Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

A emancipación dos fillos, cada vez máis tardía: ¿Cando marcharán da casa?

Segundo Juan Antonio Fernández Cordón, demógrafo do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), "a bandeira dos pais de finais dos anos 60, que así que puideron fuxiron do fogar paterno, non foi recollida pola maior parte dos seus fillos".

  Segundo os estudios do CSIC, un 60% dos mozos españois de entre 25 e 30 anos que traballan aínda non marcharon do fogar familiar. Se estas cifras do noso país se comparan coas de Francia, Reino Unido ou Alemaña, triplicámo-lo número de mozos con emprego que permanecen na casa dos pais, sen se independizaren. Tan só gregos e italianos comparten en Europa unha actitude semellante á dos españois. Cando se lle pregunta á xente nova, unha boa parte contesta que marcharía da casa se puidese (aquí intervén o elevado prezo da vivenda, nova e usada, e o carácter escaso e caro dos alugueiros, así como a inestabilidade laboral e a dificultade de conseguir un emprego satisfactorio) pero nos dez últimos anos aumentou a postura acomodaticia e son maioría os mozos que, sen falsos pudores progresistas, recoñecen que se senten moi ben na casa dos seus pais.

O certo é que pasa un ano máis e eles seguen sen marchar, aínda que teñan traballo e mesmo parella estable. ¿Están ben así as cousas? Hai sensibilidades distintas nas familias, pero o frecuente é que no fogar non se trate dun xeito claro e sereno este tema, bastante espiñento. As relacións pais-fillos son sempre complexas, e dependen dunha dobre circunstancia que as caracteriza: o forte vínculo emocional existente e ese longo pasado en común cheo de vivencias moi distintas, moitas veces fondamente sentidas pero non comentadas. Por iso, a comunicación entre proxenitores e fillos precisa, e por ámbalas partes, moito agarimo, sinceridade, unha dedicación xenerosa de tempo e unha linguaxe asertiva que evite tanto as culpabilidades coma as chantaxes emocionais, que tan proclives somos a introducir nos debates interxeracionais cando xorden temas de importancia coma o da emancipación dos fillos. E é que a complexidade do asunto vén reforzada porque tanto pais coma fillos amosan ante este tema posturas contradictorias: queren marchar (ou que marchen) e queren quedar (ou que queden). Pero esa incerteza, ese mar de dúbidas, conduce ó mesmo resultado: os fillos acaban quedando na casa case indefinidamente.

Razóns non faltan

O carácter precario do traballo dálles razóns abondas ós mozos e mozas que non se atreven a deixa-la casa paterna: os principais destinatarios dos contratos laborais son os mozos e eles queren te-lo futuro laboral máis despexado antes de se someteren á servidume dos millonarios préstamos que supón a compra dunha vivenda. Aínda hai pouca cultura de arrendamento, e a isto contribúe tamén a penosa situación do mercado de alugueiro de vivendas no noso país. Anotemos tamén outra posibilidade, moito máis prosaica e utilitarista: soamente os que teñen emprego estable e ben pagado e pensan que na súa propia vivenda terán unha calidade de vida semellante ou mellor cá que ofrece o fogar paterno, marchan da casa de mamá. Os mozos de hoxe tivérono todo máis doado cós seus pais, e iso marca moito. O máis frecuente é que os fillos consideren que non deben marchar ata acadaren unha situación económica minimamente consolidada e para iso precisan pasar varios anos na casa dos seus pais, aforrando e conseguindo un traballo fixo ou cando menos estable. Agora ben, se para moitos mozos a autosuficiencia económica non é razón abonda para afastarse do fogar familiar, teremos que busca-las respostas á marxe do mercado laboral e do difícil acceso á vivenda.

Un dos principais factores de freo para a emancipación dos mozos é a crecente permisividade da familia no tocante ós horarios e costumes de vida no seo do fogar. Os mozos non se senten oprimidos nin vixiados en exceso e rexe un certo ambiente de complicidade entre pais e fillos. Poden aturar esta falta de autonomía porque, en última instancia, "compénsalles". Por outra banda, o benestar, a comodidade, a intendencia garantida e a ausencia ou escasa relevancia dos traballos e preocupacións domésticas anima tamén a mante-la situación. Incluamos tamén a posibilidade de aforrar, xa que os proxenitores normalmente non esixen a entrega do soldo na casa e menos aínda, íntegro. E tamén un motivo de infraestructura: a disposición e bo nivel de acondicionamento dos fogares permite en moitos casos que os fillos dispoñan dunha habitación propia, un territorio exclusivo que conta cun equipamento satisfactorio relacionado co lecer e as afeccións: informática e Internet, TV, música, biblioteca propia...

Para rematar, outra constatación, xa máis obvia: o cambio de costumes en materia sexual, xa non é preciso casar e ter unha vivenda propia para poder manter relacións sexuais.

Familias-colchón

"As familias antes eran máis represivas e impositivas, agora son moito máis liberais e ofrecen moitas vantaxes. Hai tamén pais que se queixan porque os fillos se eternizan na casa", opina o filósofo Fernando Savater. Esta permisividade levou a crea-lo termo de familias-colchón, que manteñen o seu papel económico e de refuxio e proporcionan ese compoñente de complicidade, que propicia a sensación nos fillos de que non están de paso na casa dos pais e que a súa estancia non está suxeita a límites temporais. E, por se fose pouco, semella que seguir na casa lles confire ós fillos un moi apreciado valor engadido de mocidade, de non chegaren aínda á categoría de adulto, de non asumiren algunhas responsabilidades que implica: vida cotiá coa parella, os fillos, as hipotecas e outros créditos bancarios, a imprescindible visión de futuro...

Con todo isto, cómpre preguntarse se para os fillos paga a pena marchar da casa. Ou quizais sería mellor interrogarnos se se educa á xente nova para emanciparse. Ninguén discute que certo grao de solvencia económica é precisa para poder emanciparse; sen embargo, non abonda. Pero a emancipación é un proceso de aprendizaxe que comeza cando desde moi neno se potencia a autonomía dos fillos, a súa responsabilidade, e os pais, cómpre dicilo todo, asumen a responsabilidade que lles corresponde: axudar ó fillo a prepararse para vivi-la súa idade adulta de xeito independente.

Emanciparse é un proceso que require aprendizaxe. Cando seguimos cada momento evolutivo do neno e imos potenciando a súa creatividade e autonomía e lle esiximos que se responsabilice das cousas que vai tendo capacidade de facer, axudámolo a ser máis independente. Que amalloe os zapatos desde cativo, que co paso do tempo saiba vestirse, cociñar e comer só, que recolla o seu cuarto, ou tantas pequenas cousas que se dan a cotío na vida familiar son moi importantes.

Valores como o respecto á súa personalidade e ritmo de vida deben articularse xunto co respecto ás normas de convivencia que rexan na familia, xa que da súa asunción dependerá a solidariedade, sociabilidade e autonomía persoal deses fillos dos que agardamos que un día saiban emanciparse. Algunhas medidas e ideas para acadalo son as seguintes:

  • Ter sempre presente que o noso fillo ou filla é outra persoa, única e independente, e probablemente moi distinta de nós.
  • Ofrecerlle visibilidade: facer que se sinta observado e comprendido, que perciba que é alguén, para nós e para o resto do seu contorno de relacións.
  • Acepta-los seus pensamentos e sentimentos.
  • Respectalo polo valor da súa existencia; non polo que fai, senón por ser unha persoa.
  • Respectar e atender, en cada momento, os pasos da súa evolución persoal.
  • Amalo, transmitirlle agarimo, afecto, seguridade e proximidade empregando a expresión verbal, xestual e física. As apertas e as caricias son importantes.
  • Marcarlle normas e límites xustos, razoables, acordados e negociables: autoridade, non autoritarismo.
  • Transmitirlle que mantemos elevadas expectativas no referente ó seu comportamento e rendemento en tódolos ámbitos. Fomenta-la súa autoestima.
  • Os eloxios e críticas dirixirémolos exclusivamente á súa conducta e nunca a el ou ela como persoa.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto