Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Buscar traballo require moito tempo e esforzo. Hai que saber cómo e ónde busca-las ofertas, e unha vez atopadas, debemos decidir a quén dirixi-la candidatura para que o noso intento non caia en saco roto.
Aínda que mantén a súa vixencia a fórmula tradicional de realizar un mailing (envío de cartas) ás empresas nas que mellor poida encaixar un perfil profesional e persoal similar ó noso e a non menos convencional iniciativa de contestar ós anuncios de xornais ou publicacións especializadas, Internet introduciuse con forza neste ámbito, o do mercado laboral, e creou un espacio virtual do que tratan de obte-lo máximo rendemento tanto as empresas que precisan de novos empregados coma as persoas que buscan un posto de traballo. Segundo o Estudio Xeral de Medios, un 90% de quen busca emprego na Rede son universitarios, e o seu interese se centra no sector servicios (60%), industria (20%) e tecnoloxías da información (10%). Pero o abano se amplia cada vez máis, e abundan tamén, nestas páxinas web de emprego, as seccións enfocadas á Formación Profesional e ós oficios.
Podemos distinguir tres formatos para busca de traballo en Internet: un, as páxinas web do Instituto Nacional de Emprego (www.inem.es) e outros organismos oficiais, que permiten obter información sobre emprego público; dous, as web que posúen empresas, organizacións ou colexios profesionais para difundi-las súas propias bolsas de traballo, e tres, os portaies especializados en busca de emprego.
Son dúas as maneiras de se organizaren estes sitios web, aínda que sempre será necesario dispor dun enderezo de correo electrónico xa que esta é a canle de transmisión de datos. Algúns portais ofrecen a posibilidade de buscar directamente as ofertas de traballo seleccionando o sector profesional e o país ou provincia onde desexa traballa-lo internauta. Cando se valida a petición aparece unha correlación das ofertas en curso (é o caso de www.trabajo.org).
Outros portais, sen embargo, obrigan a rexistrarse antes de optar á busca (como ocorre en www.todotrabajo.com).
No primeiro modelo, unha vez presentadas as ofertas elíxese a que interesa e obtéñense máis datos sobre o tipo de traballo, o perfil que precisa a empresa, a oferta económica, e mesmo o número de candidatos que se presentaron (www.empleofacil.com).
No segundo sistema, chégase a este mesmo proceso pero previamente esixen identificarse co enderezo de e-mail do solicitante e encher un cuestionario que en ocasións é longo e minucioso (www.jobpilot.es).
Para apuntarse á oferta laboral hai dúas fórmulas básicas. Algúns portais especializados en emprego seguen o modelo anglosaxón de encher un cuestionario sen dar opción ó solicitante a engadir nada (www.mercadis.com), mentres que nos máis usuais hai que completar un formulario (datos persoais, carné de conducir, sector de interese, idiomas, nivel estudios, disposición para cambiar de residencia, titulación, coñecementos profesionais, anos de experiencia e expectativas económicas) e ó final inclúese un espacio para que a persoa engada a súa carta de presentación e o Curriculum Vitae (www.vedior.es). Na primeira opción estase realizando unha selección previa ìde factoî, posto que o formulario é tan complexo (www.jobline.es) e precisa de tantos coñecementos técnicos que se podería dicir que só os máis iniciados en equipos informáticos son capaces de cumprimentar.
Nos dous casos, se non se atopa a oferta desexada nunha primeira busca, pode un subscribirse ó servicio de envío de ofertas.
Así, cada certo tempo recibirá o demandante de emprego na súa caixa de correo electrónico unha listaxe das ofertas de traballo en curso que se axustan ó seu perfil de candidato. Se non se consegue o que se busca, convén visitar de novo as páxinas que máis nos convenceran para realiza-la busca persoalmente e non limitarnos a recibir información.
Por último, os que desexen traballar desde a súa propia casa ou oficina, poden recorrer a páxinas específicas de teletraballo (www.lalinea.com). De igual xeito, para aqueles que queiran ofrece-los seus servicios gratis a cambio de experiencia ou movidos por unha boa causa, o traballo voluntario ten un espacio na rede a través das páginas das ONGs (www.canalsolidario.com).
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI