Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Antibióticos: Cada vez menos eficaces debido ó seu uso indebido

Coa proximidade do inverno aumentan as enfermidades infecciosas. Catarreiras, bronquite, sinusite, rinite e gripes motivan numerosas consultas ós médicos, agardando destes unha rápida solución ó problema

 Por este motivo, a venda de antibióticos dispárase e, o que é peor, a automedicación convértese aínda en máis habitual, aínda que moitos destes procesos se deben a virus contra os que non existe un antibiótico eficaz. A súa administración non só non cura o proceso, que en circunstancias normais desaparece nuns poucos días, senón que ademais contribúe a que cada vez un maior número de xermes se amosen resistentes ós antibióticos. A estas alturas os especialistas advirten que non sería desatinado pensar que moitas enfermidades hoxe curables, desde as infeccións de oído ata a tuberculose, poidan converterse en case incurables. A OMS deu a voz de alarma na publicación "Conteñámo-la Resistencia Microbiana", que expón o perigo que comporta a progresiva perda de actividade de medicamentos que no seu día foron eficaces. O informe detalla que case tódalas enfermidades infecciosas importantes se volven resistentes, co paso do tempo, ós actuais medicamentos e provocan un problema de saúde pública a nivel mundial.

Infeccións: non son cousa do pasado

Nos últimos anos asistimos a unha crecente preocupación polas afeccións relacionadas con enfermidades dexenerativas, crónicas, e co avellentamento da poboación e as súas consecuencias, o que levou a unha actitude triunfalista ante as enfermidades infecciosas, ás que nalgúns países desenvolvidos consideran cousa do pasado e vencibles doadamente co actual arsenal de antibióticos. O progreso das medidas hixiénicas, a mellor calidade das condicións de vida, as vacinas, os antibióticos, fixeron crer, erradamente, que as enfermidades infecciosas desapareceron ou o farán axiña. Nada máis afastado da realidade. A sida, a tuberculose, as hepatites C e E, a enfermidade do lexionario, a malaria e a meninxite, entre outras, e a cada día maior resistencia ós antibióticos de moitas infeccións son a outra cara da moeda deste exceso de confianza.

Por qué aumenta a resistencia ós antibióticos

  As causas deste aumento da resistencia son múltiples. Os xermes elaboran defensas fronte ós antibióticos, evolucionan e mutan; a resistencia microbiana é un fenómeno biolóxico natural. E se a esta capacidade natural se lle engaden outras circunstancias, como o uso indiscriminado, pouco axeitado e banal dos antibióticos, sen esquecérmonos de que a miúdo non nos axustamos ás doses e cantidades establecidas, nin á duración do tratamento, enténdese que os xermes sexan capaces de crearen resistencias. Con menos frecuencia do desexado, ante determinadas infeccións fanse cultivos e estudios da sensibilidade e resistencia dos xermes que as causan para combatelos co antibiótico axeitado e, ás veces, empréganse varios ou un de amplo espectro que co tempo vai perdendo eficacia.

As infeccións non teñen fronteiras

Ademais, vivimos nunha época de globalización, e non só económica, senón tamén de enfermidades infecciosas. Hoxe viáxase máis ca nunca e lévanse e tráense xermes que en moitos países, especialmente nalgúns menos desenvolvidos convertidos en destino turístico habitual, están aumentando a súa resistencia contra os tratamentos coñecidos. As autoridades sanitarias de Europa comezan a se preocuparen polas enfermidades infecciosas que chegan en avións procedentes de países de risco. De aí xorde a recomendación da OMS para que se desinfecten os avións procedentes de zonas palúdicas, xa que se detectaron en Europa casos de paludismo en persoas residentes preto de aeroportos e que nunca viaxaran a rexións afectadas pola enfermidade. A OMS considera tamén probable que nos avións se transporten involuntariamente mosquitos infectados de diversos virus.

Emprego agrícola e gandeiro de antibióticos

Un costume cada vez máis espallado e denunciado é o emprego de antibióticos para uso agrícola e gandeiro. O problema, sen ser novo, adquiriu unha notable relevancia. Estímase que case a metade dos 25 millóns de quilos de antibióticos producidos nos Estados Unidos se destina ó uso animal. E preto de vinte mil quilos, neste país, empréganse para esparexer sobre árbores froiteiras. En España contabilízanse numerosas denuncias contra o emprego non axeitado (por excesivo ou non xustificado) de antibióticos no gando. Xéranse así cepas resistentes e, segundo os científicos, os antibióticos agrícolas poden contribuír á mutación xenética dos xermes transmitidos polos alimentos. Atopámonos, pois, ante un problema de saúde que pouco a pouco podería adquirir un cariz preocupante.

Para un emprego correcto dos antibióticos...

  • Basta coa automedicación: tomemos antibióticos só cando o médico nolos prescriba. Algunhas persoas pídenlle antibióticos ó seu médico ante os primeiros síntomas dunha catarreira, gripe ou rinite, para que as molestias desaparezan canto antes. Outras automedícanse con antibióticos ante a aparición dos primeiros síntomas, atribuíndolle a unha infección o que pode ter outras causas ben distintas. Cómpre evitar todos estes comportamentos.
  • Non incita-lo médico a que nos receite antibióticos para sandar antes. Os causantes de moitas afeccións respiratorias son virus ante os cales os antibióticos non producen efecto. Nese caso, só están indicados cando o médico percibe risco, ben sexa pola posibilidade de enfermidades subxacentes ou pola idade (xeralmente, nos vellos) e para evita-la sobreinfección.
  • Non teñamos présa para inicia-lo tratamento e eliminar axiña os síntomas dalgunhas infeccións, especialmente cando non se coñece a afección que os orixina. É mellor agardar un pouco, realiza-lo cultivo e o antibiograma, o proceso que determina o antibiótico que detén o crecemento do xerme ou bacteria e que, polo tanto, se lle terá que administrar ó paciente.
  • Empregar, sempre, a dose axeitada de antibiótico e durante os días fixados polo médico (en xeral, débese subministrar durante polo menos 4 ou 5 días) e non deixar de inxerilo cando se percibe unha mellora: é imprescindible remata-lo tratamento completo.
  • Non garde as pastillas que lle sobren para outra ocasión. Algúns fogares semellan arsenais terapéuticos, e a existencia desta "despensa" promove o uso incorrecto dos medicamentos.
  • O antibiótico máis caro non é o máis efectivo. Procure que lle receiten os máis económicos. Os xenéricos son unha boa opción.
  • Os antibióticos non son inofensivos, posúen efectos adversos ou indesexables, ás veces máis graves cós da infección que pretende curar. Se o arsenal de antibióticos co que conta hoxe a humanidade para combate-las enfermidades infecciosas perde eficacia, o futuro de moitos millóns de persoas pode ser problemático. Todos debemos contribuír para axudar a cambiar esta tendencia.

Relacións deste contido

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto