Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Os animais domésticos proporcionan compañía, devolven sobradamente o afecto que reciben, introducen en nenos e mozos os necesarios conceptos de rutina e responsabilidade
Máis da metade das persoas que posúen un animal doméstico teñen un can como mascota. A segunda especie con máis adeptos son os paxaros (o 25% dos enquisados) e o terceiro posto ocúpano os gatos (22%). Os cans e os gatos son, con moita diferencia, os animais máis frecuentes en poboacións pequenas. O resto de mascotas (hámsteres e cobaias, especies exóticas e tartaruga) son case exclusivas de familias que viven en urbes máis poboadas.
Por outro lado, o 64% das persoas entrevistadas ten un só animal, mentres que o 16% conta con dous e o 7% con tres. Pero é moi común que as mascotas dun fogar sexan da mesma especie: só o 12% dos que posúen mascotas goza de dúas especies diferentes de animais e só un 3% chega a ter tres. O gato sen pedigree é o máis abundante entre os amantes dos felinos (un 50%), seguido do siamés (32%) e o persa (12%). Entre os cans, tamén os que carecen de pureza de raza demostrable predominan (33%), seguidos do pastor alemán (10%). As razas consideradas perigosas, como dogo, presa mallorquino, doberman e o rotwailler, a penas representan o 2% do total de cans no noso país, segundo os datos da enquisa de CONSUMER.
Xa noutra especie, o canario é o rei das aves (49%), diante do periquito (27%), o loro (6%) e o xílgaro (4,5%). Máis da terceira parte das persoas que teñen un acuario descoñece a qué especie pertencen os seus exemplares. Entre os que contestaron, un 17% aseguraron que posuían peixes de auga fría, mentres que un 24% eran de auga quente. Por outro lado, dous de cada tres propietarios de tartarugas aseguraron que a súa especie é de auga, mentres que un 25% dixeron que era de terra.
Deixa-la mascota nunha residencia, unha rareza Os amigos e familiares son o recurso máis habitual entre os que desexan ir de viaxe e non levan a súa mascota (70% no caso das persoas con cans e 48% nas que teñen gatos). A outra alternativa máis común é deixa-lo can só na casa (20%), o mesmo que cos gatos (o 36%). Esta segunda opción é a máis habitual nos que viven en localidades pequenas, mentres que a primeira é a favorita dos habitantes das grandes urbes. Agora ben, dos que deixan soa a súa mascota, o 10% faino coa tranquilidade de que alguén pasará pola casa na súa ausencia. A opción das residencias para mascotas está moi pouco estendida, e é algo máis frecuente nos cans (4%) ca nos gatos (1%). O seu uso é case exclusivo, en ambos casos, dos donos de mascotas que viven en grandes cidades. Viaxar con mascota
O Código de Circulación establece que os animais non viaxarán no asento dianteiro do coche. Farano só no traseiro e cunha protección que impida o paso á parte dianteira. Pero segundo o medio de transporte, pode varia-la norma. Só os cans-guía poden acompañar sempre o seu propietario. Os autobuses, metro e trens de proximidades teñen prohibido o acceso de animais, coas excepcións que o conductor ou revisor determinen baixo a súa propia responsabilidade. En trens de longo percorrido e barcos, están permitidos os animais de compañía, pero deben viaxar no departamento de equipaxes e no interior dunha gaiola especial para eles. Cada empresa de transporte é máis ou menos tolerante cos animais de pequeno tamaño (menos de cinco quilogramos) e pode permitir que estes acompañen o propietario no seu asento, pero o revisor ten a potestade de anular este privilexio. O avión é o medio que maior aceptación mostra ante as mascotas de pequena talla, e as de maior peso deberán facturarse coa equipaxe. O responsable da aeronave terá, en caso de dúbida, a última palabra e decidirá se o animal viaxa co seu dono ou debe ir na bodega coa equipaxe. A UE esixe, para a circulación dos animais de compañía entre os diversos países comunitarios, a cartilla sanitaria co certificado de vacinación antirrábica, o certificado oficial de saúde en calquera dos idiomas oficiais e a identificación por un dos métodos que recoñece a UE: tatuaxe ou chip.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI