Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Se as campañas publicitarias anuncian de forma anticipada a primavera, a chegada do outono tampouco pasa desapercibida nos medios de comunicación
Dentro do sector editorial, os fascículos representan o 10,5% das vendas totais, e alcanzaron en 1998 unha facturación de 41.245 millóns de pesetas, cifra que as editoriais se disputan con diversas estratexias. Setembro, o mes da volta á normalidade doméstica e profesional para a maioría de nós, é o momento estratexicamente elixido para inicia-las coleccións. En formato de fascículos foron presentadas algunhas inmortais obras de Charles Dickens, ou coñecémo-las vicisitudes do famoso detective Sherlock Holmes. Quen xa fixo 50 anos pode lembrar que gracias ós coleccionables dos domingos gozou de El Capitán Trueno, se divertiu con Axterix e Obelix, e mesmo hai quen asentou os cimentos da súa futura biblioteca.
Unha colección completa anda, de media, polos 75 números e supón un desembolso final ó redor das 60.000 pesetas, aínda que as hai que pasan os 150 números e as que superan con creces as 100.000 pesetas. A periodicidade é dispar: hai fascículos semanais, quincenais e mensuais, e mesmo bimestrais, segundo se trate de revistas, libros, vídeos, discos compactos, ou de formatos combinados. O máis habitual é que o cliente adquira o seu novo fascículo cada semana. O prezo por entrega oscila entre as 495 pesetas dunha revista e as 2.495 pesetas que pode alcanzar un CD, e non varía aínda que as entregas se prolonguen por espacio de anos, tres ó sumo, se ben 18 meses é o período máis común desde o fascículo número 1 ata o último. As ofertas especiais de lanzamento, reforzadas por unha intensa campaña de publicidade, inclinan a moitos consumidores a facerse co primeiro exemplar, que normalmente vén acompañado do segundo, gratuíto. Dos compradores iniciais, poucos seguirán adiante ou superarán os tres números. Coñecedoras desta tendencia do mercado, as editoriais distribúen unha gran cantidade de exemplares do primeiro (e, no seu caso, segundo) número. A cantidade inicial queda reducida á metade na segunda entrega e a partir de aí o subministro se efectúa baixo demanda do libreiro ou quiosqueiro, que realiza o pedido unha vez calculada a clientela da próxima entrega do coleccionable.
Aínda que a fidelidade non é a característica esencial deste tipo de compra (moi poucos consumidores adquiren tódolos fascículos dunha colección), quen mantén a constancia conta coa garantía editorial de que poderá concluí-la colección. De todas formas, se a editorial decidira cesa-las entregas, advírtese ós compradores da intención de suspende-la colección nas portadas dos dous últimos números postos en circulación. No outro extremo do éxito sitúanse as coleccións que, pola súa boa acollida, volven á carga en setembro, e dáse o paradoxo de que unha segunda colección (ás veces, idéntica) convive coa edición anterior que aínda non concluíu. Segundo os últimos datos da Federación de Gremios de Editores de España, os fascículos representan o 10,5% das vendas do sector e alcanzaron en 1998 unha facturación de 41.245 millóns de pesetas. Os puntos de venda máis habituais para todo tipo de edicións son librerías, grandes superficies e quioscos. Lonxe quedan outras canles de distribución, como a venda telefónica, postal ou Internet.
A última década respectou o tradicional e aparentemente invencible soporte de papel, pero tamén viu a consolidación doutros formatos, como as cintas de vídeo ou os discos compactos ou CD-Roms para ordenador. As diversas editoriais ofrecen, no noso país e ó longo do ano, ó redor de 200 coleccións distintas. A informática e os idiomas son, sen dúbida, os reis do escaparate. Con decenas de propostas para distintos niveis e variantes, representan case o 50% da oferta. Tras eles sucédense alternativas de lecer, afeccións e especialidades: desde a caza e a pesca, pasando pola música clásica, pop ou zarzuela, e sen esquecer cine e filmografías, manualidades, bricolaxe, cociña, flores, plantas e xardíns, pintura, filatelia, soldadiños de chumbo, papiroflexia, numismática, decoración...
Segundo as distribuidoras, a elección de setembro como data de lanzamento das novas coleccións non é casual, xa que é o mes da volta ó colexio, do retorno á normalidade. Considérase o mes do regreso á rutina e unha ocasión propicia para mostrar interese por algo tan doméstico como o inicio dunha colección de fascículos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI