Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Alerxias alimentarias: Unha epidemia silenciosa

A incidencia de enfermidades alérxicas aumentou considerablemente nos últimos anos, alcanzando niveis preocupantes

As xeracións máis novas son as máis afectadas, o que significa que nos próximos anos o número de casos pode experimentar un crecemento explosivo. A asma, que nos países industrializados padece o 12% da poboación, e a rinoconxuntivite alérxica, que é a máis frecuente, débense na maioría dos casos ós ácaros do po, ós poles de gramíneas, ó pelo de animais e ós fungos, pero tamén a alérxenos alimentarios. Así, é cada vez máis frecuente atopar persoas que deben prescindir de certos alimentos na súa dieta, debido ás reaccións adversas que lles causan.

Orixe das alerxias alimentarias

  As alerxias de orixe alimentaria están experimentando un notable incremento. A súa incidencia duplicouse nos últimos 25 anos, e ademais de factores xenéticos e ambientais, unha serie de circunstancias parecen influír decisivamente no aumento deste tipo de patoloxías:

Entre eles, salientémo-la introducción de cereais na dieta dos lactantes, que comeza a se universalizar a partir da década dos 60. As proteínas dos cereais posúen gran capacidade alerxénica. Outro factor que explica o aumento destas alerxias é o crecemento do consumo de froitas exóticas, de recente introducción no mercado, ás que o noso organismo non está habituado. Segundo a OMS, o baixo peso ó nacer é tamén determinante. Os bebés con peso inferior a 2.500 gramos (o 9% dos bebés nacidos en España), amosan unha resposta inmune alterada, deficiente, e son máis propensos ás enfermidades alérxicas e infecciosas. Por último, os especialistas consideran que a supresión temperá da lactación materna, para pasar ó biberón, é outro factor que explica o incremento das alerxias.

Alerxias infantís

  Estímase que o 5% de rapaces menores de tres anos e o 1,5% da poboación xeral padece algún tipo de alerxia alimentaria, que en España equivalería a uns 600.000 afectados. A alerxia alimentaria infantil é, na maioría dos casos, o preludio de ulteriores enfermidades alérxicas respiratorias, como rinite e asma por sensibilización a poles, ácaros, animais ou fungos. No caso dos nenos, danse principalmente durante os dous primeiros anos de vida. O leite, o ovo e o peixe son responsables do 90% dos casos nos menores dun ano, e o ovo revélase como o alimento máis alerxénico en nenos de 1 a 2 anos. O prognóstico destas alerxias é bo, xa que os nenos alérxicos ó leite ou ó ovo os acaban tolerando, case sempre, cando superan os dous ou tres anos. Pero a partir dos dous anos, a lista de alimentos alerxénicos amplíase: peixe, legumes, froitos secos, froitas e mariscos son os que máis frecuentemente causan problemas.

Alimentos e parasitos alerxénicos

Hai alérxenos ocultos (a súa detección resulta ás veces case imposible) presentes en alimentos procesados industrialmente ós que para mellora-lo seu aspecto, cor e sabor se lles engaden substancias coma caseína, proteína de soia, glute de trigo, derivados de millo ou avea e extractos de lévedos. Tamén o ovo se atopa oculto en numerosos alimentos, sen que figure na súa composición, coma en certos productos de panadería e de pastelería, pincelados con ovo para lles conferiren aspecto lustroso e brillante.

Os individuos alérxicos ó ovo deben ser coidadosos coas vacinas para o sarampelo, parotidite, rubéola ou gripe, que conteñen cantidades ínfimas de proteínas de ovo, aínda que en xeral adoitan ser ben toleradas. Algunhas reaccións a esas proteínas débense máis á xelatina que conteñen que ó propio ovo. As alerxias causadas por outros alimentos, coma cacahuetes, noces, peixes e mariscos son máis duradeiras na súa sensibilización e poden perdurar durante décadas ou para toda a vida. Nestes casos, haise que abster de tomalos.

Un parasito do peixe, o anisakis simplex, pode provocar alerxia, en ocasións con resultado grave. Este parasito introdúcese no ser humano por inxestión de peixe cru, salgado, afumado, en escabeche ou mariñado. Elimínase a través da calor ou do frío. Por iso, frixir, cocer ou asa-lo peixe é fundamental para a prevención. Tamén a conxelación é unha garantía, xa que morren as larvas do parasito. Pero debemos evita-lo consumo de peixe cru.

Os síntomas, clave para o diagnóstico

  Os síntomas dunha alerxia alimentaria son urticaria, eccema e prurito ou proído (a nivel cutáneo), rinite alérxica e/ou asma (a nivel respiratorio) e náuseas, vómitos, dores abdominais e diarrea (a nivel gástrico). Pódense presentar unhas reaccións ou outras, ou varias delas combinadas. Nalgúns casos aparecen reaccións graves, coma o shock anafiláctico, broncoespasmo agudo severo, e anxioedema de vías respiratorias, que poden chegar a produci-la morte.

O diagnóstico da alerxia alimentaria non é fácil e constitúe, en ocasións, un labor case detectivesco. Aínda que a idade e as manifestacións alérxicas constitúen unha pista e orientan o especialista, hai que recorrer a probas específicas para dar co alimento culpable.

Cómo detecta-las alerxias

As probas cutáneas son as máis utilizadas. A denominada prick-prick consiste en pica-lo alimento fresco cunha lanceta e a continuación pinchar na pel do antebrazo do paciente con ese mesmo instrumento e analiza-la reacción transcorridos 15 minutos. Se o resultado é positivo e se detecta unha alerxia, fórmase unha pápula. Tamén se emprega a provocación alimentaria, consistente en eliminar da dieta durante dúas semanas o alimento sospeitoso para logo volver administralo, comezando con doses moi pequenas e observando a reacción que provoca. A dieta de eliminación é a primeira elección cando se trata de alerxias nos nenos máis pequenos. Prescíndese do alimento sospeitoso e obsérvase unha melloría evidente en poucas semanas, naturalmente sempre que o alimento eliminado sexa o responsable. Se deste xeito non se detecta o culpable, pódese probar coa dieta de provocación. Este tipo de probas débeas realizar sempre o médico, xa que non están exentas de perigos.

A penas hai medicamentos eficaces

  • O tratamento para as alerxias alimentarias consiste en eliminar da dieta o alimento responsable. Así de sinxelo e de rotundo.
  • Non existen fármacos preventivos eficaces nin tratamentos desensibilizantes, ó contrario do que ocorre con outras alerxias.
  • Algunhas dietas hipoalerxénicas ofrecen bos resultados, pero son moi severas e non se deben manter durante moito tempo. Por iso, creáronse outras menos severas que se poden seguir durante meses.
  • A prevención da alerxia alimentaria débese iniciar na infancia, ó pouco de nacer. Segundo a OMS, a lactación materna exclusiva, a introducción retardada de ovos, peixe e froitos secos, e un suplemento de cinc de 1 miligramo por quilogramo de peso durante seis meses, potencia a inmunidade, especialmente nos nacidos con baixo peso.
  • Os lactantes alérxicos ó leite de vaca deben ser alimentados exclusivamente con lactación materna e a nai deberá seguir unha dieta exenta de leite de vaca, ovo ou peixe, debido ó paso alerxénico ó leite materno. En ocasións, os nenos toleran ben o leite de soia ou hidrolizada de caseína, que constitúen un bo substituto na maioría dos casos.
  • Os nenos que presentan síntomas temperáns de alerxia necesitarán máis tempo para tolerar certos alimentos, pero transcorridos uns anos poderán (xeralmente) volver consumilos, introducíndoos de novo de xeito paulatino e en pequenas cantidades.

Relacións deste contido

Tamén che interesa

E ademais...

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto