Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Carmen Jiménez Fernández, doutora en Filosofía e Letras, catedrática de Pedagoxía Diferencial: "Os nenos, para estudiar, necesitan amor, apoio e estímulo"

 Carmen Jiménez naceu na Alpujarra granadina, en Cádiar; é desde hai doce anos catedrática de Pedagoxía Diferencial na Facultade de Educación da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), onde foi durante sete anos Directora de Ensinos non Regrados e posteriormente, Decana da Facultade de Educación. En 1998 creou a Revista EDUCACIÓN XXI que gozou dunha boa acollida en España e Iberoamérica

Carmen Jiménez preocúpase polo significado educativo das diferencias humanas, particularmente pola superdotación ou alta capacidade (o 5% dos escolares españois), tema sobre o que xiran as súas publicacións, imparte docencia, dicta conferencias, dirixe teses doutorais e é responsable dunha liña de investigación. En 1995 elaborou un informe para o Ministerio de Educación e Ciencia sobre a "flexibilización, con carácter excepcional, do período de escolarización obrigatoria (cómo regula-la aceleración de curso, en resumo) para os alumnos con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación intelectual".

É autora de varios libros que afrontan as bases ou fundamentos da educación diferenciada, entre eles Pedagogía Diferencial (1997, UNED) e en outubro sairá á luz Diagnóstico y educación de los más capaces (UNED. MEC. Comunidade de Madrid). O próximo mes de outubro comézase a impartir baixo a súa dirección o Primeiro Curso de Experto Universitario en Diagnóstico e Educación dos alumnos con alta capacidade. Impárteo a UNED e é a distancia, naturalmente.

Nos nenos comeza a detectarse certo estrés ¿A que é debido este fenómeno?

O estrés escolar é propio dos países desenvolvidos e ten que ver coas normas de convivencia familiar; o modelo de relacións sociais e profesionais imperante; o sistema de horarios, esixencias, premios e castigos, instaurado nos ambientes intencionadamente creados para educar, como é o caso da escola e o tipo de relación existente entre o centro escolar e a institución familiar, fundamentalmente. Por exemplo, a escola pode quedar lonxe do fogar e hai que toma-lo autobús ou ir en coche; os nenos puideron dedicar demasiado tempo a ve-la televisión e menos tempo a durmir, xogar e desafogarse con amigos e familiares; en clase, cada alumno debe traballa-lo seu lugar á sombra; aprender é importante para ser querido e valorado pero para querer aprender, e aprender ben, cómpre ser centro de atención, ensaiar, recibir aprobación polo esforzo (non só, nin ante todo, polo esforzo que leva ó éxito) e corrección afectiva e efectiva polo erro, e ver confluencia (escolar, familiar e social) nun pequeno núcleo de valores e normas que dan poucas pautas pero claras para orienta-la conducta infantil.

¿Que influencia teñen en todo isto a televisión e as novas tecnoloxías?

Faltan principios sólidos e confluíntes; a televisión e Internet ofrecen un mundo fácil e bobo que máis ben embouta a mente en lugar de estimula-la busca e o traballo gratificante; os pais andan ocupados; os profesores evitan comprometerse en responsabilidades "non docentes", ...o neno pódese converter en carne de canón. O estrés tende a cebarse nos máis febles e nos que se senten menos comprendidos e apoiados.

Vostede é especialista en alumnos superdotados, ¿cal debe se-la actitude dos pais ante un fillo con esas características?

A mesma que con outro fillo pero adaptada á singularidade do caso. Todo fillo precisa amor, apoio e estímulo. Hai que perde-lo medo a ser desbordados polo fillo (ou o alumno) ou a que sexan desgraciados por ser diferentes. O superdotado ten grande intelixencia pero non ten a experiencia e perspectiva do adulto; debemos confiar neles, respecta-las súas necesidades de tempo persoal, o seu modo singular de aproximarse ó coñecemento e apoialos. Darlle oportunidades de coñecer e de fantasiar, vixiar amorosamente para que desenvolva bos hábitos de traballo e de relación cos outros, fomentar intereses como a lectura, a música, o coleccionismo, a informática... Mira-las cousas de fronte e con naturalidade e previ-los problemas. Se xorden, afrontalos. Non esgotalos con desexos adultos non logrados nin con metas demasiado elevadas. Teñen dereito ó erro.

A atención máis personalizada a estes alumnos e a todo alumno debe entenderse como igualdade de oportunidades e como educación para a excelencia persoal e social. Os alumnos con medios privilexiados teñen oportunidades para compensa-las carencias da escola e para facer aflora-lo seu talento; o desenvolvemento da capacidade dos menos favorecidos depende, en maior medida, da calidade da escola. Unha educación de calidade é a que promove a excelencia do alumno.

Pero ¿é problemático que un neno sexa superdotado?

En principio, non. Son nenos normais cun desenvolvemento cognitivo máis precoz, que favorece que aprendan a maior ritmo, con maior profundidade e amplitude que os seus compañeiros e irmáns de idade similar, sobre todo se traballan en temas que atraen o seu interese e atopan en profesores e pais o apoio e estímulo adecuado. Que poidan aprender con bo ritmo e calidade non quere dicir que o logren. A educación é un asunto complexo. Os superdotados son rapaces con menos problemas que a maioría, o que ocorre é que non é un grupo homoxéneo, e algúns destes mozos teñen ou poden chegar a ter problemas de diverso tipo e gravidade. Falar de superdotados e normais, é unha primeira forma de diferenciar entre as características que concorren nestes dous grandes grupos e ten o seu fundamento e sentido. Sen embargo, é demasiado simple. A alta capacidade encerra manifestacións múltiples e complexas non facilmente observables en tódolos casos. Hai alumnos moi creativos; outros mostran altos intereses científicos e intelixencia; outros destacan nun ámbito particular. Algúns manifestan moi cedo a capacidade e o interese, outros maniféstana máis tarde e algúns non chegan a manifestala e evidénciase a raíz dalgún estudio por fracaso escolar, por exemplo. Ademais, o ritmo e o nivel do desenvolvemento pode ser máis ou menos homoxéneo nas distintas facetas ou pode aparecer con fortes cristas e vales. Hai rapaces cunha intelixencia tan extrema que están expostos a problemas sociais e emocionais; acostuman ser pouco queridos por compañeiros e profesores; non aprenden a desenvolver hábitos de traballo e a súa traxectoria escolar pode ser difícil e ata desastrosa.

¿Hai diferencias entre mozos e mozas?

Ás veces danse fenómenos que propician a aparición de comportamentos curiosos. Por exemplo, na adolescencia as mozas moi capaces tenden a retirarse da primeira fila e prefiren gozar dun bo pasar social antes que ser obxecto de envexas e rexeitamentos ocultos ou manifestos. En ocasións, toman decisións irreversibles para o seu futuro. Durante a súa mocidade, as rapazas viven con especial sensibilidade a cuestión da súa dedicación absorbente ó traballo ou, se é o caso, á familia e á maternidade, como mellor se poida.

¿Os superdotados obteñen mellores cualificacións académicas?

Como grupo sacan mellores notas que os rapaces normais e son bos alumnos. Pero hai subgrupos que fracasan na escola e outros que logran un rendemento mediocre para a capacidade que posúen. As diferencias humanas son unha realidade e a escola ten que consideralo nas súas previsións docentes. Atende-la baixa capacidade non é compaixón senón previsión, e é esixible a unha sociedade avanzada e democrática; atende-la capacidade media e alta é atende-lo dereito de todo alumno a ser educado de acordo coas súas necesidades específicas. Non é de elite. É educar para a excelencia persoal e social, porque se trata de ensinarlles a colaborar, a comprometerse cos demais, a ser esixente consigo mesmos e a gozar co traballo. Non son os máis aplicados cando o estudio se converte en algo aburrido e repetitivo. Estudiar para aprobar carece de sentido para estes alumnos, aínda que lles agrada que se recoñeza a súa capacidade. Estudian para saber, comprender, dominar, crear e proxectar. O fracaso prodúcese porque se afán a vivir de rendas, se castiga a súa orixinalidade e capacidade, non se lles esixe de acordo cos seus recursos. Algúns centros e pais entenden que ser esixente e sobresaír é sinónimo de falta de solidariedade co que destaca menos. Asumi-la diferencia e respectala debe ser válido para todos.

¿Como hai que afronta-la educación dos nenos superdotados, teñen que ir adiantados nos cursos, necesitan profesores especiais...?

Non hai un modelo único. Precisan a mesma educación que o alumno ordinario pero a un nivel máis avanzado, xa que o seu desenvolvemento é maior. Unha educación estimulante, que fomente a aprendizaxe autónoma e lles propoña retos intelectuais, que fomente o establecemento de relacións entre os conceptos, o traballo cooperativo e o esforzo individual; que lles ensina a pescar porque lles mostra o núcleo e os nervios do coñecemento e as estratexias para elaboralo e crealo. Fálase de tres modelos: aceleración, enriquecemento e agrupamento por capacidade con distintas variantes. Polo demais, varían os propios alumnos e cambian as súas necesidades ó longo do desenvolvemento. En preescolar e primaria o máis estendido é o enriquecemento do currículo (do contendido a ensinar, do método de ensino e do producto a esixir) ben na aula ordinaria ou ben en aula especial; o agrupamento por capacidade, os grupos de interese, o traballo independente, a aceleración parcial, a titoría entre iguais, son formas complementarias. Pero sempre haberá excepcións. A aceleración total do curso é unha, e desde 1996 está regulada no noso sistema e é bastante empregada.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto