Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Analizáronse 8 ferros de pasar eléctricos a vapor de potencia media, entre 1.400 e 1.750 watts. Os prezos de sete das oito mostras son similares e móvense entre as 6.690 pesetas de Moulinex Ocealys 250 e as 7.990 pesetas de Efesa Milenium. A excepción a esta homoxeneidade de prezos represéntaa Jata Avant Garde, que custa só 3.995 pesetas.
As dúas principais conclusións do estudio son que todos cumpren a normativa de seguridade eléctrica e que, agás un (Rowenta Delphino) que quedou en "regular", superaron con ben a proba práctica de pasa-lo ferro.
O que marca a diferencia entre os ferros de pasar eléctricos a vapor é a calidade de aplicación do vapor -se é regulable ou non, e en qué medida é efectiva a regulación- e a cantidade de vapor que emite. Na función da aplicación do vapor, aspersión e sistema antigoteo destacan Moulinex, Philips e Tefal. O peor neste apartado é o ferro de pasar de Rowenta, e séguenlle en mediocridade os modelos de Jata e Fagor.
Por outra parte, os resultados no ensaio de calidade de repaso foron parecidos e só destacaron Moulinex - o mellor, obtivo un "moi ben"- e Rowenta Delphino, o peor, cun "regular". En resumo, agás o modelo de Rowenta (que suspendeu en varias probas), estes ferros de pasar son de calidade aceptable ou boa. Tendo en conta as características destes oito ferros de pasar (potencia, lonxitude e mobilidade do cable, peso, ángulo da punta...), o prezo e as diversas probas realizadas (seguridade eléctrica, forza necesaria para arrastra-lo ferro de pasar, aplicación do vapor, sistema antigoteo, uniformidade da temperatura na sola do ferro de pasar e avaliación práctica do repaso), a mellor relación calidade-prezo corresponde a Moulinex Ocealys 250 porque, ademais de se-lo segundo máis barato, é o que mellor deixou as pezas de roupa e destaca na aplicación de vapor, na aspersión e na accesibilidade da súa punta ás zonas difíciles.
Outra opción a ter en conta é Jata Avant Garde: cun prezo moi inferior ó dos demais (custa só 3.995 pesetas), traballa ben e só falla na aspersión, por empapar en exceso a peza de roupa, e na escasa lonxitude do seu cable.
Gracias ó vapor, ó usar estes aparellos non cómpre recorrer a un pulverizador ou a un pano húmido para pasarlle o ferro á roupa. Como se sabe, canto máis fina sexa a peza de roupa menos vapor se require, de aí a conveniencia de que os ferros de pasar conten cun regulador de saída de vapor que permita axeita-la intensidade de vapor ó tipo de peza de roupa que se desexa repasar.
Tódolos estudiados dispoñen de aplicación de vapor regulable, cunha posición para a aplicación extra. Contrastouse en laboratorio a eficacia do sistema de regulación de vapor nestes oito ferros de pasar, a uniformidade do fluxo de vapor na posición de máximo e a eficacia do sistema de vapor extra. Tamén se comprobou se o ferro de pasar pingaba nesta posición, e igualmente se mediu o consumo de vapor na posición máxima. En opinión dos técnicos, a mellor aplicación de vapor corresponde a Moulinex. Os demais, salvo Fagor (que xerou a mesma cantidade de vapor con independencia da regulación elixida e mereceu por iso só un "regular"), aprobaron neste apartado.
Para substituí-lo pano húmido, os ferros de pasar contan cun pulverizador de auga. Nesta función de aspersión destacaron, cun "moi ben", os ferros de pasar de Moulinex, Philips e Tefal que son, tamén globalmente, os tres mellores dos estudiados. Solac e Fagor mereceron un "ben" e Ufesa hóubose de conformar cun "regular". Os peores na aspersión foron Jata e Rowenta, que deixaron a roupa empapada. Tanto o vapor como a auga asperxida necesitan unha certa estanquidade para que as pezas de roupa non se mollen en exceso. Para iso, algúns ferros de pasar (nesta análise, Fagor, Moulinex, Philips e Ufesa) contan cun sistema antigoteo. As probas antigoteo realizadas en laboratorio revelaron que esta función era insuficiente en Rowenta e "regular" en Fagor (aínda que teña sistema antigoteo) e Solac, mentres que no resto foi boa, a pesar de que Jata e Tefal non dispoñen de sistema antigoteo. En resumo, na aplicación do vapor, a aspersión e o sistema antigoteo destacan Moulinex, Philips e Tefal. O peor neste apartado é o ferro de pasar de Rowenta, e séguenlle en mediocridade os modelos de Jata e Fagor.
Un ferro de pasar pesado acaba antes coas engurras difíciles, aínda que ó usuario lle custe máis movelo. O peso dos modelos analizados variou entre os 1,16 quilos de Rowenta Delphino e os 1,51 quilos de Solac Turbomax 400. Poden parecer, en principio, máis cómodos de usar os ferros de pasar lixeiros xa que aparentemente facilitan o manexo ó requiriren un menor esforzo para movelos cando se traballa con eles. Esta hipótese non se confirmou de todo na análise. A forza de arrastre foi similar, entre 4 e 5,5 Newtons, en tódolos ferros de pasar excepción feita de Tefal, o que menos forza require para desprazarse, con só 3,4 Newtons a pesar de que é un dos máis pesados, cos seus 1,34 quilos. A comodidade de uso neste aspecto da forza que se require para despraza-lo ferro de pasar, considerouse satisfactoria en tódalas mostras comparadas.
Por outro lado, segundo afirman os técnicos, para pasa-lo ferro satisfactoriamente sen necesidade de cable alongador é conveniente que o cordón do aparello teña cando menos dous metros de longo. En Jata Avant Garde e Rowenta Delphino, ambos con 1,8 metros de cable, non alcanza a lonxitude desexable. O cordón máis longo foi o do modelo de Fagor, con 2,5 metros de cable. É conveniente, así mesmo, que o cable do ferro de pasar poida moverse en todas direccións; sen embargo só Fagor e Jata teñen un cable pivotante, que pode xirar 360 graos. O do resto é oscilante e o seu xiro é de 180 graos. Por último, para pasárlle-lo ferro ben ás botoeiras devén decisivo o deseño da punta do aparello. A de Moulinex é a máis afiada, polo que é máis sinxelo chegar con este ferro de pasar ás zonas de difícil acceso das pezas de roupa. No outro extremo, Fagor, Solac e Rowenta son os de punta menos afiada.
Para non queima-la roupa ó mínimo descoido en que incorra o usuario, a sola do ferro de pasar non debe superar certas temperaturas para cada unha das posicións do termóstato: 110 graos ó mínimo (para fibras sintéticas), 150 graos na posición intermedia (para seda e la) e 200 graos na máxima (para pezas de algodón). Só Rowenta superou o valor recomendado na posición mínima, ó alcanzar 116 graos centígrados. Rowenta e Tefal achegáronse ós máximos no resto de posicións; quizais esta sexa a causa de que se apreciaran restos de fibras na sola destas mostras trala proba de pasa-lo ferro. As demais mostras ofreceron valores de temperatura afastadas do máximo e, polo tanto, satisfactorias. De todos modos, a temperatura alcanzada era suficiente para un correcto funcionamento en tódolos casos.
Outro aspecto de interese nas prestacións dos ferros de pasar a vapor é a uniformidade da temperatura en toda a sola do electrodoméstico. A mellor presentouna Philips, único con "moi ben" e a peor Rowenta, única que obtivo un "mal". A uniformidade de temperatura dos modelos de Fagor e Moulinex quedaron en "regular". Ufesa, algo mellor, alcanzou un "aceptable", e as outras tres (Tefal, Solac e Jata) conseguiron un "ben". Por último, tódolos ferros de pasar quecen nun período de tempo similar e, en tódolos casos, é satisfactorio. O que menos tarda en situarse en situación de operatividade é Jata Avant Garde (un minuto e un segundo) e o que máis, o modelo de Fagor, cun minuto e medio.
As normas de seguridade eléctrica para estes electrodomésticos veñen reguladas polas normas europeas EN 55014, EN 61000-2-3 e EN 60335-1. Compróbase, mediante elas, a protección contra choques eléctricos (a probabilidade dun contacto directo do usuario con partes susceptibles de producir descargas eléctricas), a corrente de fuga (que mide o illamento a través da máxima intensidade de corrente que podería atravesa-lo aparello, a rixidez dieléctrica (outra medida do illamento) e a resistencia á calor e ó lume. Tamén se realizaron ensaios de compatibilidade electromagnética para comprobar que os ferros de pasar non inflúen ou interfiren a través da rede noutros aparellos conectados á mesma.
Tódalas mostras cumpriron a plena satisfacción coa normativa, polo que cabe valora-los resultados como positivos. É salientable que o ferro de pasar de Fagor incorpora un dispositivo extra que aumenta en moito a súa seguridade, ó se desconectar automaticamente se se excede o medio minuto co electrodoméstico inmóbil. En canto á potencia, a destes oito modelos oscila entre os 1.400 watts de Rowenta e os 1.750 watts da segunda posición de Philips. Catro teñen 1.600 watts, mentres que Solac queda en 1.500 watts.
Tódolos ferros de pasar estudiados inclúen un dispositivo para enrosca-lo cable, un depósito de auga fixo, o mecanismo de vapor (regulable, extra e sen vapor), un piloto indicador de quecemento, un botón para asperxi-la auga e un repousa-ferro de pasar. Ademais, a maioría (só carecen del Philips e Solac) contan cun filtro antical. Agás Jata e Ufesa, dispoñen tamén dun sistema de autolimpeza.
O dispositivo antigoteo é xa menos maioritario, ó contar con el só os modelos de Fagor, Moulinex, Philips e Ufesa. Por último, só Fagor ofrece a función de desconectado automático, que en caso de esquecemento do ferro de pasar aceso evita a posibilidade de queimaduras nos tecidos ou mesmo de accidentes máis graves. Os oito modelos, por outro lado, ofrecen garantía para compoñentes e man de obra. A maioría téñena de 12 meses, mentres que Solac e Ufesa amplían o prazo, só para os compoñentes, a 24 meses. Os documentos destas garantías son correctos, coa excepción do de Tefal que non deixa espacio para o titular de tal garantía. As instruccións de uso valoráronse como correctas en tódalas mostras.
Como é preceptivo, nestes oito electrodomésticos figuran o nome e enderezo do fabricante ou importador na Unión Europea. Por último, todos informan dos servicios técnicos dispoñibles ou informan dun número de teléfono de atención ó consumidor ó que se dirixir en caso de problemas ou avarías.
En laboratorio, cun tecido de algodón preacondicionado segundo o definido na norma UNE-EN 60311, e aplicando a mesma forza de arrastre e coa mesma carga de auga nos ferros de pasar, realizouse a proba práctica de repaso. Os resultados foron avaliados polos técnicos e as conclusións son que o mellor comportamento, o repaso da roupa máis fácil e satisfactorio, correspondeu a Moulinex Ocealys 250. Rowenta, que conseguiu un "regular", foi o único con resultado non satisfactorio; o resto obtivo un "ben" nesta proba. Lembremos que o modelo estudiado de Rowenta presentaba fallos tanto no sistema de aspersión como no antigoteo e na uniformidade da temperatura na sola do ferro de pasar.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI