Saltar o menú de navegación e ir ao contido
As altas temperaturas que acompañan os meses de primavera e verán lévannos a inxerir alimentos ou productos lixeiros, frescos ou fríos
Unha alternativa interesante, máis do que moitos coidan, é comer un xeado, un producto alimenticio gorentoso, refrescante e facilmente dixerible. Hoxe en día, gracias ás diversas técnicas de elaboración e á súa composición nutritiva, os xeados pódense adaptar a tódolos gustos (variedade de sabores, cores, texturas, ingredientes...) e mesmo a necesidades especiais dalgunhas persoas (xeados apropiados en caso de diabetes, baixos en calorías para quen necesite coida-lo seu peso, etc.). Podemos clasifica-los xeados, segundo a súa composición nutricional, en catro grupos: xeados preparados a partir de crema ou nata, leite enteiro ou desnatado e graxa animal ou vexetal non láctea, os de xeo (polos, sorbetes, apedrados...), as sobremesas xeadas (tortas, pasteis xeados), e por último, os xeados especiais, dentro dos cales incluirémo-los elaborados con edulcorantes non calóricos (aspartame, sacarina...) ou fructosa, especiais para diabéticos, e os xeados baixos en calorías ou light, con educorantes non calóricos e sen graxas.
Os ingredientes dos xeados vértense nun tanque onde se mesturan e pasteurizan. A pasteurización é necesaria para hixieniza-la mestura, e consiste en someter esta a altas temperaturas (próximas ós 80 graos) durante un breve período de tempo, o que permite eliminar posibles xermes daniños. A continuación, a mestura homoxeneízase para desface-los gromos de graxa e para que a textura quede uniforme, e despois arrefríase. Posteriormente, condúcese a un tanque conxelador por medio de tubos e bátese para introducir aire na mestura ata que quede suave. Na última fase, engádenselle noces, améndoas, froitas ou outros ingredientes, segundo o tipo de xeado do que se trate. O preparado sae do tanque practicamente conxelado, e gárdase en perfias que se almacenan en cámaras refrixeradoras ata que endureza.
Os xeados poden conter aditivos permitidos, coa fin de mante-la súa calidade ou mellorar certas características sensoriais. Atopamos, entre outros, colorantes naturais coma o caramelo (E-150) e carotenos (E-160), emulxentes que permiten manter homoxénea a mestura de ingredientes (mono e diglicéridos de ácidos graxos E-471, lecitina) e espesantes, extraídos de sementes e algas, que aumentan a viscosidade do producto (carraxenato E-407, guar E-412), alxinato sódico E-400...).
Os xeados son, xa que logo, preparacións alimenticias que foron levadas ó estado sólido, semisólido ou pastoso por unha conxelación e que, para conservaren a súa calidade orixinal, deben mante-la cadea de frío deica o momento da súa venda ó consumidor. Se compramos barras ou postres de xeado coa intención de conservalos no conxelador, é recomendable facelo mesmo antes de volver para a casa e, de ser posible, nunha bolsa illante especial para conxelados, posto que se se rompe a cadea de frío e se conxelan de novo aparecen cristais de xeo que os estragan.
O xeado, por ser xeralmente unha mestura de alimentos de calidade (leite, iogur, froitas e froitos secos, etc.), resulta refrescante, saboroso, nutritivo e de fácil dixestión. O xeado de "primeira calidade" é o que contén maior proporción de graxa, o que contribúe á súa excelente palatabilidade e cremosidade (10 gramos de graxa por cada 100 gramos de xeado, a diferencia dos de leite, que conteñen cerca do 6%). Está menos aireado (contén menos aire na mestura) cós xeados máis comúns e inclúe saborizantes de boa calidade, como a froita natural. O valor nutritivo do xeado depende dos seus compoñentes: cantidade de auga (85%-90% en polos e sorbetes, e 50%-60% nos de crema ou leite), de leite (enteiro, desnatado, en po), manteiga, nata, graxas vexetais (fundamentalmente, graxa de coco ou palma hidroxenadas), azucre común ou sacarosa, xarope de glucosa (líquido viscoso constituído por solución de azucre en auga), froitos secos, concentrados de zumes, froitas (frescas, caldo de azucre...), pralinados, xema de ovo, chocolate, turrón, galletas, biscoitos, etc.
Podemos considerar definitivamente os xeados non coma unha simple lambonada ou refresco de verán, senón coma unha sobremesa deliciosa e nutritiva compatible cunha dieta equilibrada, tanto na nenez coma na etapa adulta. Unha bóla de xeado pode combinarse con froita fresca, unha merenda ou sobremesa deliciosa, saudable e rica en vitaminas que pode alegra-lo noso menú.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI