Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Comprar unha prenda de vestir non debería ser tan só cuestión de moda e de gusto. A clase de tecido utilizado para a súa confección determinará a súa calidade, duración e as condicións de conservación
Por iso, deberiamos prestar maior atención ás características do tecido ó adquirir unha prenda, para evitar situacións desagradables: teas que encollen en exceso, lenzos que engurran con suma facilidade e que non parecen admiti-lo ferro de pasar ou panos que mudan de cor tralo primeiro lavado. Ademais, cada tipo de tecido esixe unhas condicións de mantemento específicas, e coñecelas será fundamental para prolonga-la vida útil da nosa prenda e mantela nun estado óptimo. As fibras son filamentos que compoñen os fíos e tecidos. Divídense en dous grandes grupos, as naturais ou as artificiais. O primeiro grupo está constituído por fibras en estado natural que non esixen máis ca unha lixeira adecuación para ser fiadas e utilizadas como materia téxtil. O segundo grupo fórmano fibras que non existen na natureza, fabricadas mediante un artificio industrial.
Brillante, fina, suave, lisa e renxente, a seda non arde, é elástica, retén a auga, engurra bastante e non é atacada polos insectos. A seda considérase raíña das fibras naturais de procedencia animal, privilexio que lle outorga a antigüidade do seu uso e o misterio e a lenda que rodeou durante séculos o verme de moreira que a produce. Debe lavarse a man, con auga fría, sen fregar nin retorcer, polo que non convén que as prendas de seda se ensucien moito, co fin de limpalas sempre cun lavado lixeiro. Para mantela viva hai que evita-lo uso de lixivia e débeselle pasa-lo ferro con sumo coidado. Pódese limpar en seco con calquera disolvente, pero con precaución.
Foi utilizada na vestimenta humana desde o Neolítico para elaborar practicamente todo tipo de prendas. A maior parte das ovellas productoras de Europa, Australia e América proceden da ovella meiriña española, traída á Península polos árabes a principios do século XIV. A la retén a auga, por iso lle custa moito secar; é un bo illante térmico, xa que garda ó redor da pel a calor que o corpo produce, proporcionando unha sensación cálida. As prendas confeccionadas con la son especialmente valoradas e utilizadas por montañeiros, debido a que atraen a humidade pero ó mesmo tempo retéñena, e o corpo mantense seco e fresco. A la non se inflama nin se funde e, polo tanto, non se pega á pel en caso de incendio. É elástica, non se deforma e engúrrase pouco, xa que ten gran poder de recuperación. Resiste os ácidos pero non as lixivias, mesmo diluídas. Pódelle entra-la couza, ponse amarela co sol e non almacena electricidade estática. Ningún outro tecido se conserva en excelentes condicións durante tanto tempo, aínda que depende, claro está, da súa pureza. O 7% dos tecidos están confeccionados deste material téxtil.
A la debe lavarse en auga tibia, con precaución e utilizando xabón neutro, pero sen fregar nin retorcer. A ser posible, as prendas de la deben secar en horizontal. Pode limparse en seco e admite o ferro de pasar a baixa temperatura e baixo un pano húmido para evitar brillos. Só as prendas que así o indiquen poden lavarse a máquina.
Na composición química a penas se diferencian os pelos das las, pero non así na súa estructura física. A la é rizada, o pelo liso; no animal, a la forma vellóns ou pelotas de fibras, o pelo, en cambio, cae solto.
Representa o 39% do consumo total de fibras téxtiles. O seu nome é de procedencia árabe, debido a que, con toda probabilidade, foi orixinario de Oriente Próximo e do Val do Nilo. O algodón retén gran cantidade de auga, é fresco e o seu uso resulta confortable. Tínguese con facilidade, co que non se produce o fenómeno de descarga no proceso de tintura. Non ten estabilidade fronte á conservación da forma e hai que conferirlla mediante tratamentos mecánicos ou químicos. Engúrrase, aínda que existen tratamentos químicos para evitalo. É máis económico cás fibras animais. Cando arde, cheira a papel queimado. Resiste mal os ácidos e ben as lixivias. O algodón ofrece moitas vantaxes para a súa conservación. É moi resistente ó lavado, pódese fregar, escorrer e pásaselle o ferro facilmente, aínda que se recomenda que o tecido estea húmido antes de pasarlle o ferro. Pode limparse en seco.
Foi unha das primeiras fibras que o home utilizou, antes mesmo que a la. Na actualidade o liño goza de grande aceptación na confección de prendas frescas para o verán. Dependendo da urda (técnica do fiado), pode fabricarse un tecido tan fino como a batista ou outro tan basto como a lona. Polo seu grao de absorción de auga, é un tecido moi fresco. A superficie da fibra, moi lisa, permite que o tecido sexa suave ó tacto. Pola súa afinidade ós colorantes, o tecido de liño é moi apropiado para a estampaxe e esta mesma consistencia permite realizar nel calquera tipo de bordado. As características de conservación son idénticas ás do algodón.
Destaca o asbestos, un silicio que se presenta en filamentos tan finos que se poden tecer e son resistentes ó lume.
As normas internacionais da industria esixen etiquetar cada prenda fabricada indicando a natureza e composición do tecido, así como as instruccións elementais de tratamento e conservación. A continuación relaciónanse os símbolos que de acordo a estas normas acompañan cada prenda, e explícase o significado de cada un dos símbolos. Estes signos empréganse polos fabricantes de confección de todo o mundo para referirse ás operacións de lavado, uso de lixivia, uso de ferro de pasar, lavado en seco e secado das prendas.
As fibras artificiais, manufacturadas mediante polímeros naturais de celulosa, proteína e outras materias primas, proveñen da transformación química de productos naturais. Representan o 49% do consumo total das fibras téxtiles.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI