Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Hai tan só dous ou tres anos, constar cun correo electrónico era non só un luxo senón unha rareza, case unha extravagancia caprichosa. Pero, o que é o paso do tempo, hoxe o enderezo electrónico converteuse nun utensilio común en moitos postos de traballo e nunha ferramenta moi útil nas comunicacións interpersoais establecidas desde o ordenador do noso propio fogar.
A familiaridade coa que actuará en breve calquera cidadán ante o correo por Internet é tan evidente como o está sendo a implantación masiva dos teléfonos móbiles. Pero, do mesmo xeito que o número de teléfono é un dato que se lle proporciona soamente a quen nos interesa e a intromisión de estraños e vendedores telefónicos resulta moi molesta, o enderezo electrónico é un lugar privado e, polo tanto, o seu acceso debe estar restrinxido: non todo o mundo pode enviarnos mensaxes. Os correos non desexados non só se entremeten no noso ordenador e na nosa vida e molestan ó internauta, senón que poden causarnos serios problemas.
Segundo os expertos, hai uns 263 millóns de enderezos de correo electrónico no mundo e cada usuario recibe unha media de 30 mensaxes diarias. Estímase que o ano pasado o 70% deses correos foron spam, ou mensaxes non desexadas. E no futuro (os televisores, conectados a Internet, funcionarán tamén como caixas de correo electrónico) espérase que a situación empeore, o que fai moi comprensibles as queixas dos cibernautas que non queren ve-la súa caixa de correo electrónico inzada de publicidade ou mensaxes alleas ós seus intereses, e que, ademais, lles custa tempo (e cartos, sempre que non se conte cunha tarifa plana) "baixar" da Rede. Un estudio recente do Gartner Group entre usuarios de correo electrónico revela que nove de cada dez consumidores de Internet son víctimas do spam polo menos unha vez por semana.
Tamén os expertos se fan esta pregunta. Algúns usuarios din non teren nin idea, outros pensan que os enderezos se reparten a través de cookies (pequenas liñas de código que se xeran automaticamente cando o usuario se conecta a Internet, e absorben a identidade do usuario e envíana ós que recompilan, e pagan, este tipo de información). Outros moitos opinan que os que envían mensaxes non desexadas obteñen o seu enderezo cando o usuario se inscribe voluntariamente ó entrar nun sitio web ou no dos provedores de acceso, que venden os enderezos de correo dos seus clientes ás empresas interesadas. Tamén afirman que orixinarse nos diversos servicios, eventos e conversas que se organizan en Internet, onde se lle pide ó usuario que se subscriba para concursar ou participar.
A maioría dos usuarios, despois de eliminaren estas mensaxes publicitarias non desexadas cunha considerable perda de tempo, adoitan queixarse, antes ou despois, a alguén. Uns responden remitíndolle improperios a quen lle enviou o spam, outros quéixanse ó provedor de acceso de Internet, algúns escríbenlle á compañía que se beneficia da mensaxe non desexada, e unha minoría comunícallelo ós amigos e coñecidos. Pero tamén os hai máis animados que se dirixen a instancias da Administración para comunicaren a súa queixa. Ante o bombardeo electrónico de correo comercial non solicitado, hai empresas que ofrecen solucións. Por exemplo, algúns programas informáticos de correo electrónico incorporan ferramentas para filtra-las frases máis empregadas polos spammer, e se estas non son abondas o usuario pode agregar outras ferramentas baixadas de Internet. O Spam Attack Pro pode conseguirse en www.sofwiz.com/html/spam_attack_pro.htm. e contén unha lista de spam á que se lle poden ir engadindo outros. O Spam Exterminator (www.unisyn.com/spamex) revisa automaticamente a carpeta de correo en busca destas mensaxes non desexadas, botando man dunha base de datos de dezasete mil enderezos que posúe. E, para rematar, o Spamkiller (www.spamkiller.com) é un dos máis completos e pode traballar con diferentes filtros ata dete-las mensaxes segundo o remitente, palabras clave, o título ou calquera outra indicación que o usuario especifique. Da outra banda están as empresas que deseñan, elaboran e envían estas mensaxes, e manexan e manteñen unha base de datos de enderezos de correo electrónico. Para estas compañías, as persoas que participan nunha lista de correos con fins comerciais son socios, clientes, e nunca víctimas. Defenden que o fundamental é non abusar do número de mensaxes e ofrecer nelas algo, non só información comercial, para que o usuario tire algún beneficio do feito de figurar nunha desas listas. Aseguran que deben te-la facilidade de saíren delas cando queiran.
O outono é unha estación irresistible para gozar da Natureza. Unha fin de semana ou ponte, ou mesmo un único día de festa, constitúen un motivo abondo para visitar unha das moitas paraxes interesantes que ofrece o noso país. Internet pódenos axudar na elección.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI