Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

Boletíns

| Baixa | Máis opcións |

Canles de EROSKI CONSUMER


Cambiar idioma

Outras utilidades

  • enviar a outra persoa

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Anciáns na casa: O labor dos coidadores, pouco valorada

Unha das características demográficas máis significativas das sociedades desenvolvidas é o progresivo avellentamento da poboación. As causas deste fenómeno residen no aumento da esperanza de vida en tódolos países desenvolvidos (en España as mulleres viven unha media de case 82 anos e os homes, máis de 74 anos) e nun acusado descenso da natalidade

Alzheimer, o mal que máis preocupa

As previsións auguran un incremento espectacular dos casos de Alzheimer para o ano 2025, debido ó avellentamento da xeración do baby boom, nada nos sesenta, que traerá consigo un aumento da doenza, xa que a incidencia da enfermidade medra a ritmo exponencial. Así, a partir dos 65 anos o número de demencias dispárase ata o punto de duplicarse cada cinco anos. Segundo os expertos, entre un 5 e un 10 por cento dos españois, 700.000 maiores de 65 anos, padece algún tipo de demencia. No tocante ó xeito no que a enfermidade afecta ás relacións coidador-paciente, hai imposicións por parte do coidador, sobre todo nos primeiros meses despois do diagnóstico: prohíbeselle conducir e que manipule diñeiro ou cartillas. Ademais, procúrase que nunca permaneza só. Resulta difícil para os familiares comprende-la enfermidade porque non hai unha repercusión física que poidan ver. E unha das primeiras reaccións é o "dó anticipado": para eles prodúcese unha morte psicolóxica do enfermo. O momento do falecemento por Alzheimer é especialmente duro para a familia. Significa unha certa liberación para os coidadores que atenderon durante anos ó paciente, pero tamén xorde un enorme baleiro emocional, xa que durante unha media de 10 anos estiveron durante as 24 horas ó coidado doutra persoa.

Perfil do coidador

Xeralmente, é o cónxuxe quen se fai cargo da persoa que precisa coidados, como acontece no 60%-70% dos casos de Alzheimer. Pero se quen require asistencia é a esposa, a situación complícase porque os nosos maiores varóns non asumen doadamente o seu novo rol de coidador, de amo da casa. Cando non é o cónxuxe, son as fillas quen asumen o papel de coidador. Para iso, abandonan o seu traballo e en moitos casos desatenden a súa relación cos seus propios cónxuxe e fillos, o que pode levar a situacións de desestructuración familiar.

Os psiquiatras avogan pola creación de centros asistenciais que acollan temporalmente ós enfermos para que os familiares-coidadores poidan tomar folgos. Non é unha cuestión banal: o coidado destes pacientes acaba causando tensión e depresións entre as persoas que se encargan da súa protección e custodia.

Opinión do experto

"As familias non están ensinadas"
Na opinión do Dr. José Mercé, médico adxunto en xeriatría do Hospital Dr. Peset (Valencia), o problema de coidar un ancián na casa é que "as familias non están ensinadas. Somos a sociedade máis avellentada de Europa pero ninguén nos ensina a tratar ós maiores. Non hai profesionais sanitarios abondos e sería preciso un plan integral para ensinar a coidar ós nosos maiores". Considera que aprender a coidar dos maiores suporía un aforro en cartos e recursos, xa que o descoñecemento motiva que ante calquera eventualidade os familiares acudan ás urxencias dos hospitais. Para o doutor Mercé, un dos problemas para os avós é "a perda de identidade e de autoridade, porque xa non son eles os que poñen as normas, son os seus fillos quen mandan sobre eles. Prodúcese unha perda de autonomía e un traslado do cabeza de familia: ou é o fillo ou o director da residencia". Na súa opinión, "o sistema sanitario debería favorecer un sistema tendente a que vivan no seu propio domicilio ou nun próximo ó dos seus familiares. Tamén existe a posibilidade de que haxa pisos ou bloques tutelados con moderada dependencia. É un erro levar un ancián a unha residencia. Considera errado, para rematar, o uso que se fai dos Centros de Día, xa que "a súa utilidade debería se-la dun hospital de día, unha unidade médico asistencial rehabilitadora. Actualmente o que hai son garderías de avós".

Síndrome do coidador

Problemas musculares: lumbalxias, hernias e dores polo esforzo que require mover a unha persoa de idade avanzada e en ocasións de peso elevado. -Infartos, debido á tensión e sobrefatiga.

Problemas psicolóxicos, como a depresión, xa que non son capaces de asumiren por si mesmos a asistencia ós maiores durante tanto tempo. Ademais, o seu esforzo non é recoñecido polos anciáns, que non son conscientes del. E ós desgustos causados polas patoloxías que aparecen en idades avanzadas, engádese a espera do desenlace final.

Ansiedade por unha sobrecarga de factores psicolóxicos, incluído o desexo de que todo remate canto antes.

Illamento social, problemas coa parella cando é unha filla a coidadora, e absentismo laboral. Isto provoca unha rutina na que só se pensa no benestar do enfermo; o coidador esquécese de si mesmo e vai perdendo o seu equilibrio emocional.

Problemas para acepta-la enfermidade e a deterioración que leva consigo. A nova situación é máis difícil de aceptar para o cónxuxe-coidador que para os seus fillos ou outros familiares, e dáse afrontado amosando o mesmo afecto e o mesmo cariño día a día, asumindo que non ten cura e explicándollela de maneira axeitada a veciños, amigos e familiares.

Alternativas á permanencia no fogar

Nos últimos anos buscáronse alternativas e creáronse servicios para evita-la institucionalización dos nosos maiores. Os gobernos amosan un crecente interese en proporcionar sistemas de apoio á familia para que esta coide ós seus maiores e non deba recorrer a institucións. É por iso que, co fin de favorece-la permanencia dos anciáns no fogar familiar, se están impulsando fórmulas de axuda e compensación a quen dedique o seu tempo ó coidado e atención dos mesmos, e adoptaranse medidas compensatorias para quen teña persoas maiores ó seu cargo en situación de dependencia. Algúns países mesmo adoptaron medidas de estímulo económico para as familias de baixos ingresos que desexen coidar ós seus avós, tales como préstamos a baixo interese e rebaixa de impostos.

Sen embargo, numerosas familias non poden ou non desexan afronta-la enorme responsabilidade que o coidado dun ancián comporta, e moito menos cando require asistencia permanente. As familias que optan por outra fórmula diferente á de asumir sen ningunha axuda o coidado dos anciáns ou os maiores que non desexan vivir cos seus familiares dispoñen de diversas opcións: centros de día (nos que o ancián pasa o día e regresa á súa casa á noite), residencias públicas ou privadas, vivendas tuteladas, fogares do xubilado, teleasistencia e a posibilidade de que o ancián comparta o seu fogar cun mozo (frecuentemente un estudiante que está lonxe da casa).

Algúns programas de axuda ás familias con anciáns na casa.

Axudas "Coidamos ós que coidan" é o nome do programa posto en marcha en 1997 pola Cruz Vermella de Cataluña e a Fundación "La Caixa" nas tres capitais catalanas. O obxectivo deste programa é proporcionarlles un fin de semana de descanso ó mes ás familias, especialmente ás mulleres, sobre as que recae decote esta responsabilidade, que atenden de maneira permanente a persoas maiores incapacitadas na súa casa, e que non contan con recursos abondos para pagaren un servicio privado. Ata a data, este acordo permitiu atender a 227 familias en Cataluña. Cruz Vermella proporciona o persoal, integrado por terapeutas, enfermeiras, fisioterapeutas, traballadores familiares e voluntarios, coordinados por un psicólogo, e fai o seguimento da iniciativa. A Fundación "La Caixa", pola súa banda, asume as custas do proxecto, que ascenden a 75 millóns de pesetas. O programa inclúe, ademais, unha serie de servicios complementarios, como axudas técnicas para determinadas doenzas, detectores de fumes ou a instalación dunha terminal de teleasistencia nos domicilios.

A Generalitat Valenciana, a través da súa Consellería de Benestar Social, tamén conta cun plan de axudas para as amas de casa que teñen ó seu cargo e coidado a anciáns, co obxecto de presenta-la estancia domiciliaria como unha alternativa ás residencias. Desde a súa posta en marcha no ano 1996, beneficiáronse destas axudas 29.124 persoas, que percibiron entre 15.000 e 30.000 pesetas mensuais, en función do nivel da renda familiar. Segundo as previsións, durante o 2001 destinaranse a este fin preto de 2.150 millóns de pesetas.

Outros Gobernos Autonómicos e Deputacións son tamén conscientes das cargas económicas, sociais e emocionais que comporta o coidado dun ancián dentro do medio familiar, sobre todo se o avó ten problemas físicos ou mentais. A Deputación de Biscaia, por citarmos algunha, concede axudas para facilita-lo acceso a Centros de Día a persoas maiores que padezan demencia ou discapacidade física. A contía destas axudas é de 6.000 e 5.547 pesetas por día, respectivamente.

Paginación



Recursos desta páxina



Validaciones desta páxina

  • : Conformidad co Nivel Triplo-A, das Directrices de Accesibilidad para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI
  • XHTML: Validación do W3C indicando que este documento é XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación do W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que os nosos titulares RSS teñen un formato correcto