Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Luis de Sebastián, Catedrático de Economía de ESADE: "A globalización está sustentada nas novas tecnoloxías e na liberalización económica e política"

 A gran controversia social xerada arredor da globalización, ou mundialización do comercio e da economía en xeral (¿beneficia as clases populares e a emancipación dos países pobres ou, ó contrario, non fai senón acentua-las enormes diferencias existentes?) ocupa cada vez máis espacio nos medios comunicación e pode, pola complexidade que encerra o tema, desorientar a máis dun cidadán.

CONSUMER achegouse a este debate social cunha entrevista a Luis de Sebastián, Catedrático de Economía no ESADE da Universidade Ramón Llull de Barcelona e anteriormente vicerrector da Universidade Centroamericana de El Salvador na época do malogrado Ignacio Ellacuría. Ademais, foi funcionario do 'Banco Interamericano de Desarrollo'. Para Luis de Sebastián, o mercado só pode cumpri-la súa función "en un entorno civilizador, ético y legal, para de esa manera ser útil a la sociedad ". Luis de Sebastián autor de varios libros, entre os que destacan o último "De la esclavitud a los derechos humanos" (Ariel), "Mundo Rico, Mundo Pobre" (Salterrae) e "El rey desnudo, cuatro verdades sobre el mercado" (Trotta).

¿En que consiste, en realidade, a globalización?

Recorramos ó exemplo dos virus que se transmiten polo ordenador. Un programa informático destructivo (o I'love you) que se ideou en Filipinas causou, en cuestión de horas, miles de millóns de dólares de perdas a empresas e institucións poderosas de todo o mundo, incluído o mesmísimo Pentágono USA. Isto non sucedía antes. Hoxe existe unha rede global conectada por todo o mundo, e todos estamos interconectados en moitos ámbitos da nosa vida, incluído o económico. Outro exemplo: en 1997 houbo unha desvalorización da moeda tailandesa (o bar), que xerou unha crise económica nos países asiáticos, de aí pasou a América Latina para chegar despois a Europa e ó resto de países occidentais. Unha crise económica local converteuse en mundial en cousa de poucos días. Tamén é globalización que os anuncios dun partido de fútbol da Eurocopa o sexan de compañías multinacionais que actúan na maioría de países con productos que todo o mundo coñece. En resumo, a globalización é un fenómeno de internacionalización que ten tres patas: a tecnolóxica (por exemplo, Internet), a económica (coas liberalizacións, o diñeiro pódese mover por todo o mundo) e, por último, a política: os países eliminaron case tódalas súas proteccións, as súas barreiras arancelarias e escolleron uns gobernos partidarios desta globalización. Antes, isto non ocorría porque non existía esa tecnoloxía e porque os gobernos exercían máis control sobre as súas economías.

¿Por que os movementos de contestación ante a globalización (Seattle, Washington, Davos...) xurdiron desde ámbitos tan diversos, coma os representados polos ecoloxistas, sindicatos, solidarios cos países do Terceiro Mundo, anticapitalistas, etc.?

Hai un descontento social e as diversas organizacións explotaron as posibilidades que ofrece Internet para mostrar ese rexeitamento. A rede acolle web sites nas que se transmitiron as consignas e desde as que se organizaron, desde moitos países distintos, as protestas de cada grupo e se puxeron en común moitas cousas. Efectivamente, nestas manifestacións hai representados intereses moi diversos. En Seattle protestaron os sindicatos norteamericanos que querían máis protección para o seu mercado, e outros grupos pedían precisamente menos protección dese mercado para que os países pobres puidesen vender mellor os seus productos. De tódolos xeitos, o importante destas mobilizacións é que a cidadanía está advertindo que ós gobernos se lles escapou das mans o control da economía. Un pode ir protestar por cuestións concretas ó Concello, ó goberno central, ó autonómico... pero hai cousas moi importantes nas que a responsabilidade reside nunha multinacional, en Bruxelas, na Bolsa de Nova York ou na de Tokyo. Entón ¿onde e a quen se queixa a xente? Hai unha serie de países e de organizacións moi poderosos (Fondo Monetario Internacional, Organización Mundial do Comercio...) que moven este cotarro e ante os que protesta a xente en reunións emblemáticas como Seattle, Washington, Davos ou Praga. Non importa que sexa con intereses distintos; a xente é consciente de que a súa vida está sendo manexada desde unhas alturas ás que non chega, e por iso sae á rúa a protestar. É un movemento democrático da xente de a pé, que simplemente pide contas (qué pasa co meu traballo, co medio natural, cos países pobres... co futuro) a este tipo de organizacións.

¿En que pode afecta-la globalización ó cidadán de a pé?

A globalización non é o anticristo, e tivo unha cousa moi boa: permítenos importar productos comprándoos onde están máis baratos. O prezo dos coches baixou moito nestes anos, e, ademais, son de mellor calidade. Creo que os consumidores dos países ricos nos beneficiamos da globalización. O problema é que non se beneficiaron todos por igual e, moito menos aínda, en tódolos países.

¿Son as multinacionais gobernos paralelos que actúan na sombra?

Non creo que as multinacionais queiran asumi-las funcións políticas dos Estados e das administracións públicas. Nin están capacitadas nin creo que o pretendan. O que queren é estar a ben cos poderes públicos e que a Administración as favoreza, que lles dean subvencións, lles vendan terreos baratos e non amolen coas cuestións do medio natural. Pero non creo que as multinacionais queiran asumi-las funcións da Administración e facerse cargo, por exemplo, da xestión da Seguridade Social. Ás grandes empresas vénlles ben un Estado que se fai cargo dos custes que elas xeran, por exemplo o do desemprego. Tamén lles interesa que o Estado invista cartos públicos en mellores vías de comunicación (autovías, aeroportos, telecomunicacións, etc.) e que lles cree o que os economistas chaman "externalidades" que aumenten a súa productividade e os seus beneficios.

¿Que papel xogan na globalización o FMI (Fondo Monetario Internacional), a OMC (Organización Mundial do Comercio) e o Banco Mundial?

Son organismos que teñen metas diferentes. O Banco Mundial ten como obxectivo os países en vías de desenvolvemento; por exemplo, a España non lle dá créditos, e o noso país contribúe con axudas anuais. O FMI está para tódolos países, aínda que se vai especializando en cuestións de desenvolvemento, e non sei se esa é a súa misión. E a OMC tamén serve a todos pero máis que nada ós países ricos, que son os que máis comercian. O primeiro que temos que saber é que estes organismos internacionais non son independentes dos estados que os financian. Por exemplo, no FMI mandan Estados Unidos, Xapón e a UE. Ás veces, pénsase que estas organizacións son independentes e que se poden enfrontar ós países ricos, pero non é así. O home que máis manda no FMI e no Banco Mundial é o Secretario do Tesouro (ministro de Economía) de USA, así de claro. En dúas palabras, as políticas que estes organismos impoñen benefician os países ricos que os sosteñen. Aínda que hai que recoñecer que tamén beneficiaron o desenvolvemento dalgúns países. O FMI e o Banco Mundial contribuíron ó pulo económico de España en 1959, cando comezabamos a saír do atraso e da pobreza. Outros países destinatarios destas axudas foron Turquía, Israel, Singapura, Corea ... ós que deron o empurrón necesario para o seu actual desenvolvemento económico.

¿Cre que a fenda entre países ricos e pobres tende a pecharse ou, ó contrario, se abre?

Vaise abrindo cada vez máis. A globalización trae consigo un reparto da riqueza moi desigual. Hai xente que se está facendo moi rica, estímase que no mundo hai uns 5 millóns de persoas que teñen unha fortuna de máis de 200 millóns de pesetas. Xunto a esa enorme masa de potentados, coexisten miles de millóns de individuos que viven na pobreza. A fenda vaise abrindo, e non só entre países ricos e países pobres senón tamén dentro dos mesmos países. Cáritas calcula que en España, hai oito millóns de pobres (a quinta parte da poboación). Polo tanto, se non se toman decisións ó respecto, isto irá a máis. Non podemos deixar ó azar do mercado, á globalización (que certamente vai da-la oportunidade a moitos e que vai crear moitos millonarios) porque moita xente o vai pasar moi mal. O mercado non vai pensar nos pobres e nos marxinados, porque ten outros obxectivos. Por outro lado, entre os países pobres tamén hai categorías. A globalización beneficiou os que están nos circuítos do comercio, dos investimentos financeiros. China, hai 25 anos, era un país triste e moi pobre, con graves problemas (malnutrición, mortalidade infantil, réxime político durísimo), pero nestes últimos anos deu o gran salto. O capital estranxeiro investiu masivamente e o país emerxeu notablemente por efecto da globalización. En India ocorreu algo parecido, pero Paquistán ou Bangla Desh quedaron á marxe deste fluxo de investimentos e non puideron desenvolverse. E se vamos a África, poderemos ver que as súas xentes se afunden cada vez máis na miseria e na degradación da vida económica, social e política. Alí ninguén inviste e o único para o que serve África a Occidente é para o negocio das armas e para cobrárlle-las débedas que nos deben. Son países excluídos dos beneficios da globalización.

¿O Comercio Xusto é, en toda esta conxuntura, un gran de area no deserto?

É unha parte pequena do comercio internacional, pero ten moito valor. Son un gran defensor do Comercio Xusto como xesto, como denuncia, como maneira de conciencia-la xente da inxustiza das relacións comerciais entre o Norte e o Sur. Non creo que vaia soluciona-lo problema, pero moito peor é a resignación e o non facer nada. Estes movementos, aínda que non solucionen moito poida que lle solucionen a vida a unha cooperativa determinada, a unha poboación, etc. Non van arranxa-los problemas do Terceiro Mundo, pero teñen un gran valor na concienciación da sociedade. Hai moitas iniciativas deste tipo de apoio, como o perdoa-la débeda externa, a acollida de inmigrantes... e é que hai unha serie de cousas nas que a xente humanista, progresista ou cristiá, debería participar.


Relacións deste contido

Tamén che interesa

E ademais...

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto