Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
A camiño entre o culto ó corpo e o crecente interese que suscita todo o relacionado coa saúde, practicar deporte converteuse en algo máis ca nunha moda pasaxeira
A primeira diferencia nas tarifas vén determinada polo tipo de centro elixido. Os ximnasios privados resultan decote máis caros cós polideportivos municipais. Esta diferencia débese a que, polo menos na teoría, os primeiros posúen unhas instalacións mellores e un menor número de usuarios. Un prezo máis elevado, especialmente da matrícula, pode incluír servicios adicionais, como solario, sauna, jacuzzi, recoñecemento médico, o equipamento preciso para practicar deporte (camiseta, pantalón, calcetíns, mallas...) ou a toalla (lavada cada día).
No tocante ós polideportivos, as tarifas aplicables variarán se o usuario é abonado ou non. Ademais, algunhas instalacións deportivas municipais contemplan descontos para estudiantes, xubilados, menores de idade, parados e membros de familias numerosas. Infórmese.
Ximnasios privados: -Matrícula: 0-20.000 pesetas anuais. -Mensualidade: 3.500-12.000 pesetas. Esta cota pode incluí-lo emprego de tódalas instalacións do ximnasio ou soamente dos aparellos precisos para practicar unha actividade. Pregunte e compare. -Outros servicios: Solario: 5.000-12.000 pesetas / 10 sesións Masaxe: 2.500-3.000 pesetas / 1/2 hora Alugueiro da taquilla: 0-6.000 pesetas anuais.
Polideportivos municipais: Existen diversas modalidades de pagamento: anual, cuadrimestral, trimestral e mensual, dependendo de cada centro deportivo. As tarifas da maioría das actividades son moi semellantes e andan entre as 2.400 pesetas e as 4.200 pesetas mensuais para os socios, que hai que sumar á tarifa anual, que se sitúa entre 8.200 e 14.000 pesetas.
A cota mensual dos non socios é máis elevada e ás veces non se lles permite participar en tódalas actividades ou cursos. Ademais, nalgúns polideportivos non admiten socios non empadroados no concello, e noutros admítenos pero deben aboar tarifas anuais superiores. Por todo isto, cómpre informarse e comparar cursos e prezos. Tamén as instalacións municipais ofrecen outros servicios, como sauna e baños turcos, masaxes ou medicina deportiva.
Estímase que un tercio das persoas que traballan no sector da actividade física e o deporte en establecementos deportivos de distinta titularidade non posúe ningunha titulación.
Segundo José María Montesinos, presidente do Colexio de Licenciados en Educación Física de Valencia, "existen varios títulos que permiten traballar como profesor en ximnasios privados e polideportivos municipais: a licenciatura en Educación Física, a Diplomatura de Maxisterio na súa especialidade deportiva, amais de titulacións deportivas que recoñece o Ministerio de Educación e Cultura que equivalen á de técnicos superiores e capacitan para ensinar especialidades como ximnasia, balonmán, animación deportiva, etc. Pero ó carecermos dunha normativa que os obrigue, decote os ximnasios non contan cun licenciado que garanta a práctica correcta do exercicio. Isto comporta riscos, xa que a actividade física realizada de maneira non axeitada pode provocar lesións. E o problema é que esas lesións non son sempre inmediatas.
A actividade física trátase como un ben de consumo e o consumidor debe esixir garantías e a administración vixia-lo cumprimento da lei, opina José María Montesinos. Actualmente está en vigor a Lei do Deporte, pero non tivo o desenvolvemento normativo requirido, polo que na actualidade calquera persoa pode abrir un ximnasio e orientar e dirixi-la práctica dos usuarios que acoden a el.
"Cando xorden problemas e o monitor non está colexiado, o consumidor está desprotexido porque non existe responsabilidade profesional ningunha. Sen embargo, se os monitores son licenciados colexiados, sempre hai un colexio que ten unha responsabilidade. Cun colexio profesional, o consumidor e o profesional contan con máis garantías", sinala José María Montesinos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI