Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Viños de mesa económicos: As diferencias, moi importantes, xurdiron na cata

Analizáronse 8 marcas de viño de mesa en botella de tres cuartos e de litro, que custaban entre as 249 pesetas por litro de viña Solana e as 175 pesetas de Elegido.

  As conclusións principais son que tódalas mostras cumpren co fixado pola norma e que non existe fraude de engadido de auga en ningún viño dos estudiados. Polo tanto pódese afirmar que, en base ós coñecementos analíticos actuais, estes viños son viño e só viño. Agora ben, a calidade sensorial é outra cousa: a metade das mostras ofrecen deficientes prestacións organolépticas (cor, aroma, sabor...) e aprécianse claras diferencias entre unhas e outras. Sobresae pola súa boa valoración na cata (realizada por expertos enólogos e sommeliers) o viño Monteviejo, con 6,8 puntos. Séguena cunha valoración menor, pero aceptable para este producto, Soldepeñas e Viña Solana, ámbalas dúas con 5,3 puntos, e Tío de la Bota, con 5 puntos. Cimbral e Elegido presentaron defectos leves e non conseguiron aprobar malia a seren uns viños que non defraudan as expectativas que se poden crear ante estes viños económicos. Gran Vega puxo de manifesto defectos de maior importancia, pero cos seus 4 puntos quedou preto do aprobado. Para rematar, a mostra de Don Simón obtivo un claro suspenso, xa que estaba rancio, por un exceso de evolución na botella.

A elección de mellor relación calidade-prezo non ofrece dúbidas: é Monteviejo, único viño sen defectos na cata e cunha puntuación moi superior á dos demais. Ademais, o seu prezo é medio-baixo: 196 pesetas o litro.

¿Pode chamárselle alimento ó viño?

O viño é unha bebida alcólica producida pola fermentación total ou parcial da uva fresca ou do seu mosto. Hai soamente unhas décadas, nos países mediterráneos estimábase que o viño constituía entre o 10% e o 12% da inxestión total de enerxía nos varóns adultos (nos últimos anos o consumo vai descendendo en cantidade e aumentando en calidade), polo que debe terse en conta o seu papel como fonte de enerxía da dieta. O viño de mesa achega por termo medio unhas 80 calorías por cada 100 mililitros, a maioría polo alcol (etanol, neste caso). O contido do viño en hidratos de carbono é insignificante, menor ó 1%, debido a que a maioría dos azucres da uva se transformaron en etanol. O outro macronutriente por excelencia, as proteínas, están aínda en menor proporción (0,1%). Os minerais, pola súa banda, non chegan nin sequera ó 0,1%, sendo os máis abundantes o potasio, o sodio, o calcio e o magnesio. Para rematar, o contido en vitaminas é tamén irrelevante. En resumo, o viño non é un alimento, xa que practicamente non proporciona nutrientes. Noutras palabras: a achega nutricional do viño é exclusivamente enerxética e procede do seu contido alcólico, mentres que a achega de macronutrientes e micronutrientes non ten importancia ningunha para a dieta.

Pero, ¿é tan malo para a saúde?

Os efectos inmediatos do viño no corpo humano (certo ton vital, euforia ou embriaguez, en función da cantidade inxerida) son abondo coñecidos, polo que nos centraremos nas súas repercusións na saúde. A dor de cabeza foi asociada ás aminas (derivados das proteínas) e ós flavonoides, os dous presentes nos viños. O anhídrido sulfuroso, aditivo engadido desde tempos moi antigos ó viño para evita-la súa oxidación, asóciase a reaccións asmáticas en individuos sensibles. A inxestión excesiva de alcol asociouse tamén a certos tipos de cancro, pero non hai evidencia científica de que o viño poida estar asociado a esta enfermidade. Pola contra, recentes investigacións describen un efecto protector dalgúns compoñentes do viño (os compostos polifenólicos) que actúan como antioxidantes naturais fronte a enfermidades cardiovasculares, sempre que se faga un consumo moderado deste producto. Así e todo, estamos ante un producto que se debe consumir moderadamente, ou mesmo non consumirse en certas situacións fisiolóxicas: embarazo, gastrite e úlceras, trastornos hepáticos e nos nenos e adolescentes, que están en fase de crecemento.

Un producto que respecta a normativa

A cantidade declarada polas oito mostras de viño nas súas etiquetas coincide coa medida no laboratorio, considerando as tolerancias que a norma admite para unha mostra individual, de ata 15 ml por cada litro, se ben a media da producción terá que cumprir coa cantidade declarada. No caso máis desfavorable (Tío de la Bota) só faltaban 6 mililitros. Por outra banda, o grao alcólico destes viños de mesa debe estar comprendido entre os 8,5 e os 15 graos. Esta é unha medida da cantidade de alcol que contén o viño e depende fundamentalmente da cantidade de azucre da uva de orixe. Así, os viños de zonas máis meridionais e soleadas conteñen máis graduación cós de zonas do Norte. Nos viños de mesa, que decote se elaboran (a diferencia do esixido para viños con denominación de orixe) mesturando uvas de diversas orixes, este é un parámetro que o fabricante pode controlar. Os viños analizados, que declaran un grao alcólico entre 11 e 12,5, son semellantes na súa graduación. E esta coincide co valor establecido na análise. As variacións detectadas en ningún caso superan o medio grao, tolerancia admitida pola norma. O de maior graduación é Viña Solana, con 12,4 graos, e os menos alcólicos foron Gran Vega e Soldepeñas, con 11 e 11,1 graos, respectivamente. Un dos principais problemas do viño, como producto vivo que evoluciona co tempo, é a oxidación. Para retardar este proceso (que nunca se poderá evitar por completo, e mesmo pode contribuír ó avellentamento positivo nos viños de crianza) emprégase desde hai moito tempo o dióxido de xofre, un aditivo que inhibe tamén o crecemento de certas bacterias que poden deteriora-lo viño. O SO2 pódeselle engadir ó viño ata unha cantidade de 160 ppm (partes por millón). Tódalas mostras estaban por baixo desta dose e polo tanto respectaban a norma. Para rematar, o viño ten ácidos naturais como o málico, tartárico, succínico e cítrico. A norma establece que a acidez total debe supera-los 4,5 gramos por litro. Tódalas mostras superaron este valor e, agás Gran Vega, están entre 4,5 e 5,5 gramos por litro. Gran Vega amosou 6,2 gramos por litro de acidez, valor demasiado alto e acorde co principal defecto que sinalaron os catadores neste viño.

Non se engade auga

Un dos fraudes tradicionais neste producto é o engadido de auga. A adición de auga en pequenas cantidades é unha adulteración do viño que se realiza co obxecto de abarata-lo custo do producto final e que é particularmente difícil de detectar. Para detectar este fraude recórrese a un método de análise oficial, baseado na determinación dos isótopos de hidróxeno, deuterio e O18 (osíxeno 18), que ten unha correlación diferente na auga do mosto de uva e na auga engadida. As medicións do laboratorio demostraron que os oito viños están dentro dos estándares correctos, polo que non se detectou auga engadida. Cos medios técnicos hoxe dispoñibles, pódese afirmar que as oito mostras son viño e soamente viño.

A cata si estableceu diferencias

Tódolos viños están elaborados segundo a norma e non teñen interese nutritivo, polo que a cata é o elemento máis discriminante do estudio destes viños correntes de mesa. A cata foi realizada por un panel de enólogos e sommeliers (encargados do viño nos restaurantes) que avaliaron a cor, o olor e o sabor das oito mostras. Na cor puntuáronse a claridade, o brillo, a intensidade e a tonalidade. No olor, establecéronse a súa franqueza, intensidade, persistencia, calidade, e características dominantes. E no sabor, os parámetros foron o equilibrio, aroma, corpo e persistencia. Resumamos aquí o fundamental da cata e enumerémo-los viños de mellor a peor. A única mostra sen defectos foi Monteviejo (6,8 puntos), cunha boa cor e sabor e un olor correcto. Soldepeñas mereceu 5,3 puntos, e o seu aroma foi algo turbio. Coa mesma puntuación figura Viña Solana, cun "certo desequilibrio en boca". Con 5 puntos ségueos Tío de la Bota, co mesmo defecto ca Viña Solana. Estes tres últimos viños presentaron defectos asumibles que non impiden que poidan considerarse correctos nesta gama de viños. Xa na zona dos suspensos pero preto de aprobado, temos a Elegido (4,7 puntos), con sabor desequilibrado e aroma de fermentación, e Cimbral, con 4,6 puntos, unha cor algo pasada e un aroma oxidado. Estes dous presentan defectos leves que tampouco os descualifican como viños de mesa. O penúltimo lugar na lista, con 4 puntos na cata e fallos de máis importancia, correspóndelle a Gran Vega, polo seu aroma atípico, cor algo pasada e sabor acedo. E o peor resultado, cun inapelable suspenso (2,3 puntos), obtívoo a mostra de Don Simón, cualificada de "rancia" polos catadores e que non posúe as características atribuíbles a un viño, con este inaceptable defecto de calidade orixinado por unha evolución excesiva do viño na botella.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto