Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Sinusite: Ventila-las fosas nasais, clave para mellorar

A sinusite é unha inflamación dos seos nasais, as cavidades ocas que temos dentro dos ósos da meixela e que se localizan ó redor e detrás do nariz

  Estes seos quentan, humedecen e filtran o aire na cavidade nasal. Esa é a súa función primordial, pero, ás veces, a ventilación falla e as fosas nasais obstrúense, o que pode ocasionar sinusite. Xeralmente, a sinusite preséntase con posterioridade a infeccións das vías respiratorias altas, como as catarreiras (tan frecuentes nestas épocas do ano), que aumentan o tamaño da mucosa do nariz e dos seos paranasais, á vez que fan medra-la producción de moco. Sen embargo, tamén algunhas reaccións alérxicas con abundante mucosidade e conxestionamento nasal poden taponar estes orificios nasais. A sinusite provoca síntomas dolorosos e incómodos e ocasiona numerosas baixas laborais. Nos Estados Unidos o 15% da poboación padece cando menos un episodio desta enfermidade ó ano.

Síntomas: difiren segundo o tipo de sinusite

Os síntomas máis frecuentes da sinusite aguda son dores de cabeza, secreción mucosa, ás veces mucopurulenta (secrecións nasais con pus) e, ocasionalmente, febre. Tamén pode sangra-lo nariz (epistaxe), e termos tose e falta de olfacto (hiposmia, diminución do olfacto, ou anosmia, perda completa do olfacto). Na sinusite aguda a dor localízase ó redor do ollo, debaixo da súa órbita ou na fronte, e pode ser intenso. E ó premer co dedo á altura dos seos prodúcese dor en moitos casos. Na sinusite crónica a dor é menor e mesmo pode non habela, pero a secreción purulenta ou mucopurulenta e o conxestionamento nasal permanente tamén aparecen. O afectado sente, ás veces, mal sabor de boca e non é rara a halitose. O conxestionamento nasal provoca tamén voz nasal. Nos nenos con sinusite crónica é frecuente a tose, mesmo como síntoma dominante.

Melloran as técnicas de diagnóstico

  O diagnóstico da sinusite aguda é doado. No 85% dos casos a enfermidade detéctase na consulta do médico de cabeceira: a historia clínica, os síntomas e unha exploración física son abondos. O tratamento da sinusite aguda tampouco presenta problemas: combate-la infección, desconxestiona-la mucosa e facer unha boa drenaxe dos seos son os obxectivos. A duración do tratamento prolóngase uns 10 ou 12 días para evitar que a sinusite volva aparecer e asegurármonos de que a curación é definitiva. Hoxe en día, a administración de antibióticos fai pouco frecuentes as complicacións e xa non se observan casos de osteomielite (inflamación simultánea do óso e da medula ósea), abscesos (acumulación de pus)...

Un problema distinto é o que temos cando a sinusite se presenta de maneira repetitiva (recidivante). Nestes casos hai que considera-la posibilidade dun problema alérxico e realizar un diagnóstico correcto mediante probas alérxicas, determinación de inmunoglobulinas, etc. Polo xeral, esta clase de sinusite asóciase á rinite alérxica e o tratamento é máis complexo, xa que cómpre administrar antihistamínicos, desconxestivos e, ás veces, corticosteroides.

Na sinusite crónica recidivante (que rexistra máis de catro episodios ó ano), o tratamento complícase e pode xerar frustración, xa que a enfermidade resiste a moitos tratamentos. Vólvese fundamental realizar un diagnóstico do estado dos seos e das mucosas. Para iso, os especialistas dispoñen hoxe en día da tomografía axial computarizada (TAC), que permite aprecia-lo contido e a anatomía dos seos, valora-las acumulacións de moco e pus, visualiza-lo estado dos orificios que permiten a drenaxe e ver qué seos están afectados, aspectos difíciles de valorar en moitos casos coa radiografía convencional. Confirmado o diagnóstico, o tratamento debe durar cando menos catro semanas con antibióticos axeitados. Ademais, cómpre efectuar un antibiograma e tomar desconxestivos, antiinflamatorios... Se se consegue unha boa drenaxe dos seos, é posible o éxito e a curación definitiva, pero ás veces esta non se produce, e daquela hai que considera-la cirurxía.

Método caseiro para desconxestiona-las fosas nasais

A ducha nasal, ou lavado con auga salgada, é un método moi común para desconxestiona-las fosas nasais cando se sofre unha catarreira. Este método permite respirar mellor, drenar ben os seos e desconxestiona-la mucosa e, polo tanto, previ-la sinusite aguda.

A ducha nasal consiste en colocar auga morna nun recipiente, salgala e introducir despois o nariz e aspirar a modiño, sentindo como penetra a auga, ata que se sente que chegou á farinxe a través das fosas nasais. Entón débese expulsar suavemente tamén a través do nariz. É preciso repetir este proceso varias veces. Inmediatamente despois sae moita mucosidade do nariz, pero nótase un grande alivio e unha respiración máis fácil. Un par de sesións ó día, durante 4-5 días, son abondas nas catarreiras comúns. Se se padece sinusite común non complicada, cómpre consultarlle ó médico a conveniencia ou non de efectuar este lavado, aínda que polo xeral facelo non ocasiona problemas. O efecto que se consegue con este método é semellante á sensación que sentimos cando no verán, mentres nos bañamos no mar, a auga salgada penetra polo noso nariz, xa que a ducha nasal non é outra cousa ca iso e os ioguis emprégana desde a antigüidade.

Aerosois e cirurxía nos casos máis difíciles

Antes de optar polo quirófano, non sendo que existan argumentos de peso para a intervención cirúrxica, pódese intentar outra solución máis sinxela: a curación con aerosois, técnica empregada menos do conveniente. E é que co uso de aerosois, os medicamentos alcanzan os seos nasais e producen un efecto de desconxestionamento, que na maioría dos casos abre os orificios e permite unha óptima drenaxe e ventilación dos seos. Entre 15 e 25 sesións de aerosol, a unha media de dúas por día, constitúen unha boa terapia e poden rematar co problema. A toma de aerosois realízase con aparellos que se poden alugar ou mercar. Ademais, pódese efectuar no propio domicilio, xa que o manexo destes aparellos e a preparación da mestura de medicamentos resultan doados. Só é preciso considera-la alternativa cirúrxica cando tódolos medios terapéuticos fallaran, o estudio radiolóxico revela alteracións anatómicas ou se rexistran complicacións. Hai varias técnicas de lavado sinusal, entre elas ensancha-los orificios, unha drenaxe efectiva e mellora-la ventilación dos seos e reseca-las mucosas hipertrofiadas e enfermas. Polo xeral, despois da cirurxía hai que seguir un tratamento con medicamentos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto