Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Un millón de estudiantes españois menores de 14 anos comeza a xornada académica subindo nun autobús escolar
Aínda que os accidentes neste tipo de transporte son pouco frecuentes, tanto as asociacións de pais de alumnos coma a Administración saben que o sector presenta deficiencias importantes, que poden afectar á seguridade nestes traxectos tan cotiás coma necesarios: antigüidade excesiva en moitos dos autobuses, demasiadas viaxes sen máis compaña adulta cá do chofer, e ausencia en moitos buses de elementos tecnolóxicos de seguridade, como freos ABS e retarder, arco antienvorcamento, ou dispositivos para unha evacuación rápida en caso de emerxencia.
CONSUMER analizou o grao de seguridade coa que os escolares do noso país se trasladan cada día ós seus centros académicos. E os resultados non foron alentadores. Por medio de 92 entrevistas a responsables de empresas de transporte escolar, e trala observación in situ de 424 autobuses á súa chegada a decenas de centros escolares de Madrid, Barcelona, Valencia, Biscaia, Guipúscoa, Álava, Navarra, Alacante, Murcia, Málaga, Burgos e Cantabria, analizáronse diversas variables, entre elas as tres máis importantes: a antigüidade e seguridade do vehículo ó que soben os rapaces, se nestes viaxa un adulto acompañante distinto do conductor, e os prezos. Se a idade do bus non é excesiva, irá provisto de mecanismos tecnolóxicos e prestacións que implican unha mellora da seguridade. E se un adulto controla os alumnos durante toda a viaxe e supervisa as baixadas e subidas ó vehículo, os riscos de accidentes redúcense considerablemente. Segundo informan as propias empresas de transporte escolar, só o 55% dos seus vehículos teñen incorporado o sistema de seguridade do arco antienvorcamento, e máis do 40% deles transitan decote sen un acompañante que controle os nenos.
Por outra banda, a proba práctica revelou que case a metade dos autobuses destinados ó transporte escolar levan máis dunha década funcionando e que o 7% supera os 16 anos de antigüidade, máximo que permite unha nova norma na que traballa o Goberno e que axiña se vai aprobar. Un 1% dos autobuses tiñan máis de 18 anos e, polo tanto, están fóra de norma, xa que o máximo admitido na actualidade é de 18 anos.
Tarifas: 8.400 pesetas ó mes de media, e especialmente caras en Barcelona. Os pais só pagan polo transporte escolar cando os seus fillos cursan estudios nun centro non público, xa que a Administración cobre este gasto ata o final da ESO, cando os alumnos cumpren os 16 anos. Centros escolares, pais, concellos e comunidades autónomas invisten decenas de milleiros de millóns ó ano en custea-lo traslado diario dos nenos ós centros escolares. Os concertados e privados recorren máis ó transporte escolar cós públicos, xa que nestes a proximidade ó domicilio discrimina a admisión dos alumnos. As tarifas do transporte escolar son onerosas: de media, 8.420 pesetas por mes e alumno. Os prezos, sen embargo, difiren moito: en Burgos e Álava non chegan ás 6.000 pesetas de media, mentres que en Málaga e Valencia superan as 10.000 pesetas ó mes. Madrid, con 11.600 pesetas ó mes, e Barcelona, con case 12.700 pesetas, son as provincias nas que o transporte escolar lles custa máis caro ós pais. Os dous factores que poden explicar estas diferencias son o grao de contratación de acompañantes e a idade media da flota de autobuses.
Polo que se refire ó primeiro punto, dúas das tres provincias nas que sae máis barato o transporte escolar (Burgos e Cantabria) sobresaen por seren as que con menos frecuencia teñen un acompañante a bordo (en non máis dun 20%), mentres que en Barcelona este dato é do 100% e en Madrid do 67%. E se se fai esta comparación con outras provincias si semella haber (non sendo no caso de Málaga) unha relación entre tarifas elevadas e unha maior proporción de presencia de acompañante nos vehículos. No tocante ó segundo factor, é ben certo que Madrid e Barcelona teñen unha flota algo máis moderna ca outras provincias, pero tamén que Burgos pode presumir de buses novos e presenta as tarifas máis económicas de todo o estudio. Alacante impón tarifas medias e ten unha flota bastante moderna. Outros datos do informe son que soamente o 7% dos autobuses escolares están adaptados a usuarios minusválidos, e que unicamente o 15% dispoñen dun aseo para alivia-las necesidades fisiolóxicas dos nenos, tanto máis preciso canto máis longo sexa o traxecto que haxa que percorrer.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI