Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Cómo trata-los anciáns: Respecto, atención, agarimo e integración na vida de cada día

Estamos desconcertados. Dicíannos que nos convertemos en adultos só cando quedamos sen pais, cando perdémo-la súa referencia e debemos buscar un espacio independente no mundo

 Estamos desconcertados. Dicíannos que nos convertemos en adultos só cando quedamos sen pais, cando perdémo-la súa referencia e debemos buscar un espacio independente no mundo. Pero, ¿que acontece cando, como afortunadamente pasa decote, superámo-los corenta e os nosos fillos aínda gozan dos agarimos dos seus avós?

O problema que para as familias supoñen as persoas de idade avanzada preséntase mesmo no máis elemental: non sabemos nin sequera cómo chamalas. Terceira idade, persoas maiores, vellos, avós, anciáns... Cada expresión ten as súas connotacións, a elección non é trivial. No fondo, este problema de denominación manifesta a incerteza que padecemos ante os grupos socialmente menos favorecidos ou marxinados da vida cotiá. ¿Onde os colocamos? ¿Como os valoramos? ¿Como os tratamos? ¿Que facer para que non se automarxinen, para que interveñan no devir da sociedade? Un matiz importante: este desconcerto ante o fenómeno da vellez amósano as familias e as xeracións máis novas, pero tamén os propios vellos.

Conveñamos que a imaxe que sobre a vellez transmiten as sociedades económicas e socialmente desenvolvidas está lonxe de resultar atractiva ou envexable. Isto en certa maneira pódese explicar pola decepción de contemplar que un vai perdendo o sitio, o protagonismo, o poder físico, intelectual, sexual, económico, laboral... É unha situación, aceptémolo, complexa, con aspectos obxectivamente negativos e difícil de percibir como desexable. E máis nun mundo no que o desexo se erixiu no motor da vida económica e mesmo en móbil de decisións no espacio do persoal.

A sociedade exclúe os anciáns e en moitos casos semella que eles mesmos están dispostos a acantoarse no furgón de cola, o dos menos activos. Cómpre analiza-la situación desde esas dúas dimensións complementarias: qué podemos facer polo colectivo dos vellos e qué poden facer eles por si mesmos. Para comezar, unha das materias pendentes desta sociedade que avellenta a un ritmo que demógrafos, economistas e psicólogos non dubidan en cualificar de preocupante, é cómo cambia-la imaxe do avellentamento, paso indispensable para que tanto as persoas que entran nesa fase vital coma a sociedade en xeral modifiquen as súas actitudes ante os anciáns.

O mito da eterna mocidade, unha trampa sen saída

Cando alguén, referíndose a un vello, di: "está feito un mozo", implicitamente está afirmando que o bo é ser mozo. O demais son amaños. Está manifestando que o que se aprecia socialmente é a mocidade, e que ser vello non é un valor, senón case un defecto. Outra frase reveladora: "Nos meus tempos...", dá a entender que a súa oportunidade, o seu lugar, xa pasaron: que non hai un espacio relevante para os anciáns. De vagar, vaise asentando a presunción, cando non o convencemento, de non pertencer a esta época. Deste xeito, a persoa maior séntese excluída e cada día confirma que vai perdendo relevancia social.

Pero ser vello ten cousas positivas. Sen irmos máis lonxe, sentirse protagonista da propia evolución como persoa e, máis ca nunca, un importante membro da comunidade á que pertence. A sociedade, non o neguemos (¿cantas películas de televisión ou cine, anuncios, ou desfiles de modelos teñen como protagonistas principais a anciáns?) discrimina os vellos, pero eles tamén teñen algunha responsabilidade, xa que, ás veces inconscientemente, participan activamente ("iso é cousa de mozos, que decidan eles") neste proceso de segregación e desconsideración cara ós maiores.

¿Que facer para integra-los anciáns na vida cotiá?

En primeiro lugar, transmitirlle á sociedade as necesidades dos vellos, qué pensan, cómo se senten. Todos deberiamos saber que é unha situación que nos vai chegar, non podemos seguir ollando a outro lado e negarnos a nós mesmos que nos achegamos, ou que xa chegamos á Terceira Idade. É difícil, porque os intereses de mercado estableceron o mito da xuventude e dictaron que esa fase da nosa vida, efémera por definición, debe perdurar indefinidamente. Cada engurra é unha ferida que debemos agachar, no canto de aledarnos de seguirmos vivindo e de gozar do noso crecemento persoal e doutros praceres anteriormente descoñecidos ou insuficientemente valorados.

Unha decisión persoal

En realidade, ¿que é ser vello? A maioría das definicións subliñan os aspectos deficitarios, negativos: a vulnerabilidade, a propensión ás enfermidades, a progresiva marxinación, o achegamento da morte. O avellentamento é un feito ineludible, pero considerarse esgotado, en réxime de baixas revolucións e á marxe das cuestións que afectan á sociedade no seu conxunto, é unha opción estrictamente individual. Cada persoa decide paseniño, ás veces por cansazo, outras por convencemento, que reducirá drasticamente o seu ritmo vital, que non fará deporte, nin aprenderá informática, nin viaxará, nin practicará o sexo... Noutras palabras, cada un, nunha decisión persoal, establece cándo "é vello para...". Non é o mesmo un xubilado que pasea a cotío e vai con frecuencia á piscina, segue a actualidade lendo os xornais, mantén o trato cos amigos e familiares, vai ó cine ou ó teatro, xoga ó xadrez, participa nun obradoiro de escritura, milita e colabora nunha ONG ou partido político, ca outro que o único que fai é durmir, ve-la tele, xogar ás cartas e queixarse das súas enfermidades ante os seus compañeiros pensionistas.

Integra-los vellos

En outubro de 1999 inaugurouse a conmemoración do Ano das Nacións Unidas das Persoas Maiores, baixo o lema "Unha sociedade para tódalas idades". Traballouse para que se partise dunha sociedade cun "deseño para todos"; crear e producir pensando en tódalas persoas e ter en conta as necesidades ou dificultades específicas daqueles que non contan con toda a capacidade, autonomía ou habilidade física, psíquica ou sensorial que se supoñen habituais. Un deseño que debería xeneralizarse en tódolos ámbitos da vida cotiá, pública e privada. Pero este "deseño para todos" deberá ser, sobre todo, unha filosofía baseada na igualdade de dereitos de tódalas persoas. Debe incluír ademais unha consulta previa ós posibles usuarios, xa que son eles os que están nas mellores condicións para sinalaren as súas necesidades e as dificultades e limitacións coas que topan.

Respecto, atención e agarimo son os tres principios básicos na relación cos nosos vellos. Respecto ó seu momento psicofísico, ó seu ritmo, ós seus valores e concepcións, ós seus comportamentos, ós seus desexos e arelas, á súa propia organización da vida. Isto non implica estar sempre de acordo con eles e hai que distinguir ónde está a fronteira na que estes desacordos afectan á vida dos non maiores. O consenso é a fórmula máis desexable. De tódolos xeitos, os vellos teñen dereito a elixir cómo queren vivir, porque inmiscirnos e impo-los nosos criterios equivale a un abuso de poder e a unha falta de respecto á súa liberdade.

A atención ó ancián será sempre desde unha escoita aberta, positiva e sen xuízos de valor nin prexuízos. Esta atención leva implícita a dedicación dalgún tempo para escoitarmos cómo está ese vello, cómo vive, qué quere, qué lle gusta, cómo percibe as súas lembranzas e experiencias. Esta actitude é moi diferente á de "oí-los contos do avó". A escoita da que falamos é humana e está tinguida de aprecio, consideración, proximidade e compaña. No tocante ó último dos tres principios citados, o agarimo ós vellos cómpre proporcionárllelo en grandes doses, xa que nesta idade valórase máis ca nunca o afecto, a sensibilidade que ignoramos a miúdo pola servidume que amosamos ante a seriedade, o traballo, o sagrado concepto do deber, os prexuízos, a timidez e a vergoña. Pero non nos referimos a un agarimo parvo ou melindroso, senón máis ben a ese agarimo que se transmite a través dese interese polo que lles acontece ós nosos vellos, polo respecto, a escoita, ese tempo de dedicación... e que se traduce nos nosos xestos, a nosa ollada, o noso ton cálido á hora de dirixírmonos a eles. E tamén, por qué non, o agarimo manifestado mediante os aloumiños: esa man que se pousa, que preme, que agarra, ese abrazo que elimina a distancia e ese bico que fai sentir que non se está só e que un é querido e valorado.

Moito diálogo

O diálogo e a solidariedade interxeracional son os resortes insubstituíbles para promove-lo aproveitamento da riqueza cultural das persoas de idade avanzada e a mellora da súa autoestima, amais de para senta-las bases dunha óptima integración dos maiores na sociedade. Ser maior non debe constituír un obstáculo para ser feliz. O camiño desexable sería irmos cara a un avellentamento saudable, porque írmonos facendo maiores (¿cando comezamos a sermos realmente uns vellos, ós sesenta, ós setenta...?, ¿e por que?) non é sinónimo de enfermidade, e un dos retos da nosa época é vivir máis, pero tamén mellor. Independentemente da idade cronolóxica dun individuo, o seu "interese pola vida" é o factor clave da existencia e non só depende desa persoa, senón tamén das redes sociais nas que se desenvolve a súa vida.

As relacións coas persoas maiores débense enmarcar nese principio de solidariedade e interese polo que lles acontece. Debemos achega-lo mellor de nós mesmos e adquiri-la destreza de transforma-las dificultades en posibilidades de mellora. É dicir, tratar de percibi-los problemas como oportunidades e como medios de superármonos como persoas. A madurez da experiencia dinos que as barreiras que van xurdindo ó longo da vida non poden impedi-lo noso desenvolvemento; pola contra, representan unha invitación a reformulármo-los límites da nosa creatividade ou, como diría P. Freire, a decatármonos de que somos seres en transformación e non en adaptación. A sermos conscientes do efecto devastador dos anoxos e das actitudes negativas e pesimistas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto