Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Manuel Leguineche, xornalista, viaxeiro, escritor e correspondente de guerra: "A viaxe deberíanos facer máis humildes e servir para comprobar que non estamos sós no mundo"

 Manu Leguineche (Arrazua, Biscaia, 1941) é a personificación da viaxe e das aventuras que o acompañan. Xornalista feito baixo a influencia de Delibes, correspondente de guerra, viaxeiro empedernido, fundador das axencias Colpisa e Fax Press, que dirixe, escritor, conversador de mil batallas, gañador de premios coma o Nacional de Xornalismo, Pluma de Ouro, Cirilo Rodríguez, Xulio Camba ou o Ortega y Gasset, seareiro televisivo (de pagamento por visión) do Athletic de Bilbao, experto xogador de mus (o seu último libro Mus visto -Plaza & Janés-, así o testemuña), bo anfitrión e mellor persoa, recibiu a CONSUMER na súa casa alcarreña de Brihuega (Guadalaxara) e descifrou o amplo significado que para el entraña viaxar, amais de reflexionar sobre as guerras de onte, que el cubriu como xornalista, e as de hoxe.

A Leguineche gústalle "que os países conserven a súa forma de vida e non se lancen á occidentalización masiva". Para este vasco universalista, "viaxar é un exercicio hixiénico que contribúe a que un se coñeza mellor. Un filósofo alemán dixo que o mellor camiño para coñecerse era da-la volta ó mundo, pero eu engado: e para coñece-los demais".

Manu Leguineche asegura que "hai que viaxar libre, sereno, para ve-la persoa que nos recibe, comprendendo os demais, mirando cara ó horizonte e, sobre todo, viaxar sen a dictadura do reloxo ou do calendario e ríndote dos teus contratempos". Manu Leguineche é autor de innumerables libros que contan as súas experiencias por todo o mundo. Os dous últimos son La felicidad de la tierra (Alfaguara) e Hotel Nirvana (El País-Aguilar).

¿Por que viaxamos, cal é o resorte que nos move a saír da casa para ver mundo?

Esta pregunta mereceu sempre moitísimas respostas e todas elas moi diversas. Algúns teñen máis claro o que deixan atrás có que buscan. Sábese mellor por qué un marcha (tensión, fatiga, cambio de vida...) có que vai atopar por aí. Xa o dicía L. R. Stevenson: "só preciso o ceo sobre a miña cabeza e o chan baixo os meus pés". Cada persoa viaxa por un motivo distinto, hai quen o fai para enviar tarxetas postais e comunicarlle ó veciño o ben que lle van as cousas.

Pero eu penso que en xeral se viaxa por coñecer, e agora faise masivamente porque a viaxe se democratizou, fíxose máis barata... e, de súpeto, o mundo está ó noso alcance. Algúns que xa visitaron lugares exóticos (Tailandia, Seychelles...) buscan destinos nos que 'vivir perigosamente', como baixar en piragua polo Himalaia, facer puenting nas cataratas do Zambeze, e mesmo hainos que queren sufrir e acoden, na procura de emocións fortes, a zonas en guerra. Hai axencias -eu coñecinas en Hong Kong e Londres- que te envían a estes lugares perigosos coma se foses correspondente de guerra. Pero isto son excepcións. Eu penso que en xeral viaxamos para renovármonos, para descubrir novas culturas, realizar un alto neste mundo sufocante e complicado, e pola necesidade de 'cambiar de chip', como din agora.

Pero hai viaxeiros que a tódalas horas se lembran do ben que estarían na súa casa.

O que pasa é que algúns non son quen a romper co anterior: seguen mercando de maneira compulsiva, quéixanse constantemente do mal que se come... ¡Pero non pretenderás ir a 12.000 quilómetros de distancia e comer igual ca na casa! A xente non se decata de que moitas veces son países moi pobres. Tamén os hai que viaxan e, á menor oportunidade, preguntan qué fixo o Athletic ou o Barça; en fin, non acaban de se desengancharen e seguen a mira-lo propio embigo. A viaxe debería facer humilde a xente e servirnos para comprobar que non estamos sós no mundo e que tódolos seres humanos temos moitas cousas en común.

¿Como ve un avezado viaxeiro os problemas que sofre o turista común, coma o overbooking e os retardos nos voos ou o non conseguir un hotel na primeira liña da praia ou con boa comida?

Moitas veces, o que se vende é un enmascaramento da realidade, a solitaria praia coas palmeiras. E cando chegas alí, ves que todo é distinto. A industria do turismo xoga con ese mito do paraíso perdido que todos buscamos pero nunca aparece, e acabamos topándonos coa frustrante realidade. Por outra banda, as viaxes masificáronse. Hoxe todo o mundo viaxa en avión, hai sobrevenda de reservas de voo, o que motiva o overbooking, e, por se fose pouco, os aeroportos e as infraestructuras de moitos países non están preparados para absorber tanto viaxeiro.

Eu teño unha máxima, "se me deixo vencer por un contratempo, o anoxo que me xera un retardo, por exemplo, a miña viaxe arruinouse", de xeito que sacrifico todas esas protestas, porque, mentres tanto, a viaxe segue, e non podes estragala porque se che apagase a luz no cuarto. Os países en vías de desenvolvemento non están ó noso nivel económico, polo que temos que cambia-la pel, como fai a serpe, para viaxar alí. E busca-lo pracer de viaxar, porque partir é vivir. Se un quere estar sempre agoniado, que non se preocupe: a vida vaille dar moitos motivos para o enfado.

¿Permítennos as viaxes organizadas facérmonos unha idea da realidade dun país?

A súa gran vantaxe é que permiten ir a países afastados de maneira máis económica. E son unha solución para os que lle teñen medo ó descoñecido ou ós problemas que poidan xurdir neses países, xa que as viaxes organizadas proporciónanche unha maior seguridade e comodidade, de xeito moi especial nas primeiras viaxes, cando adquirimos un pouco de soltura para movérmonos polo mundo. Eu son partidario de aproveita-lo bo dunha viaxe organizada e despois rompe-los esquemas. Por exemplo, non asistir a eses lugares onde as excursións están montadas para que o turista merque tódolos obxectos e recordos que se lle ofrecen.

Dise que o turismo beneficia a países con réximes dictatoriais e que violan os dereitos humanos. ¿Pensa que debe o viaxeiro visitar eses países aínda que os seus cartos poidan contribuír a perpetua-la carencia de liberdades neles?

É unha pregunta que eu me fixen moitas veces e que non ten unha resposta doada porque che provoca un dilema. Un país que me gustaría volver visitar é Birmania. Aínda sinto a fascinación por Oriente, como dirían os clásicos, e a Xunta Militar abriulle as portas ó turismo, pero non vou ir porque Shu Ki, a Premio Nobel da Paz, que sofre arresto domiciliario, fixo chamamentos para que o turismo non axude á Xunta. Tamén é verdade que hai outros que opinan que o turismo contribúe a cambia-la pel destes países porque a xente que vive neles apalpa outras ideas e os paisanos ven cómo se vive noutros sitios.

No tocante ós conflictos bélicos que viviu e narrou neses países do terceiro mundo, ¿debe o xornalista involucrarse, tomar postura ante o problema tan complexo que representan as guerras?

É tamén unha vella discusión. Hai quen pensa que é mellor tomar partido porque te involucras máis e escribes con máis paixón, pero esta é unha forma de desinforma-los lectores. Lembro o que me dixo o fundador do xornal francés Le Monde: "a obxectividade é imposible, pero hai unha cousa sagrada, xogar limpo co lector". Cando estabamos en Camboxa algúns xornalistas entusiasmados cos Khmeres Vermellos, porque era un xeito de face-la revolución que ía transforma-lo mundo, puxéronse da súa parte.

Despois sóubose que os seguidores de Pol Pot eliminaron dous dos sete millóns de habitantes de Camboxa, un dos maiores xenocidios do mundo. O correspondente de guerra debe mostrarse sempre moi cauto, e os comentarios poden ser libres pero os feitos son sagrados. Loxicamente, en casos flagrantes de violacións de dereitos humanos ou torturas, telo que denunciar, aínda que poida pasar coma en Irán, país no que os torturados se converteron en torturadores. Nunha guerra, xa o dixo un senador norteamericano en 1917, a primeira víctima é a verdade. En Kósovo vímolo: a OTAN buscou xente espelida para que dese a súa versión dos feitos e nos intoxicase coa súa verdade. Agora estamos vendo que eses feitos non sucederon como nolos contaron.

¿Acábase por sabe-lo acontecido nestes conflictos bélicos, ou boa parte da verdade queda escurecida e pasa a engrosa-los misterios insondables da historia?

Cando rematan as guerras, hai tempo para investigar e contrasta-los datos. Ademais, os protagonistas acaban contando o que aconteceu porque teñen remorsos ou porque xa pasou todo e poden falar con claridade. Publícanse libros, documentais e reportaxes, que axudan a que a opinión pública saiba, máis ou menos, o que aconteceu, aínda que sempre quedará oculta unha parte importante da verdade.

A información de guerra e a vida dos correspondentes destinados en conflictos bélicos ¿cambiou moito desde que Manu Leguineche enviaba as crónicas desde Saigón (Vietnam)?

Si, cambiou moito. A Guerra do Golfo retransmitíase en directo e a realidade do conflicto converteuse en virtual. Agora, os xenerais métense nun túnel, premen na pantalla un botón e cambian o rumbo da historia. Todo iso televísase en directo, co que o traballo do correspondente romántico e bohemio da miña época pertence xa ó pasado. A propia dinámica dos exércitos e dos servicios de relacións públicas dos países levan a auga ó seu muíño, censurando as informacións que non lles conveñen. Iso, en Vietnam non se daba.

Durante esa guerra, a máis longa do século, os norteamericanos deixábannos total liberdade de movemento e podías ir comprobar cómo se arrasara unha aldea de labregos, e así os telexornais enchéronse de imaxes nas que o sangue batuxaba as pantallas. Os norteamericanos aprenderon a lección e a partir da invasión de Granada (Caribe) impúxose a censura sobre os correspondentes de guerra. E que conste que a opinión pública acepta que exista esa censura, porque o interese do Estado prima sobre o da información: por exemplo, prefiren non sabe-lo que acontece se iso significa que o inimigo se decate do que non convén ou interprete positivamente calquera feito bélico.

Tralas vicisitudes bélicas de varias décadas, chega o repouso. ¿Que tal senta abandona-las posicións drusas no Líbano e contempla-la vida das abellas na Alcarria?

Nas frontes, agora está todo masificado. Durante a guerra de Kósovo podía haber en Prístina preto de tres mil xornalistas. Iso xa case non me interesa nin me divirte, por iso vin ó campo. Agora gústame analiza-los acontecementos con máis tempo e coa perspectiva dun que xa estivo alí. Eu son un aldeán de Belendiz (Gernika), ó que lle encanta esta tranquilidade e a súa relación co rural. O campo libera e achega as persoas. É a felicidade da terra.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto