Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os afeccionados á fotografía aproveitan a época estival para lanzarse á captura dunha boa instantánea da natureza
Retratos de paisaxes, paxariños, flores, amenceres, etc., constitúen o soño de calquera amante da fotografía. Se vostede se considera un deles, lembre que é un intruso nese mundo que admira, do que desexa leva-las imaxes como recordo. Debe respectar, xa que logo, os seres vivos e o seu ecosistema, e isto implica coñecer e entende-los aspectos técnicos da fotografía e saber adaptalos de xeito que afecten na menor medida á natureza.
A conducción por estas zonas debe cinguirse máis estrictamente, se cabe, ás normas de circulación. Ó ver un vehículo parado dende onde se están a tomar fotografías, detéñase a unha distancia prudencial. Acenda de novo o motor cando estea seguro de que non lle estragará a instantánea ó seu ocupante. Non se achegue a animais perigosos co coche, e, se transporta pasaxeiros, asegúrese de que cumpran as normas de seguridade e de cortesía co contorno. Apague radios, walkmans e discmans... Se calquera criatura salvaxe se alterase pola súa presencia, marche de alí antes de forzala a ela a moverse, xa que é perigoso que abandone o seu hábitat.
Todo fotógrafo devece por obte-la instantánea onde se aprecie as crías de calquera ave cando os seus pais as están a alimentar. Para iso, o primeiro é informarse sobre cómo se realiza esa mantenza e cal é o comportamento dos animais durante a súa crianza.
Lea libros que describan esa situación e consulte con grupos de estudio da natureza antes de procurar ese tipo de fotografía. O idóneo será agacharse nun refuxio (hide), que se vende con esta finalidade, para non perturba-las criaturas.
Agora ben, non levante o agocho á vista do gran público, para evitar que se sintan atraídos e perturben o animal. Procure que non o vexan (nin a vostede nin ó equipo) a través ou fóra do refuxio levantado, e non se achegue demasiado ó niño ou á cocha. Desmantele o campamento se os pais das criaturas non volven nun tempo prudencial para seguir alimentando os seus pequenos, especialmente en días moi fríos ou calorosos.
Debe instala-lo refuxio antes de que as crías nazan e os pais se establezan firmemente no lugar, para que non perciban nada estraño e non aborrezan o niño.
O ideal é fotografar estes animais en pleno campo, onde se reflectiría exactamente a súa vida, aínda que tamén é aceptable capturar estas especies para fotografalas no estudio, sempre que se devolvan ó seu hábitat orixinal tan axiña como sexa posible.
Antes, haberá que solicita-lo permiso oportuno ante as autoridades medioambientais da zona. Iso si, o fotógrafo non debe poñer nunca en perigo a vida de ningunha especie.
O mellor é fotografalas pola mañá cedo, a última hora da tarde ou cando o tempo é máis fresco e elas se atopen máis inactivas.
Os animais que habitan e se desenvolven no mar, tanto enriba coma debaixo das rocas, a mercé das mareas, desempeñan un papel definido no ecosistema, e morrerían se, tras retratalos, non os deixamos tal e como os atopamos. En canto ás rocas, nunca debemos alteralas, aplicando substancias para lograr unha foto máis espectacular ou con maior colorido. As formacións e os cristais das covas tampouco se deben arrincar, romper ou coller do lugar onde se encontran, xa que nunca máis volverían a ser restablecidas.
Á hora de retratar flores e plantas, evite esmaga-lo seu contorno; eses danos afectan a tódalas especies do ecosistema. Nunca recolla flores salvaxes ou endémicas para fotografalas no estudio: tire a instantánea no contorno natural da planta, aínda que o resultado non sexa perfecto en canto á luz.
Normas do fotógrafo Spook Skelton para promove-la conservación e o coñecemento da natureza, a través da fotografía, a observación e a exposición:
Practicamente calquera equipo servirá para esta especialidade fotográfica. As prestacións técnicas requiridas dependerán da calidade que se desexe obter nas reproduccións e do que se pretenda plasmar nelas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI