Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Xoguetes para nenos maiores de 3 anos: Etiquetaxe e garantía, principais problemas

O xogo é un elemento básico na vida dos nenos, xa que é a súa maneira de comprenderen e asimilaren o seu contorno e de desenvolveren e afirmaren a súa identidade.

Polo tanto, é fundamental que os xoguetes que se merquen (polo Nadal e tamén fóra destas datas festivas) se elixan atinadamente ou, o que é o mesmo, tendo en conta as características xerais do xoguete e a idade e carácter do neno ó que se destina.

  É tamén un requisito esencial que sexan seguros e non sexan causa de accidentes para os seus usuarios. A seguridade dos xoguetes está regulada por unha norma que establece as súas características físicas, mecánicas e químicas, así como a información e marcaxe que deben incorporar. Sen embargo, e como sinala a lexislación, "as esixencias da norma no tocante á seguridade non liberan os pais da súa responsabilidade de vixiaren o neno durante o xogo". Tamén se advirte de que moitos accidentes acontecen cando os xoguetes son manipulados por nenos ós que non lles corresponde utilizalos ou cando se lles dá un uso diferente ó previsto. E lémbrase que algúns son perigosos "per se", como un patinete ou un cesto da costura. Analizáronse 20 xoguetes destinados a nenos de máis de 3 anos (por baixo desta idade as esixencias en seguridade son diferentes) e que custaban desde 1.495 ata 5.975 pesetas.

En cada un estudiouse a información que proporciona (se cumpre a norma europea sobre a marcaxe CE, se incorpora datos sobre o fabricante ou importador, as cuestións eléctricas, instruccións de uso e posibles riscos, garantía, recambios e servicios técnicos, a etiquetaxe e se cumpren coas normas sobre marcaxe de seguridade), a súa seguridade eléctrica e mecánica e a súa aptitude á función: calidade de deseño e acabado, o consumo enerxético -no caso dos xoguetes a pilas- e o ruído que xeran.

Para rematar, expertos en ludotecas e psicopedagoxía do xogo aplicáronlle a cada xoguete un método que esmiúza as súas prestacións lúdicas e anota os valores (solidariedade, comunicación, participación, respecto ó medio natural...) e contravalores (sexismo, racismo, incitación á violencia ou ó consumismo...) que transmite o xoguete, as súas bondades (envase, atractivo para os nenos...) e os seus aspectos negativos ou mellorables, amais de avalia-la idade máis axeitada para cada xoguete. Tamén se clasificaron as 20 mostras segundo o tipo de xogo (imitación, exercicio, construcción e regras) e valorouse o interese pedagóxico de cada xoguete nos niveis motor, cognitivo, social e afectivo. A puntuación final reflicte o compromiso entre as bondades e os aspectos negativos de cada xoguete desde o punto de vista pedagóxico e lúdico.

A información, o peor

O aspecto máis feble destes xoguetes é a información que proporcionan. Só un dos dez eléctricos, Pokémon Squirtle, ofrece unha garantía conforme en todo á norma. E entre os que non funcionan con pilas, soamente o fai a Barbie Actriz. Vexámo-las irregularidades detectadas: moitos informan tan só en inglés sobre os accesorios, mandos ou indicacións de diverso tipo. Noutros falta información como as instruccións de uso, indicacións de tensión nas pilas ou precaucións asociadas ó seu uso. Tamén se detectaron (en dúas mostras) incoherencias na idade recomendada para os usuarios. En realidade, en só cinco xoguetes (Distingo co tacto, A Peque Granxa, Conector-Xogo e Relaciono coa Voz, A Foquiña Divertida e Sesame Street) se indica de xeito satisfactorio a idade recomendada para o usuario. É frecuente que esta indicación (máis de 3 anos) se faga seguindo criterios de seguridade e desatendendo as razóns pedagóxicas e o interese que no neno pode suscitar ese xoguete. O común é que se manteña o rango de idade aberto, sen limitalo no referente á idade máxima ou acoutándoo de xeito incorrecto. O conveniente é que o rango de idade quede pechado (por exemplo, "de 3 a 5 anos"), para que o adulto saiba a qué aterse cando elixe o xoguete e, polo tanto, non merque para un neno de 7 anos un peluche Pokémon (que debería indicar "de 3 a 5 anos", e non só "máis de 3 anos"), moi sinxelo para a súa idade, xa que por riba dos 5 anos, para que o xogo simbólico resulte estimulante e atraente para o neno debe ser máis complexo có que promove este peluche. Continuemos: algúns xoguetes, como a Barbie Actriz, axústanse mellor a usuarios de máis de 5 anos, porque con 3 ou 4 anos os nenos xogan máis á imitación de accións do seu mundo próximo, do cal se afasta bastante o tema do cine-moda que propón esta boneca.

No tocante á seguridade, as non conformidades refírense á marcaxe de cuestións sobre seguridade eléctrica, a maioría xa descritas antes. Só nun caso se descubriu un defecto de resistencia mecánica ou de construcción. Trátase do xogo de mesa motorizado Dino Hunt, que ten unha base de cartón que non superou o ensaio de impacto, deixando accesibles partes móbiles perigosas. No tocante ás probas de seguridade mecánica (características físicas, inflamabilidade e migración de determinados compoñentes) tódolos xoguetes resultaron conformes á norma.

Serven para xogar

Entre os xoguetes eléctricos soamente un recibiu unha valoración negativa no referente á aptitude á función. Foi Dino Hunt, e polo motivo antes sinalado: a fraxilidade da súa base de cartón. No tocante ó consumo enerxético, que incidirá na duración das pilas e no ritmo de recambio destas, foi normal en tódolos xoguetes agás na Foquiña Divertida e no Conector Xogo e Relaciono, cun consumo de pilas elevado. A Ambulancia City Force, o Teléfono Funcional e o Pokémon Squirtle son os máis ruidosos (110 decibelios), pero o estrondo cualificouse como aceptable.

A valoración global neste apartado de aptitude á función foi boa, non sendo no caso de Teletubbies Lite-Ups, que só obtivo un "regular" pola sinxeleza do seu deseño. Entre os non eléctricos, só se anotou un reproche no peluche Pokémon: as tiras téxtiles da súa cabeza despéganse con facilidade.

O exame dos expertos en xoguetes

Na proba das prestacións psicopedagóxicas e lúdicas dos xoguetes, os resultados foron mediocres: o 30% suspenderon. Os mellor valorados foron A Peque Granxa (9,5 puntos), O Meu Pequeno Pony e A Fábrica Tola (8,5 puntos) e A Foquiña Divertida, Xogo e Relaciono e Distingo co Tacto (os catro con 8 puntos). No outro extremo, os que suspenderon foron Alien Blaster (destructor extraterrestre que invita a conductas agresivas), Action Man (boneco que peca do mesmo defecto), Teletubbies Lite-Ups (máis decorativo ca lúdico), Fun Time Telephone (pobre, e dirixido só a nenas), Pokémon Squirtle (máis decorativo ca lúdico) e o peluche Pokémon (pode reproducir sentimentos de agresividade, pola asociación coas imaxes da serie de TV). Os cinco primeiros fixéronse acredores dunha cualificación de 0 puntos, mentres que o peluche Pokémon mereceu 4 puntos.

Os xoguetes poden clasificarse en distintos tipos. Algúns son de imitación (Ambulancia City Force, destructor Alien Blaster, Action Man, Barbie, A Hora de Comer/Kooshie Babies, o peluche Pokémon, e O Meu Pequeno Pony), xa que lles permiten ós nenos adquirir temporalmente papeis cos que reproducen acontecementos vividos ou observados, exteriorizando sensacións, sentimentos e impresións ó respecto. A nivel cognitivo, estes xogos fomentan a expresión verbal e a adquisición de vocabulario relacionado coa temática que o xoguete propón. A nivel motor, aínda que con excepcións, contribúen a mellora-la motricidade e a coordinación. Pero non todos son igualmente aconsellables. Alien Blaster e Action Man poden invitar a conductas agresivas e transmitir contravalores como destrucción ou belicismo. Algúns expertos, de tódolos xeitos, aseguran que teren unha arma confírelles ós nenos unha positiva sensación de poder e de afirmación do eu. No Pokémon, lembrar a un personaxe desta serie televisiva pode leva-lo neno a reproducir accións ou sentimentos de carácter violento e agresivo. Na Barbie, a súa unidireccionalidade ás nenas sinalouse como aspecto negativo. Outro gran grupo constitúeno os xogos de regras e asociación de ideas. Con eles, os nenos adquiren coñecementos dunha maneira divertida. Con Teletubbies Imaxes Opostas aprenden o concepto de "oposto". En Distingo co Tacto identifican as imaxes a través do tacto e asocian imaxes a conceptos. Coa Peque Granxa relacionan sons con imaxes e aprenden a diferencia-los sons. Na Foquiña Divertida favorécese a repetición e a introducción de regras sinxelas. Por outra banda, Tente Imagine, A Fábrica Tola e Sesame Street son xogos de construcción e desenvolven a nivel motor a coordinación, a destreza e a precisión. Ensinan a diferenciar formas e cores, a organiza-lo espacio, a desenvolve-la imaxinación mediante a construcción e favorecen a expresión verbal e a adquisición de vocabulario a partir da realización dunha composición concreta, onde poden funcionar como xogo simbólico.

Mr. Potato Head, Fun Time Telephone e Teletubbies Lite-Ups son xogos de exercicio, aínda que tamén sexan simbólicos ou de manipulación. A nivel motor fomentan a presión, a coordinación ollo-man e a destreza. Tamén poden favorece-la expresión verbal ou a diferenciación de formas, cores e sons. Todos estes xoguetes poden servirlles ós nenos para exteriorizaren sentimentos e sensacións que adquiriron a través das súas vivencias, o que é importante para o seu desenvolvemento afectivo. Outro aspecto esencial nun xoguete é o social: algúns propoñen un xogo individual (Action Man, o peluche Pokémon, Fun Time Telephone), mentres que con outros se pode xogar tanto individualmente coma en compañía. Dino Hunt é colectivo e fomenta a competitividade, xa que gaña o máis rápido e preciso. Noutros (Teletubbies Imaxes Opostas, Distingo co Tacto, A Peque Granxa, ou Xogo e Relaciono coa Voz) é importante o papel do adulto á hora de compartir e dirixi-lo xogo, polo que contribúen a mellora-las relacións interxeracionais. Ningún destes 20 xoguetes transmite nitidamente valores sociais positivos, pero, pola contra, algúns (Alien Blaster, Action Man e Pokémon) poden transmitir contravalores como violencia e agresividade.

A etiquetaxe, o peor

Este é o punto no que máis fallan estes xoguetes. Entre os eléctricos, soamente un presenta a súa garantía conforme á norma: Pokémon Squirtle, que indica garantía por tres meses na embalaxe. E entre os non eléctricos, soamente a Barbie. Noutros, os mandos accesorios ou indicacións da embalaxe figuran só en inglés (A Foquiña Divertida, Alien Blaster, A Peque Granxa, Fun Time Telephone, Dino Hunt e Pokémon Squirtle), ou faltan en castelán as indicacións dos datos eléctricos (Fun Time Telephone) ou as instruccións sobre o uso correcto das pilas (Fun Time Telephone ou Pokémon Squirtle). Nalgúns xoguetes tamén se omite algunha información relevante: en Alien Blaster, Ambulancia City Force, Sesame Street e Tente Imagine faltan as instruccións, e en Alien Blaster as indicacións de tensión nas pilas. En Dino Hunt non se indica o modelo ou referencia do xoguete, aínda que hai espacio abondo para facelo. Só se sinalan na embalaxe, polo que debería incluí-lo aviso "Non guindar ó lixo".

Outras anomalías son as relacionadas coa idade recomendada: no Conector Xogo e Relaciono coa Voz a indicación é de 4 a 8 anos nas instruccións e de 3 a 6 anos na embalaxe. E·os botes de plastilina de Fábrica Tola indican o seu uso para nenos maiores de 2 anos, cando o xogo está indicado para maiores de 3 anos. Para rematar, Dino Hunt e Ambulancia City Force incorporan unha bolsa de plástico que non inclúe a advertencia de perigo de asfixia. Aínda que nestes tamaños de bolsa non é obrigatorio (éo a partir dos 360 mm de diámetro, e estas non chegan ós 280 mm), non estaría de máis que a levasen.

As irregularidades máis importantes son as relacionadas coas instruccións para o uso correcto do xoguete, os datos eléctricos e as precaucións asociadas ó emprego das pilas. Estes casos representarían tamén desconformidade con respecto á norma de seguridade eléctrica.

Seguridade: problemas de marcaxe

Na maioría dos casos, as faltas detectadas refírense á marcaxe relacionada cos temas de seguridade eléctrica. Por exemplo, Alien Blaster non indica a tensión nominal das pilas. En varios xoguetes non se indican as precaucións que cómpre tomar para un uso correcto das pilas (Alien Blaster, Ambulancia City Force), ou están só na embalaxe (Dino Hunt), ou só en inglés (Fun Time Telephone). Por outra banda, en tres xoguetes eléctricos (Conector Xogo e Relaciono, Ambulancia City Force e Fun Time Telephone), a embalaxe incorpora o símbolo de transformador para xoguetes, aínda que o seu funcionamento sexa a pilas.

Soamente no xogo de mesa motorizado Dino Hunt se detectou un problema non asociado coa información ou marcaxe senón cun aspecto de resistencia mecánica ou construcción: a base do xoguete é de cartón e non superou o ensaio de impacto, deixando accesibles partes móbiles perigosas. No tocante ás probas de seguridade mecánica (características físicas, inflamabilidade e migración de determinados compoñentes) todos resultaron conformes á normativa.

A duración das pilas nos xoguetes é un crebacabezas para os pais, non só pola seguridade, senón tamén pola duración destas baterías. O consumo da maioría destes xoguetes é normal, non sendo na Foquiña Divertida e no Conector Xogo e Relaciono, que teñen un consumo máis ben alto. No tocante ó nivel de ruído, a Ambulancia City Force, o Teléfono Funcional e o Pokémon Squirtle son os máis ruidosos (110 decibelios), pero trátase de valores aceptables.

No aspecto exterior, dos xoguetes eléctricos soamente un recibiu unha valoración negativa, Dino Hunt, pola fraxilidade da súa base de cartón, que ó romper deixa accesibles partes móbiles perigosas. En Teletubbies Lite-Ups a valoración foi "regular", mentres que no resto foi boa. Entre os non eléctricos, só no peluche Pokémon había algo que reprochar: as tiras téxtiles da súa cabeza despéganse con facilidade.

Prezos desde menos de 2.000 ata case 6.000 pesetas

O custo medio destes vinte xoguetes móvese arredor das 3.000 pesetas, aínda que os prezos oscilan desde as 1.495 pesetas (Distingo co Tacto) ás 5.975 (A Foquiña Divertida, Conector Xogo e Relaciono). Os eléctricos son máis caros (3.373 pesetas de media fronte ás 2.814 pesetas dos que non funcionan con pilas). Entre os non eléctricos, o máis económico foi Distingo co Tacto (1.495 pesetas), e o máis caro a Barbie Actriz (4.600 pesetas). Entre os eléctricos, os máis económicos son A Peque Granxa e Dino Hunt (1.695 pesetas), fronte ás 5.975 pesetas da Foquiña Divertida e do Conector Xogo e Relaciono.

Sinalar unha mellor relación calidade-prezo é difícil, porque o xoguete debe adecuarse ó carácter e personalidade do neno a quen vai dirixido e este tamén pode participar na elección. Pero se se confrontan os criterios de información ó consumidor, conformidade á normativa de seguridade e valoración pedagóxica co do prezo de cada xoguete, entre os non eléctricos a mellor relación calidade-prezo téñena Distingo co Tacto e O Meu Pequeno Pony. Entre os eléctricos destaca A Peque Granxa.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto