valoracións moi distintas sobre o que vostede viu e entendeu. Desconcertarano coas súas apreciacións. Pero vostede, ó seu: divertirse e aprender. Para comprobar se a ópera lle pode interesar, suxerímoslle doce títulos doados de ver: A frauta máxica (Mozart), Lucia di Lammermoor (Donizetti), Macbeth (Verdi), Rigoletto (Verdi), La Traviata (Verdi), Martha (Flotow), Carmen (Bizet), I pagliacci (Leoncavallo), e La bohème (Puccini). Pero a ópera é unha obra teatral que desenvolve un argumento de comedia ou traxedia. Por iso, cómpre entende-lo que din os actores, os cantantes e o coro, e para iso debemos dispoñer, cando menos nas primeiras audicións, do libreto. Se as obras que mercamos ou posuímos non teñen libreto, podémolo adquirir nas librerías tradicionais, procuralos nos rastros e feiras do libro vello ou atopa-los máis populares (máis de 200 títulos).


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto