Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Cámaras compactas autoenfoque: Prestacións aceptables para un usuario pouco esixente

Analizáronse 8 modelos de cámaras fotográficas compactas automáticas, as máis sinxelas, esas nas que non é preciso axustar manualmente a distancia, a velocidade de obturación nin a apertura do diafragma. Algunhas cámaras compactas, máis caras cás aquí estudiadas, incorporan prestacións avanzadas pero as analizadas non dispoñen destes avances. Por iso, o seu prezo é relativamente modesto: custan entre 8.400 e 10.950 pesetas.

 Dos resultados da análise dedúcese que as oito cámaras cumpren a súa función, ó obteren fotografías aceptables para as condicións de emprego habituais dun usuario non experto, aínda que non satisfarían as expectativas dun afeccionado á fotografía ou de quen precisa realizar fotos de calidade artística ou especializadas: deportivas, paisaxes, animais...

Destaca polas súas mellores prestacións Canon Prima AF-8, que é precisamente a máis barata das comparadas. Por outra banda, a información ó consumidor, as instruccións de emprego e a garantía eran correctas en tódalas cámaras estudiadas. En resumo, son cámaras axeitadas para captaren imaxes de familia ou grupo e para gardar lembranza dun acontecemento, viaxe ou excursión. Pero non se lles pode pedi-lo rendemento dunha cámara réflex, máis cara e complexa de usar. Os puntos débiles destas cámaras económicas e sinxelas de manexar son o visor (que non reflicte fielmente o que se fotografa) e o flash, do que debemos esquecernos para fotografar en malas condicións de luz obxectos ou persoas situados a distancias superiores ós 2,5 metros.

Prezo e calidade

  No tocante á calidade, estas cámaras sitúanse a medio camiño entre as cámaras de enfoque fixo e as que inclúen zoom. Quedan lonxe en prezo das máis baratas, as desbotables, que custan arredor de 1.000 pesetas; pero aínda máis lonxe das réflex, polas que deberemos pagar desde 40.000 ata medio millón de pesetas, segundo o noso nivel de esixencia e capricho.

En xeral, as cámaras compactas estudiadas cumpren cos modestos resultados esperados, tanto nas fotos en exteriores coma en interiores e nos primeiros planos.

Son doadas de utilizar e presentan unha información e garantía suficientes. Destacou no conxunto de probas, como xa se adiantou, Canon Prima AF-8 que, ó se-la máis barata (8.400 pesetas) merece o galardón de mellor relación calidade-prezo da análise. A mostra con resultados menos satisfactorios, aínda que aceptables en xeral, foi Olympus Trip XB41AF, que custa 9.900 pesetas.

Desbotables, compactas, réflex...

O mercado ofrece cámaras desbotables (de recente aparición e que se guindan unha vez entregada a cámara xunto ó seu carrete na tenda de revelado), compactas (con ou sen zoom), réflex (as máis caras e só para os realmente afeccionados á fotografía) e dixitais, estas últimas con aplicacións informáticas e prestacións específicas.

Nesta análise comparáronse 8 cámaras compactas autofoco sen zoom. Isto significa que non se pode axustar manualmente a distancia, a velocidade de obturación nin a apertura do diafragma. As oito inclúen autoenfoque, ou o que é o mesmo, os obxectos enfócanse automaticamente. Distínguense así das de enfoque fixo, máis rudimentarias e que enfocan todo o que estea entre un ou dous metros e o infinito, independentemente da súa distancia e con menor precisión cás autofocus. Ó careceren de zoom, non se pode modifica-lo ángulo de toma da imaxe: nunha panorámica, non poderemos fotografar un monumento en concreto.

O visor, o peor

O visor dunha cámara compacta non ten a precisión dunha réflex, na que o usuario ve a través do obxectivo todo o que vai saír reflectido na fotografía e, polo tanto, o encadre correspóndese exactamente co que aparece na foto. Nas cámaras compactas, canto máis preto estea o obxecto que queremos fotografar, máis acusada será a diferencia (o que se chama erro de paralelaxe).

En calquera caso, o que se ve a través do visor da maioría deste tipo de cámaras é xeralmente menor cá imaxe que sairá na foto, o que evita a posibilidade de mutila-lo obxecto principal da fotografía. Non obstante, moitas cámaras inclúen no seu visor unha indicación dos límites reais da foto proporcionando un mellor encadre. Os encadres do visor valoráronse coma bos, non sendo en Konica e Nikon. Na primeira, por dispor só de encadre central e non do limitador. E en Nikon, por ser pouco visible o encadre limitador e non dispor de encadre central. O visor máis preciso foi o de Canon. Os menos fiables, cun "regular" na proba, foron os de Samsung, Olympus, Konica e Pentax.

Dous conceptos esenciais

Diafragma e obturador son fundamentais á hora de facer unha fotografía. O efecto da luz sobre a película depende da luminosidade da imaxe e do tempo ó que expoñámo-lo negativo a esa luz concreta. A luz que entra na cámara contrólase co diafragma mentres que o tempo de exposición se regula mediante o obturador. Nas cámaras compactas, estes dous aspectos contrólanse automaticamente e veñen fixados de fábrica, pero comprobáronse diferencias entre uns modelos e outros. As velocidades de obturación van dun segundo a unha centésima de segundo, agás en Samsung -a súa velocidade foi de 1/125 segundos- e en Minolta, que chega ata 1/250 segundos. Saibamos que canto maior sexa a velocidade de obturación, mellor será a capacidade de fotografar movementos rápidos. Por outra banda, unha cámara con boa luminosidade permitirá facer fotos en peores condicións de luz sen necesidade de recorrer ó flash. Neste apartado, as peores foron Konika e Olympus cunha apertura máxima de diafragma de 6,3. Son "máis escuras" ca Canon, Samsung ou Ricoh, que teñen diafragmas de 4,5.

Aínda que estas cámaras teñan enfoque automático, non pode realizarse a fotografía á distancia que un desexe, porque hai unha separación mínima á que situarse para face-la foto: se nos achegamos máis, a foto sairá borrosa. En Samsung, esa distancia era de 1,3 metros, a peor da proba. As de Canon, Pentax e Olympus permítenlle ó fotógrafo achegarse ata 80 centímetros do obxecto ou persoa que queira fotografar. O resto sitúa esta distancia en 1 metro. Soamente se a cámara conta coa opción de fotografías marco (función que permite achegarse aínda máis) se poderán facer fotos a unha distancia menor.

O flash funcionou ben, pero...

Se non hai luz abonda para face-la fotografía, será preciso usa-lo flash. As cámaras compactas ofrecen prestacións moi inferiores ás do flash dunha cámara réflex, que xeralmente se vende como elemento independente da cámara. Amais de falta de potencia (só Pentax e Konica aseguran iluminar obxectos a algo máis de 3 metros, e non o fan ben) adoitan fallar á hora de iluminaren a escena, pois iluminan en exceso a parte central da imaxe e deixan a escuras o resto. Neste apartado, só Samsung obtén un bo resultado, aínda que recomenda a distancia menor (2,4 metros) xunto con Olympus. Polo tanto, é preciso pondera-los resultados tendo en conta a distancia. Os peores resultados de Konika e Pentax prodúcense a 3,7 metros. Pero esta é a distancia proposta por estas marcas e deberían realizar boas fotografías a esa distancia. A cámara que ofreceu resultados aceptables cunha distancia maior (3,4 metros) foi de novo Canon.

Se facémo-la foto con pouca luz, corrémo-lo risco de que a foto saia movida, ó se-la velocidade de obturación demasiado lenta. Para evitalo, o flash debe dispararse a unha velocidade maior ou avisar, no seu caso, de que a foto sairá mal. Tamén pode pasar que queiramos utiliza-lo flash (para realzar unha escena ou conxelar unha imaxe) en situación de luz suficiente. Nikon, Samsung, Canon e Minolta ofrecen tamén o modo manual, prestación interesante porque permite emprega-lo flash aínda que as condicións de luz non o fagan indispensable. Nikon e Olympus, pola súa banda, incorporan unha función de desactivación do flash en ausencia de carrete.

Ó usa-lo flash, a pupila non ten tempo de contraerse e o fondo do ollo ilumínase de cor vermella, polos vasos sanguíneos da retina. Para evitalo, estas oito cámaras disparan o flash dúas veces seguidas, unha vez para provoca-lo peche da pupila e a segunda para ilumina-la foto. Esta función coñécese como anti-ollos vermellos. Estas cámaras tamén foron probadas en condicións de escuridade absoluta. Sacáronselle fotos a un obxecto situado a metro e medio en total escuridade e de seguido comparáronse os resultados. As mellores foron Samsung, Nikon e Minolta. O resto cualificouse como aceptable.

Primeiros planos, exteriores e interiores

O mellor xeito de comprobar se as cámaras permiten realizar boas fotos é probándoas en distintos escenarios. Comprobáronse os seus resultados tomando primeiros planos e fotografando tanto exteriores coma interiores.

Nos primeiros planos, as mellores foron Canon, Samsung e Ricoh, que tamén resultaron ben valoradas en exteriores e interiores. Konika, Nikon e Minolta só acadaron o aceptable en interiores. Olympus e Pentax quedaron en aceptable tanto en interior coma en exterior. Nas fotos en exteriores, destacaron novamente Canon e Samsung, e tanto en obxecto fixo coma cando estaba en movemento. Pola súa banda, Pentax, Nikon e Minolta só acadaron o aceptable nalgunha das dúas probas, aínda que a Minolta foi a mellor co obxecto en movemento, o que é coherente coa súa velocidade de obturación, a mellor das oito cámaras.

Os modelos de Konika, Ricoh e Olympus cualificáronse como só aceptables nas dúas probas. Para rematar, as fotos de interior con flash (obxecto fixo a 5 e 10 metros) non saíron perfectas con ningunha das oito cámaras. De feito, nas instruccións os fabricantes recomendan distancias máximas para as fotos con flash de entre 2,4 e 3,7 metros. Con obxecto en movemento a 2 metros, seis cámaras obtiveron un ben. Só Konika e Olympus se consideraron tan só aceptables.

O carrete tamén conta

En fotografía empréganse tres sistemas: 35 mm ou paso universal, APS (Advanced Photo System) ou compacto, e o dixital (permite garda-las fotos en disquete, CD ou memoria flash, e en formato dixital). O de 35 mm (negativo de 24 x 36 milímetros) é o máis espallado. O APS diferénciase do anterior polo seu negativo máis pequeno (17 x 30 milímetros) e permite cámaras máis pequenas pero o revelado é máis lento e máis caro e a calidade de impresión é menor (nótase máis nas ampliacións). Tódolos modelos empregan carrete de 35 mm. O transporte da película, pasar á seguinte foto, é automático en tódalas mostras. En cambio, o rebobinado é automático só en Canon, Nikon, Minolta, Ricoh e Olympus. Os modelos de Canon, Minolta, Ricoh e Olympus contan coa función de autodisparador ós 10 segundos, que lle permite ó fotógrafo aparecer na foto, ó darlle tempo a incorporarse "á escena". As oito cámaras requiren para o seu funcionamento dúas pilas alcalinas de 1,5 voltios (tipo LR6). Menos Samsung, todas ofrecen opción para trípode. Todas inclúen ademais correa de transporte, e agás Canon, teñen funda. Ademais, a funda ofrece a posibilidade de enganche no cinto, non sendo no caso de Ricoh. O modelo de Minolta é o único con pantalla de información dixital na que sinala: contador de fotos, axuste do flash, estado de carga das pilas e estado do autodisparador. Tamén só Minolta inclúe un dispositivo contra a apertura accidental da tapa do carrete cando non está rebobinado.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto