Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Inmigrantes, buscando unha oportunidade: O Nadal lonxe da casa, sen traballo nin vivenda

O Nadal achéganos un tempo de nostalxia, relacionamos estas datas co reencontro familiar, os encontros distendidos cos amigos...

Sen embargo, milleiros de persoas que viven preto de nós pasarán estes días moi lonxe dos seus achegados, fóra dos seus países, nunha terra estraña que queren coñecer e na que desexan vivir.

  O Informe Mundial das Migracións 2000, publicado este pasado outubro en Xenebra, denuncia que as restrictivas políticas de inmigración aplicadas na Unión Europea durante os últimos anos provocaron a diminución do número total de inmigrantes instalados legalmente e o aumento do número de persoas que entran clandestinamente nos países comunitarios. En España, segundo o último censo de 1999, viven 550.000 estranxeiros establecidos de xeito legal, pero estímase que outras 150.000 persoas residen no noso país sen papeis. En España, o fenómeno da inmigración aínda é incipiente: está aínda moi lonxe de Alemaña, que, con 7.315.000 estranxeiros vivindo no seu territorio, é o país que maior número de inmigrantes acolle en Europa, seguido de Francia (3.600.000), o Reino Unido (2.125.000) e Bélxica (890.000 inmigrantes).

A inmigración, en cifras

Este ano, 244.377 inmigrantes residentes en España presentaron os documentos para acreditaren que estaban no país antes do primeiro día de xuño de 1999 e solicitáronlle á Administración que legalizase a súa situación. Pero trátase dunha conxuntura moi específica, xa que a Lei de Estranxeiría (que se revisa estes días no Congreso dos Deputados) abriu o prazo para que, de maneira extraordinaria, as persoas que probasen unha estancia de máis de dous anos en España puidesen obte-los papeis. Este proceso extraordinario para regulariza-la situación de estranxeiros concluíu o pasado 31 de xullo e agárdase que a comezos do 2001 foran revisadas tódalas peticións. A Delegación do Goberno para a Estranxeiría e a Inmigración revisou xa 204.506 das solicitudes presentadas, das que estimou positivamente 126.731 e arquivou outras 4.624 por defectos (documentación incompleta ou insuficiente...). E un total de 73.151 estranxeiros viron denegada en primeira instancia a súa solicitude para obteren a documentación que acredita a súa situación legal, aínda que poden apelar aínda a decisión administrativa. De tódolos xeitos, prevese que o número de permisos vai ser substancialmente reducido os anos vindeiros.

Obxectivo: atopar traballo

Quen non consiga engrosa-la lista de "legais" volverá á situación inicial na que están moitos inmigrantes: chegan a España como turistas e, no mellor dos casos, son acollidos por un familiar, amigo ou coñecido. Tódolos seus esforzos céntranse daquela en conseguir un posto de traballo que lles permita alimentarse e alugar unha vivenda ou habitación. Teñen que supera-la fase de estar no país de maneira irregular (un turista non pode traballar). O obxectivo final é acada-lo permiso de residencia, que dá dereito a permanecer no país e a ser contratado nas mesmas condicións ca un traballador nacional. Pero, para iso, deben atopar alguén que queira contratalos, e esa persoa (tan estratéxica para calquera inmigrante en situación irregular) converterase no mentor que avale a razón pola que queda en España: ocupar un posto de traballo.

Permisos de continxentes

A esta situación pódese chegar pola vía ordinaria, pero tamén a través do permiso de continxentes. Os permisos de continxente son unha fórmula para garanti-la cobertura de ofertas de emprego non atendidas polo mercado nacional de traballo. Cada provincia conta cun número limitado de permisos, por iso se forman longas fileiras diante das oficinas oficiais que os tramitan. Poden solicitalo persoas que xa contan cun posto de traballo ou que desexan conseguir un. O período de solicitude ábrese a finais de xaneiro de cada ano e remata catro meses despois. O problema reside en que sempre son máis as solicitudes cás concesións, polo que, para o inmigrante, contar cunha boa cualificación profesional ou especialización nun sector que demande emprego resulta determinante. Este ano 2000 foron concedidas ata un máximo de 30.000 autorizacións para o emprego de traballadores estranxeiros non residentes legalmente en España; aínda non se sabe qué acontecerá o vindeiro ano con esta fórmula.

Cómo se solicita a documentación

O empresario ou empregador responsable da oferta de traballo debe formula-la solicitude nas Direccións Provinciais de Traballo, Seguridade Social e Asuntos Sociais ou nas Oficinas de Estranxeiros, dependentes funcionalmente daquelas, nas provincias nas que existan. Tamén se pode cursar na Dirección Xeral de Ordenación das Migracións, nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración Xeral do Estado ou dunha comunidade autónoma ou nas entidades locais concertadas, e nas oficinas de Correos.

Os modelos oficiais son facilitados gratuitamente. Tódolos impresos deberán ser cumprimentados correctamente (calquera erro pode repercutir negativamente na tramitación). Os impresos deben ser asinados polo empregador ou empresario, e nos lugares reservados a este fin. Para a tramitación do expediente é preciso compulsa-las copias dos documentos presentados e deberán presentarse os orixinais no momento de formula-la solicitude, aínda que tamén a autoridade competente poderá autentica-los documentos (consulados, notarios, órganos expedidores do documento, etc.)

A lei de Estranxeiría, criticada polas organizacións sociais

En decembro de 1999 aprobouse a nova Lei de Estranxeiría no Congreso dos Deputados e pechouse o proceso iniciado un ano e medio antes para reforma-la Lei de 1985. Pero pasado o período electoral, o Goberno decidiu reformar de novo a Lei aprobada o pasado ano e vixente desde febreiro do presente ano. As modificacións anunciadas apuntan a un retorno á óptica da Lei do 85 e, segundo as ONG, as consecuencias dos cambios anunciados son negativas, tanto para a situación da poboación inmigrada coma para a percepción social do feito migratorio. Case 60 emendas sobre un total de máis de 300 presentadas foron finalmente introducidas no texto que será presentado en breve no Congreso dos Deputados para a súa aprobación. As ONG insisten en que o peor da Lei de Estranxeiría é que mantén no texto o concepto de "inmigrante ilegal", o que supón un paso atrás, achegando de novo a Lei á de 1985. No novo texto tamén se recollen suxestións do Poder Xudicial, pero ningunha das relativas ós dereitos fundamentais dos inmigrantes sen papeis.

Para as ONG, a Lei prexudica ós inmigrantes indocumentados. Cuestións como a volta ás expulsións dos irregulares, a negación dos dereitos de folga e asociación ós estranxeiros sen permiso de residencia ou o aumento do prazo de estancia esixido para acceder á regularización permanente lévanas a "temer que se incremente a bolsa de estranxeiros que viven e traballan en España pero ós que se lles nega a condición de cidadáns". Por outra banda, segundo as ONG, o Goberno considera o fenómeno da inmigración en termos economicistas e xustifica a regularización de inmigrantes sempre que beneficie á economía do país.

A presión social que se exerceu sobre o primeiro borrador, articulada polas ONG, partidos da oposición, Igrexa e diversos movementos sociais, logrou suavizar en parte o seu contido, pero aínda (na súa opinión) non se acadou o máis importante: que se deixe de considerar a estas persoas como legais ou ilegais, é dicir, que os seus dereitos fundamentais non dependan da súa situación regular ou irregular a nivel legal.

O maior temor das ONG é que a Lei quede suavizada coa introducción de emendas, pero que os regulamentos para a súa aplicación alteren dereitos fundamentais destas persoas.

ONG que axudan e acollen inmigrantes

  • SOS Racismo. ONG de orixe francesa creada en 1984 para responder ó racismo emerxente no seu país. Páxina web: www.sosracisme.org Teléfono: 93 4126012.
  • CITE-CCOO. Centro de Información para Traballadores Estranxeiros. Vinculado a Comisións Obreiras de Cataluña, funciona desde hai 14 anos. Teléfono: 93 4812720. Saier. Fundada hai 10 anos, engloba a CITE e AMIC (UXT) e dedícase a ofrecer orientación xurídica, con axuda do Colexio de Avogados de Cataluña. Páxina web: www.iepala.es/guia_ref/guia-f10.htm Teléfono: 93 292 40 78.
  • Andalucía acolle. ONG formada en 1986 por varias asociacións de axuda ós inmigrantes. Responde ás necesidades básicas dos que chegan a terras andaluzas e trata de regulariza-la súa situación e atoparlles vivenda. Páxina web: www.columbus-digital.com/huelva-acoge Teléfono: 95 4900773.
  • Colexio de Avogados de Zaragoza. Ofrece desde a súa páxina web unha das mellores fontes de información sobre a lexislación que afecta ós inmigrantes. Páxina web: www.reicaz.es Teléfono: 976 29 27 56.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto