Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Javier Armentia, astrofísico e director do Planetario de Pamplona: "As asociacións de consumidores deberían defender a quen se sente estafado por adiviños e astrólogos"

Javier Armentia (Vitoria) dirixe o Planetario de Pamplona e desde aí expande os seus coñecementos e opinións a través de diversos medios de comunicación e, ocasionalmente, como un cometa que se traslada con ruta prefixada a través do firmamento, acode a conferencias e coloquios televisivos.

Cando fala en público ou escribe os seus artigos para a prensa fai gala da súa condición de científico e do seu escepticismo, non en van é presidente da Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico.

  Para Armentia, divulga-la ciencia é fundamental para que poidamos alcanzar unha democracia real plena, "por exemplo debemos estar informados sobre os transxénicos e ter unha opinión crítica ó respecto". O entrevistado recoñécese látego implacable das pseudociencias e de toda a cohorte de curandeiros, videntes, astrólogos e alucinados varios que nos invaden desde a TV. Suxire que "os usuarios deses servicios deberían queixarse e esixir responsabilidades cando fallan na súas prediccións". CONSUMER achegouse nos primeiros días deste novo milenio ata o Planetario para charlar con Javier Armentia sobre o futuro que nos agarda, e charlou con este astrofísico baixo o ceo protector dunhas instalacións que dan moito xogo a quen as visita.

¿Como se conta e se explica a astronomía ós non iniciados?

É un tema moi amplo, aínda que partimos dunha vantaxe: á xente chámalle a atención o ceo. O público non coñece moito do firmamento, porque non o ve. Nas cidades iluminámo-lo ceo no canto de ilumina-las rúas, co que perdemos un espectáculo marabilloso que só descubrimos nas vacacións, cando estamos no campo ou na praia. Sentimos curiosidade polo ceo e á vez pensamos que é complicado, pero non o é tanto. Hai que ter paciencia, como cando visitamos por primeira vez unha gran cidade.

Para entende-lo ceo podémonos guiar por mapas, planisferios ou enciclopedias temáticas que nos explicarán qué é o que vemos en cada momento. É máis fácil de entender nos planetarios, onde a astronomía se presenta coma un xogo ou coma un grande espectáculo audiovisual: cando anoitece podemos ve-lo ceo e os seus elementos movéndose. Os planetarios están máis pensados para quen non coñece a astronomía que para os afeccionados a ela, que xa dispoñen das súas propias ferramentas, como os grandes telescopios.

¿Corremos un perigo real con tanto satélite artificial xirando por riba das nosas cabezas?

Non hai problema, xa que estes satélites normalmente fundiríanse ó atravesa-la atmosfera pola velocidade en que viaxan, duns 30.000 quilómetros por hora. Iso si, ás veces cae algún anaco. A nave Skylab deixou caer un sobre Australia, e da Soyuz 7 desprendeuse outro fragmento que caeu nos Andes. En febreiro van baixa-la estación Mir, se non cae antes, e aínda que a van dirixir ó Pacífico, como nos dous casos anteriores, sempre cabe a posibilidade de que algún anaco caia nun sitio non previsto. De tódolos xeitos, creo que podemos estar tranquilos ó respecto./

¿Por que conceden os especialistas tanta importancia ós eclipses e ós cometas?

Estes fenómenos permítennos ós divulgadores científicos achega-la xente ós nosos saberes e quefaceres. É como cando os medios de comunicación celebran o centenario dun músico e iso lles permite falar da ópera, por exemplo. As efemérides son escusas para abordar certos temas. Qué mellor que o enganche dun eclipse de sol para falar e explicar cuestións do firmamento, ou para animar a que botemos unha ollada ó ceo. Eses fenómenos, como as conxuncións de planetas, cometas, eclipses... eran vistos na antigüidade coma presaxios de desastres e agora contemplámolos tranquilos, sabemos que non acaba o mundo e que os desastres seguen ocorrendo igual.

¿Haberá que converter en parques temáticos os museos da ciencia e os planetarios para que acuda máis público a eles?

Este tipo de sitios non son exclusivos para o público infantil, e cada vez máis ofrecen contidos científicos atractivos, nada complicados ou aburridos. Un dos grandes erros da xente é crer que isto da ciencia é unha leria. Todo o contrario, é moi divertida e nós tratamos de mostrar ese compoñente de sorpresa que ten a ciencia. Intentamos que o público se enfronte ó mundo de forma curiosa e que se interrogue por todo aquilo que ve. En definitiva, gustaríanos que os adultos se divertisen cun lecer máis interactivo, que os habilite para preguntar e critica-lo que perciben. Estes centros dispoñen dunha tecnoloxía que permite adereza-la mensaxe de forma espectacular: grandes audiovisuais, aparellos que se moven, raios láser... pero todo isto non funcionaría sen o máis importante, unha historia apaixonante que contar.

¿Por que os divulgadores científicos coma vostede atacan as ciencias ocultas, pseudociencias e disciplinas similares?

As pseudociencias poderiamos definilas como algo que se nos está vendendo nos medios de comunicación, sobre todo na televisión, e que intentan explicar cousas para as que a ciencia non ten resposta. Son fenómenos paracientíficos, entendidos como aquilo que está fóra da ciencia, aínda que non lles importe vestirse coas galas desta. Por exemplo, sempre hai unha universidade descoñecida que din que avala as súas teses. Son falsas ciencias (a astroloxía, os aparellos voadores, os poderes ocultos da mente...), que pretenden pasar por ciencias cando non o son. O labor dos científicos é someter a crítica as investigacións, cousa que estas falsas ciencias non fan.

¿Ten algún fundamento científico a astroloxía? ¿A que atribúe o enorme auxe que gozan os horóscopos, o tarot ou os videntes?

Definitivamente, ningún. A astroloxía hai que entendela dentro desa necesidade de predici-lo que nos sucederá, que nin sequera é unha característica exclusiva do ser humano. Se hai animais supersticiosos, como as pombas, que repiten actos por moi pouco lóxicos que sexan se os asocian con beneficios concretos, cómo non o imos ser nós. Queremos interpretar signos que nos axuden a deambular por un mundo cada vez máis cambiante, e a entendelo. Neste sentido, a astroloxía nace da crenza de que o ceo é perfecto, harmónico... unha especie de encerado onde nos avisarán de cómo vai se-lo noso futuro. É unha visión mítica que non ten sentido hoxe, pero que se sustenta polo negocio que se montou ó seu redor. O mesmo que o tarot, a lectura de mans ou a bóla de cristal, grandes negocios nos que o cliente non pode reclamar, porque non hai constancia diso ó non existir contratos nin facturas. Cómo reclamo se non aparece nun mes o millonario que me ía botar de mozo. Ou se non aprobo o carné de conducir que un mago vaticinara ía conseguir á primeira.

¿Que papel corresponde ós consumidores ante este o éxito do esotérico e dos productos milagre?

O papel das asociacións de consumidores e dos poderes públicos é fundamental. Estamos falando dun mercado, con xente que vende e xente que compra, e como cidadáns témo-lo dereito a estar protexidos das cousas que non funcionan. Durante anos, vendéronnos almofadas cervicais que non aliviaban ningunha dor e vímonos invadidos por pulseiras magnéticas e por imáns para a auga de todo inútiles que se vendían con altos prezos, mesmo en farmacias. As asociacións de consumidores deberían defende-la xente que se sinte estafada cos adiviños, cos que che limpan a aura e con individuos similares, así como os clientes que compran productos milagre que non serven para nada. Para empezar, pódese facer algo tan sinxelo como esixir factura por estes servicios, para que polo menos coticen a Facenda.

¿Por que cremos con tanta facilidade fenómenos estraños como o que ocorreu o ano pasado cos anacos de xeo supostamente procedentes da atmosfera?

Sígome sorprendendo destes acontecementos incribles como, sen máis, entran na nosa vida como una vaga, normalmente pola televisión. Eu creo que son as ganas de crernos que o mundo é máis sorprendente do que é, en vez desas cousas máis ou menos aburridas que nos pasan tódolos días. Cando ocorre un fenómeno coma o dos frigolitos caídos do ceo créase tal expectación que todo o mundo acaba involucrado. Ademais, ten un efecto mimético e moita xente empeza a ver tamén o fenómeno. Ocorre igual que cos OVNIS, unha persoa ve un aparello voador e nunha semana son centos os que os avistaron. No caso dos xeos, houbo un equipo de investigación que dixo que só uns poucos proviñan da atmosfera. Pero esa noticia non tivo o impacto conseguido polos primeiros frigolitos caídos e non se puido borrar esa imaxe de paranormal que tivo esa choiva xeada.

Este tipo de noticias vende e o público consómeas avidamente. A experiencia dunha muller cun extraterrestre ou de alguén que viu a Virxe e por riba lle cura unha parálise, por moi pouco crible que resulten estes feitos, atrae moito á xente e entretena. Polo contrario, as explicacións científicas requiren máis tempo nun medio televisivo que non está dispoñible para esta divulgación racional e precisa. Para conseguir audiencia, é moito máis eficaz o entretemento, a troupe Tamara, que explicar cientificamente en qué consiste o mal das vacas tolas e as súas consecuencias médicas, un tema que necesita divulgación.

¿Por que a divulgación científica é una aposta pola democracia real e polo futuro da humanidade?

Estamos encamiñados cara a unha sociedade da información na que hai importantes decisións pendentes que teñen que ver coa ciencia. Por exemplo, coas cuestións do medio natural, como a capa de ozono ou o quecemento global, hai que adoptar decisións, moratorias, realizar cumios como o de Río ou Kyoto, e todo isto ten que ver coa ciencia. Hai unha bagaxe científica que alguén debe contar axeitadamente ós cidadáns. Outro grande abano de temas é o relacionado coa xenética, a biomedicina, a clonación... Temos que preguntarnos se as decisións políticas se están tomando cunha base moral ou relixiosa ou con fundamentos científicos. A xente ten que saber qué é todo iso e aí é onde entra a divulgación científica, no labor de conseguir que os cidadáns teñan unha opinión fundada das cosas que os afectan.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto