Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Estacións de esquí: Deporte e lecer si, pero respectando a natureza

O xa recorrente debate entre conservación dos recursos naturais e progreso, entre beneficios económicos e equilibrio sostible, entre mercadotecnia e ecoloxía, trasládase cada comezo do inverno a 2.000 metros de altura sobre o nivel do mar, ós cumios máis altos das cordilleiras, que é onde se localizan as estacións de esquí ou onde se proxectan as próximas.

  Co paso dos anos, a iniciativa industrial foi capaz de colocar nas alturas telesquís, telecadeiras, cabinas e teleféricos que superan mil metros de desnivel en poucos minutos e de inventar aparellos cos que "crear" neve cando escasea porque as precipitacións meteorolóxicas non son abondas. Do mesmo xeito, construíronse modernos complexos de apartamentos e hoteis nas propias estacións de esquí e nas súas zonas contiguas. Trasládase así ó cume das montañas, a un espacio natural tradicionalmente virxe, todo o movemento que orixina a presencia masiva do ser humano, co que isto supón: novas vivendas, hostalería e comercio, infraestructuras como luz, auga e estradas, contaminación atmosférica, refugallos domésticos, impacto paisaxístico e sociocultural... Na opinión das asociacións ecoloxistas consultadas por esta revista, o máis preocupante é que esta implantación faise sen ter en conta que os montes son espacios naturais nos que unha estación de esquí altera profundamente o ecosistema.

Un deporte cada vez máis popular

ATUDEM (Asociación de Estacións de Esquí) estima que os practicantes do esquí en España son máis de 4 millóns e medio, e que, chegado o inverno, aproveitan os seus días de descanso para se achegaren a algunha das 28 estacións que se reparten polas diferentes cordilleiras da península, ou viaxan ás instalacións que operan nos montes de Andorra, Francia ou Italia.

Cando a natureza se ve agredida por este tipo de tecnoloxías, edificios e infraestructuras, requírense accións para salvagarda-lo equilibrio entre a vida da montaña e a explotación á que está exposta, sen esquecermos que o esquí alpino (o de fondo e o de travesía xeran un impacto ambiental moito menor) é un negocio do que viven moitas familias e que, gracias a el, comarcas que sofren unha climatoloxía extrema e que contan con escasas posibilidades de recibiren investimentos en infraestructuras atoparon un medio de explotaren os seus recursos e de frearen, cando menos parcialmente, o éxodo da súa poboación a zonas con máis emprego. O gando e a agricultura destas zonas rurais está deixando paso á cada vez máis importante industria dos deportes brancos.

Pero, mentres que nos países alpinos a actividade económica do esquí se foi deseñando de xeito que se integrase no hábitat e respectase a idiosincrasia dos pobos de montaña e a vida agropecuaria, primando o respecto desta sobre a explotación do lecer, en España os ecoloxistas reivindican que o desenvolvemento turístico dos vales brancos respecte, para comezar, a conservación das montañas, e chaman a atención tanto ós empresarios coma ós lexisladores para que cumpran e fagan cumpri-los plans de protección da natureza.

Sensibles ante o potencial económico que as estacións de esquí supoñen para estas comarcas, os ecoloxistas defenden unha estratexia posibilista: "mellorar, antes que ampliar". Pero as súas solicitudes están caendo en saco roto, como demostra a publicidade que as estacións lanzan este principio de tempada: máis cadeiras, máis funiculares, máis lagos artificiais cos que alimenta-los canóns de neve... E, por outra banda, case total ausencia de reformas, de ofertas alternativas e de estudios de impacto ambiental, poucos cambios de remontes obsoletos...

Principais impactos

A preparación das pistas de esquí, as infraestructuras de todo tipo, a construcción de accesos e de apartamentos e establecementos hostaleiros e comerciais representan un grande impacto ambiental para a alta montaña, que deriva nunha serie de riscos que se poden converter en catastróficos, tanto desde o punto de vista da natureza coma desde o humano.

Entre os impactos producidos polas estacións de esquí, a erosión dos montes confírmase como un dos que repercute máis gravemente sobre aspectos xeomorfolóxicos, de vexetación e de alteración da paisaxe. Ademais, a eliminación de solo afecta tamén á vexetación, nunha zona de por si esixente e difícil para a flora. Coa destrucción da cobertura vexetal e a alteración das ladeiras dificúltase tamén a infiltración de auga, de xeito que a longo prazo a zona acaba por se desertizar. Son efectos que se agravan cos continuos movementos de terras para efectuar recheos, instala-los sistemas de rega empregados na obtención de neve artificial, a construcción de edificios ou as detonacións nocturnas para evitar aludes.

Os grupos de defensa da natureza propoñen que o turismo da neve se realice atendendo á preservación das montañas. Consideran que se pode seguir investindo cartos e esforzo nos deportes brancos, pero que se debe facer dunha maneira máis imaxinativa, ordenada e con actuacións contrastadas, sen saltar trámites legais e respectando a normativa ambiental e urbanística vixente no noso país.

Microcidades e cemento nos barrancos

As estacións actuais de esquí españolas foron construídas sen terse en conta o hábitat natural na que eran proxectadas. E como era previsible, algúns lugares e paisaxes orixinais case desapareceron engulidos por estradas e grandes zonas asfaltadas para aparcamentos. Cederon terreo a complexos de apartamentos que rompen a estética e o concepto de vida tradicional das zonas de montaña. As críticas tamén sinalan que na maioría dos casos estas microcidades de montaña carecen de infraestructuras de saneamento e sumidoiros e as augas fecais e outros refugallos acaban nos ríos, moi preto das zonas na que estes nacen. Engaden os detractores das estacións de esquí que a riqueza que estas xeran limítase a uns poucos meses e que o emprego autóctono se reduce ó sector servicios e de maneira temporal. E cando a neve se retira, xorde un panorama desolador: balas de pallas cubertas de cabichas, enormes tubos que descenden en barrancos con incrustacións de masas de cemento, extensión dunha terra pseudolunar zarrapicada polas torres dos remontes, apartamentos desocupados, tendas e hoteis pechados...

Isto fai que o turismo de verán nesas montañas resulte menos atractivo para o visitante, xa que quen quere gozar da montaña elixe preferentemente espacios nos que o efecto da actividade humana sexa menos notorio e agresivo, e foxe de estacións de esquí co aspecto de zonas mortas, antiestéticas e detidas no tempo ata que as temperaturas baixen e chegue a neve, que as converterá en espacios fermosos e hábiles, no soño dos esquiadores.

A clave, segundo os ecoloxistas, reside en considera-la neve como unha actividade extraagraria, un recurso complementario e integrado cos restantes usos da montaña.

As estacións

O esquiador non emite ruído nin contamina a atmosfera, e o seu desprazamento na neve non consume enerxía. Ademais, case non prexudica a paisaxe nin altera o ecosistema. O gran problema do esquí alpino (practicado pola maioría dos afeccionados ós deportes brancos) é que esixe remontes mecánicos que suban o afeccionado ata os cumios desde os que efectuará os seus descensos. Este é o impacto ambiental imprescindible dunha estación de esquí, e para que a repercusión ecolóxica e paisaxística non sexa maior da estrictamente precisa, poden adoptarse algunhas medidas. Velaquí as temos:

Nas estacións xa en funcionamento

  • amplia-los quilómetros esquiables, gañándollelos ós espacios virxes sen arrastres mecánicos, cun servicio de recollida de esquiadores por medio de autobuses.
  • axeitalas no posible ó concepto de estacións de "cuarta xeración".

As estacións de "cuarta xeración"

Ecoloxistas en Acción e a Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento optan máis por mellora-las estacións de esquí -en servicio, instalacións e seguridade- que por amplialas en superficie. Noutros países da UE comezan a valorarse as estacións de "cuarta xeración", nas que se integran os deportes de neve na ordenación da área de montaña e xorden conceptos novos como o de nivel de ocupación, ou os estadios e parques de neve.

A clave, segundo estas organizacións ecoloxistas, está en considera-la neve como unha actividade extraagraria, un recurso complementario e integrado cos restantes usos da montaña, no que intervén a poboación local a xeito de empresas mixtas municipais ou de agrupacións de propietarios; ou que as estacións sexan promovidas polos municipios, pero sempre propugnándose unha ocupación menos intensiva. Os beneficiarios destes investimentos deberían se-las comarcas nas que se realizan. Preténdese que, xa que en moitas ocasións as estacións se promoven con diñeiro público, sexan os habitantes do lugar os que xestionen a súa explotación.

Cada ano neva menos, co que, de seguir coa política actual, as estacións implantaríanse cada vez a maior altura para garanti-la neve, e as ampliacións das xa existentes poderían resultar aínda máis agresivas co contorno. A cuestión reside en deseñar estacións nas que o impacto ambiental sexa mínimo.

  • Evitarase a construcción de apartamentos e hoteis nas propias estacións, e potenciarase o investimento en pequenos hoteis ou casas rurais, así como en restaurantes e tendas dentro dos cascos urbanos das vilas ó pé das montañas.
  • Os grandes aparcamentos non se construirán por riba de certa altura, e habilitarase un servicio de autobuses, competente e de calidade, para que os usuarios accedan dun xeito cómodo e rápido ós arrastres mecánicos.
  • Nas pistas soamente se permitirá instalar casetas con servicios básicos, como W.C. e atención médica. Hostalería e outros servicios, nas vilas, non ó pé das pistas. É máis incómodo e menos comercial, pero a natureza tamén impón as súas condicións.
  • Torres, cadeiras e algunhas outras infraestructuras non poden ser excluídas do esquí alpino, pero cómpre non engadirlle ningún elemento máis á paisaxe. O respecto afecta tamén á montaña: queda prohibido dinamitar lombas para convertelas en pistas, e desviar caudais para encorar auga que alimente os canóns de neve.
  • Limitaranse zonas para reservas ecolóxicas alí onde non chegan os remontes, manténdose virxes para que fauna e flora se desenvolvan sen dificultade.
  • Unha oferta ampla e de calidade do deporte branco, fomentando as disciplinas menos agresivas co medio natural -esquí de fondo, de travesía, e outras que non precisan remontes, cables ou grandes edificios- e canalizando cara a estes ambientes a actual demanda de turismo invernal.

En Europa tense en especial consideración o concepto de zonas limitadas para aquelas reservas ecolóxicas a onde non chegan os remontes, manténdose virxes no tocante a fauna e flora, e integrando a protección da natureza e o desenvolvemento socioeconómico da zona de xeito harmónico. Noutras palabras, a salvagarda do medio natural ten prioridade sobre as posibilidades turísticas da alta montaña. De aí que as asociacións conservacionistas propoñan, entre outras medidas, a prohibición de que as construccións -edificios e aparcamentos- se asenten por riba dos 1.550 metros de altitude, integrándose se é posible nas poboacións máis próximas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto