Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Cremas solares de índice de protección 8: Só unha de cada catro ofrece, segundo a proba realizada, a protección anunciada.

Desde hai unhas décadas, e debido a unha moda estética que semella eterna, quen no verán desexa transmitir unha imaxe saudable e gozar dun aspecto atractivo debe lucir un bo bronceado

Hai que estar morenos, esa é a máxima. Pero as aparencias enganan e, aínda que toma-lo sol moderadamente pode ser beneficioso para o organismo e para o noso estado de ánimo, as exposicións prolongadas ou moi frecuentes son desaconsellables, e cada día que pasa relaciónanse máis directamente co cancro de pel, que aumenta de xeito preocupante a súa incidencia nos países desenvolvidos, e co avellentamento prematuro da pel.

O organismo humano dispón de mecanismos que o protexen das radiacións solares, pero a eficacia destes "defensores naturais da pel" é limitada. De aí a necesidade de recorrer ós filtros solares coma os que conteñen as cremas que nos aplicamos no verán, e que lle permiten á pel soporta-los baños de sol que millóns de persoas tomarán estes meses de estío.

 CONSUMER analizou oito cremas solares, comercializadas en envase de 200 mililitros (agás unha, de 250 mililitros), que declaran un factor 8 de índice de protección e custan entre 3.750 pesetas por litro (Zeozon) e 9.800 pesetas por litro (Isdin). Estas cremas sometéronse a dúas probas ben distintas: a primeira consistiu en establece-lo índice real de protección de cada unha; a segunda foi un ensaio de uso no que un conxunto de consumidores valorou, en cada crema, o seu aspecto, a consistencia, o aroma, a facilidade de aplicación, a rapidez de penetración na pel e a suavidade que lle confire á pel trala súa aplicación. A análise para medi-lo factor medio de protección seguiu un protocolo estandarizado (Colipa, baseado nunha proba empírica realizada en varias persoas e que ofrece datos aproximados) e revelou que, de acordo con esta proba (os resultados poderían variar notablemente de se realizaren a outro grupo de persoas), tan só Piz Buin e Johnson's, ámbalas dúas de prezo medio-alto, ofrecen a protección que declaran. O resto, e sobre todo Chen Yu (a segunda máis cara), Zeozon (a máis barata) e Isdin (a máis cara), andan arredor do factor 5, bastante afastado do factor 8 declarado. Compróbase, polo tanto, que o prezo pouco ou nada ten que ver co factor de protección real destas cremas. O de Piz Buin mesmo está por riba do declarado, xa que chega ó 9,25. O de Delial, Nivea e Nenuco anda ó redor do 6.

Tendo isto en conta, o sensato é empregar cremas con índice (declarado no envase) superior ó recomendado para o noso tipo de pel. Lembremos, ademais, que co transcurso do tempo e efecto da auga pérdese parte da protección. De tódolos xeitos, os dermatólogos aconsellan usar cremas cun factor de protección non inferior a 15. En canto ós resultados da mostra de usuarios, a valoración destas cremas (coa excepción de Piz Buin, só correcta) foi satisfactoria e sen grandes diferencias entre unhas e outras. No aspecto, valoráronse todas ben ou moi ben, mentres que no aroma só agradou Delial. Johnson's e Nivea foron as máis consistentes, e Nivea resultou a de máis rápida absorción e doada aplicación. As que deixan a pel máis suave son, segundo o criterio da mostra de usuarios, Delial, Chen Yu e Johnson's.

Tras estudiar tódolos resultados, conclúese que a mellor relación calidade-prezo destas oito cremas é Johnson's (a terceira máis cara, sae a 7.062 pesetas o litro), polo seu índice de protección (o real, 8, coincide co declarado) e por ser ben aceptada polos consumidores nas probas de uso.

Índices e protección.

O 5% das radiacións solares que chegan ó noso planeta son ultravioletas (UV) e, delas, o 8% pertence ós tipos B e C, que queiman a pel. Os UVC e boa parte dos UVB non traspasan a capa de ozono, pero o 39% dos UVA chegan ata a pel e producen a pigmentación. Tanto os UVA coma os UVB provocan reaccións na pel que alteran o funcionamento e síntese das proteínas e o ADN celular dos tecidos conxuntivos. Os raios UVA son dez veces máis frecuentes cós UVB, pero moito menos potentes ca estes á hora de causaren queimaduras. As outras radiacións, a luz visible e os infravermellos, non provocan danos na pel, pero poden acelera-los efectos negativos dos raios UV.

O factor de protección dunha crema solar determina a súa efectividade, pois indica o tempo que lle permite á pel permanecer ó sol sen resultar danada. Un índice de protección 8 nunha crema solar significa que unha persoa pode permanecer sen queimarse 8 veces máis tempo que sen se aplicar esa crema. Agora ben, ó elixi-lo índice dunha crema solar debemos ter en conta o noso tipo de pel, clasificada en sete fototipos (desde a persoa albina, fototipo 0, ata a de raza negra, fototipo 6), segundo a súa vulnerabilidade ós raios solares. O fototipo 1 (ollos e pelo claros, pel moi branca, ás veces con pencas) é moi sensible e precisa, para expoñerse ó sol, cremas de índice superior ó 15, xa que tende a queimarse máis que a broncearse. Sen embargo, o fototipo 4 (moi habitual entre nós: ollos e pelo escuros, pel branca ou un pouco torrada) quéimase só ocasionalmente e sempre se broncea, polo que lle pode bastar unha crema solar de índice 8.

Pero non todo é o tipo de pel de cada persoa. Tamén hai factores ambientais que inflúen na eficacia das cremas protectoras, coma a latitude (no ecuador, os raios solares son máis verticais ca nos polos) e a altitude (as radiacións son máis nocivas na montaña ca no val, e a capacidade eritematóxena das radiacións UV aumenta un 4% cada 300 metros que se incrementa a altura). Así mesmo, a radiación solar é máis daniña para a nosa pel entre as 12 e as 16 horas, polo que cómpre evitar este intervalo horario nos baños de sol. Tampouco debemos esquece-la reflexión e ampliación da radiación que producen a neve, a auga e a area. E lembremos, por último, que unha elevada porcentaxe (fálase ata do 90%) das radiacións solares atravesan a brétema, as nubes e a contaminación ambiental.

O método está estandarizado, pero proporciona valores só aproximados

O método usado nesta análise está estandarizado e é o internacionalmente recoñecido para medi-lo factor de protección dos raios UVB. Denomínase Colipa e baséase nunha proba empírica realizada en persoas (un grupo composto xeralmente por 10 individuos de diversos fototipos de pel) ás que se lles aplican as cremas en dúas áreas iguais das costas, unha co producto aplicado e outra sen el, para sometelas a diferentes doses de raios UVB.

Obsérvase e anótase a dose precisa para produci-la queimadura en cada zona e, posteriormente, calcúlase o índice de protección ante os raios. Aínda que é un método estandarizado, os valores varían moito entre as diversas persoas. Ante unha mesma crema, en dous individuos do mesmo fototipo de pel xurdiron factores de protección tan distintos coma o 4 e o 9, o que nos dá unha idea da variabilidade dos resultados deste método e, o que é máis importante para o consumidor, do relativo que resulta o índice de protección que declaran estas cremas, xa que a súa eficacia depende en boa medida do tipo de pel do usuario. Cómpre destacar tamén que non tódalas persoas experimentaron os efectos das oito cremas, xa que non se lles podía pedir ós que se someteron á proba que aceptasen acumular nas costas oito queimaduras, procedentes das probas con cada unha das cremas solares analizadas.

En realidade, o grupo que participou nesta proba era notablemente superior a esas 10 persoas. O método Colipa é empírico e proporciona un valor medio de índice de protección de cada crema nos dez participantes no ensaio desa crema. Trátase dun valor aproximado e así hai que entendelo. Cada pel, mesmo sendo do mesmo fototipo, constitúe unha realidade fisiolóxica moi peculiar e ten un comportamento particular ante os raios UVB. Incluír no ensaio analítico dez peles distintas reduce a variabilidade, pero sería mellor botar man de 100 ou 1000 persoas para determina-lo factor de protección medio de cada crema. De tódolos xeitos, segundo se elixisen esas persoas, os resultados tamén variarían. En resumo: na proba realizada con outro grupo de persoas os resultados serían distintos. De tódolos xeitos, os fabricantes deberían ofrecer cremas solares que, polo menos, superasen os tests normalizados, coma o Colipa, utilizado nesta análise de CONSUMER, que, por certo, é o que eles mesmos usan (tamén xeralmente con dez persoas no test) nos seus ensaios de calidade do producto. Cando no cadro se indica que unha crema ten un índice 8 (+/- 1,5) significa que, aínda que o índice medio das dez persoas ás que se lles aplicou o producto é 8, a variabilidade estatística media dos índices obtidos para as distintas persoas é de máis ou menos 1,5, que podemos considerar normal para esta proba. Unha variabilidade menor significa que a crema tivo un comportamento máis estable ante os diversos tipos de pel, e unha maior (como a de Piz Buin, máis ou menos de 2,15) que os índices variaron máis.

Bronceado natural

Cando a radiación solar chega á pel, esta pon en marcha uns mecanismos de defensa de eficacia satisfactoria tan só dentro de certos límites de exposición, que non son iguais para tódalas persoas nin tampouco para a mesma persoa en tódalas situacións. Por iso é precisa a fotoprotección externa: os filtros solares. O máis importante mecanismo defensivo do noso organismo é a melanoxénese, é dicir, o proceso de fabricación e distribución na epiderme das melaninas, as células responsables da cor da pel e o pelo. Cando a radiación ultravioleta chega á pel, esta produce melanina, que proporciona a cor morena. A hiperqueratose é unha situación epidérmica relacionada coa radiación solar e caracterizada por un engrosamento do estrato córneo. Trátase dunha resposta retardada do tecido cutáneo á agresión solar, unha reacción de adaptación equivalente ós moi modestos coeficientes de protección 2 ou 3. A pel tamén se protexe dos radicais libres (moléculas que inician reaccións fotoquímicas e causan deterioro celular). Os sistemas encimáticos manteñen estes radicais libres nunhas concentracións compatibles coa actividade celular, para que non danen as células. As vitaminas e os oligoelementos captan os radicais libres e preveñen o dano celular. Pero todos estes sistemas de protección diminúen coa idade e as sucesivas exposicións ás radiacións solares. Recibimos, por herdanza xenética, a relación de equilibrio entre a cantidade de melanina e a facultade de reparación das células da epiderme. Pero cando se toma o sol, consómese parte desta herdanza; por iso, ós 50 anos comeza a diminuír esa acumulación e acaba desaparecendo. Cando os mecanismos de protección do noso organismo non son suficientes, ben sexa pola intensidade da exposición ou polo non uso de fotoprotectores externos, o sol dana a pel. E malia a que a pel colorada e as bochas son espectaculares e dorosas, os efectos máis perniciosos son os que poden aparecer a longo prazo: o avellentamento prematuro da pel e o temido cancro de pel.

Mellor con filtros

As cremas ou factores de protección solar non son só un invento moderno da farmacopea. Constitúen a primeira medida de protección nos baños de sol. Os primeiros filtros solares apareceron en 1928 nos Estados Unidos e eran de tipo químico: o salicilato de bencilo e o cinamato de bencilo. Un ano despois, apareceu en Australia outro filtro químico, o salicilato de fenilo. Francia, en 1943, foi o primeiro país europeo en fabricar estes filtros. Os filtros actúan por absorción dos fotóns de enerxía ultravioleta e transforman esta enerxía noutras de diferente lonxitude de onda. Están sometidos a unha estricta lexislación, posúen unha boa tolerancia dermatolóxica e absorben as radiacións UVA e UVB.

O último no mercado son os filtros biolóxicos, que incorporan vitaminas para reforza-la acción dos tradicionais filtros químicos e físicos. As vitaminas A, E e B5 posúen efectos antioxidantes e, segundo parece, bloquean a acción dos radicais libres, polo que se converten en axentes preventivos do fotoavellentamento e do cancro cutáneo. A vitamina A non só potencia a función de barreira da pel, senón que ademais mellora o seu aspecto e elasticidade. Tamén acelera o proceso de división celular na epiderme, mellora a calidade encimática e frea o adelgazamento da pel. A vitamina E protexe as membranas celulares dos efectos destructivos dos radicais libres procedentes das radiacións solares e forma un escudo para impedir que penetren no interior das células. A vitamina B5 estimula o crecemento epitelial cutáneo e exerce un efecto antiinflamatorio e protector: proporciónalles ós filtros solares propiedades cicatrizantes, hidratantes e suavizantes. Tomando coma base estas vitaminas, apareceu outro producto: as pastillas bronceadoras, complexos vitamínicos ou contribucións nutricionais que favorecen a pigmentación da pel e potencian o bronceado, pero non protexen das insolacións nin dos raios nocivos do sol.

Os dermatólogos aconsellan empregar productos con factor de protección solar igual ou superior ó 15 e aumentar este índice conforme a pel do usuario sexa máis clara. Por outra banda, é mellor que estas cremas sexan resistentes ou impermeables á auga (úsanse decote en praias e piscinas) e que ofrezan un espectro total, protexendo a pel fronte ós raios UVA e UVB. Débense aplicar antes da exposición ó sol e cada dúas ou catro horas, segundo a hora de exposición, intensidade do sol, tipo de pel, número de baños de auga e tendo en conta as superficies reflectoras, coma a auga, a area ou a neve. Empregados correctamente, os protectores solares reflicten ou absorben unha parte do espectro de radiación solar e reducen a probabilidade e a intensidade das queimaduras ó bloquearen os raios ultravioletas (UV), pero non tódalas cremas están formuladas de igual maneira, polo que os seus efectos tamén varían. Segundo os resultados da análise (que, como se dixo, son aproximados), tan só dúas das oito cremas cumpren co factor de protección anunciado no envase. O de Piz Buin está mesmo por riba do 8 declarado e chega ó 9,25 de media. Johnson's, cun índice real de 8, cumpre co declarado.

Sen embargo, o resto non acada, segundo o ensaio realizado por CONSUMER seguindo o método Colipa, esta media requirida, a de índice 8. Delial e Nivea quedan no 6,5 e 6,2 respectivamente, e Nenuco (5,9), Chen Yu (5,3), Zeozon (5,2) e Isdin (5,2) están aínda máis lonxe do factor anunciado. Curiosamente, a máis cara e a máis barata (Isdin e Zeozon) son as que máis se afastan do índice medio 8, ó acadaren un factor medio de protección de só 5,2.

Non só a pel

Tamén os ollos. As recomendacións para evita-los danos dunha excesiva exposición ó sol limítanse á pel, e os ollos, tamén moi sensibles á radiación ultravioleta, ignóranse e quedan desprotexidos. Ó igual que a pel se coida con cremas, os ollos deben protexerse co uso de gafas de sol. E non serve calquera. Para que un cristal nos ofreza garantías debe estar fabricado seguindo as normas do Instituto Europeo de Normas de Gafas de Sol (EN 1836:1997), e cumpri-lo fixado pola directiva europea 89/686/EEC. Se están fabricadas consonte estas normas, debe indicarse na etiqueta, onde, ademais, se explicarán as características do cristal e a cantidade de luz solar que é capaz de absorber.

Os perigos do sol

Durante o proceso do bronceado, as radiacións ultravioletas matan as células da pel e alteran a función do coláxeno e da elastina. Poden chegar a produci-la dilatación dos vasos sanguíneos, o que chamamos "pórse colorado coma un caranguexo". Despois de queimarse, a pel pela e poden saír ronchas coma resultado de cambios locais na melanina. Pero estes son só os cambios inmediatos e visibles que produce o sol, os menos prexudiciais para a nosa saúde. Co avellentamento fisiolóxico, a pel vólvese laxa, con grosor e engurras finas, peor resposta inflamatoria (cicatrización lenta e aumento do risco de infección) e menor inmunidade, pero normalmente só presenta tumores benignos.

Pola contra, a pel fotoavellentada pola acción do sol (ou dos solarios con lámpadas) é grosa, presenta pigmentación irregular, sucos profundos e pode dar lugar a tumores malignos. Nos últimos 15 anos, o melanoma, o máis grave dos tumores cutáneos, converteuse nun dos cancros que máis aumentou a súa incidencia. En España diagnostícanse cada ano entre 35.000 e 40.000 casos novos. Pero toma-lo sol tamén ten efectos positivos: a súa acción antidepresiva, a mineralización ósea e a activación da vitamina D, a mellora de certas lesións cutáneas e o aumento da secreción de melatonina. A protección que proporcionan estas cremas solares constitúe un gran beneficio para a nosa pel, pero quen sendo neno non utilizou unha protección axeitada e sufriu moitas ou graves queimaduras ten (aínda que de adulto se esmerase na protección) máis posibilidades de sufrir un melanoma, ou cancro de pel, que quen non se queimou nunca aínda que non utilizara cremas de protección antes nin agora. Os nenos son moi sensibles ós efectos daniños das radiacións solares, polo que a súa protección ante o astro rei debe extremarse. A infancia e a adolescencia son períodos nos que as radiacións do sol poden poñer en marcha alteracións mutantes nos melanocitos, células pigmentadas da pel, aínda que o tumor apareza a idades posteriores.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto