Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

Boletíns

| Baixa | Máis opcións |

Canles de EROSKI CONSUMER


Cambiar idioma

Outras utilidades

  • enviar a outra persoa

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Telefonía móbil: Avecíñanse cambios espectaculares

É probable que moitos dos nosos lectores formen xa parte dese enorme grupo constituído polos 18 millóns de clientes de telefonía móbil que se contabilizan xa en España

UMTS, a tecnoloxía do futuro

  Os teléfonos móbiles actuais son útiles, pero ofrecen poucas prestacións: só se empregan para falar e enviar mensaxes breves (SMS). Os UMTS (Sistema Universal de Comunicacións Móbiles), a terceira xeración de móbiles, poden converterse nunha tecnoloxía que cambie significativamente o noso modo de vida. A pesar de que aínda non se comercializan (en España a Administración espera que entren en servicio en agosto de 2001), xa se fala de revolución nas telecomunicacións: permitirán, entre outras cousas, conectar calquera aparello do fogar, enviar e recibir todo tipo de información, transmitir voz, datos e imaxes de calidade, todo iso desde calquera punto do planeta e a unha velocidade 40 veces superior á actual. Sen embargo, a principal contribución deste novidoso sistema, videoconferencias á parte, será o comercio electrónico móbil e xa se augura que substituirá a tarxeta de crédito. Polo que respecta ás tarifas, estas tamén cambiarán radicalmente de concepto. Pasarase do pagamento por minuto de comunicación ó pagamento por cantidade de información transmitida ou por capacidade de ancho de banda. Ademais, será unha tecnoloxía estándar: tódolos sistemas UMTS do mundo deberán seguir unhas normas de maneira que sexan compatibles.

A inocuidade dos móbiles, cuestionada

Ó igual que sucedeu cos fornos microondas, o suposto perigo do campo electromagnético dos teléfonos móbiles e das súas antenas repetidoras é noticia. A pesar de que se levaron a cabo numerosos estudios, polo momento non hai probas suficientes para afirmar que poidan facer periga-la saúde, pero tampouco do contrario. Os campos electromagnéticos de moi alta frecuencia, como no caso dos raios X (1.000.000 Mhz), posúen a suficiente enerxía para dana-lo material xenético das células e producir un efecto denominado ionización, que pode potencialmente causar cancro. Os teléfonos móbiles (900Mhz -1.900 Mhz) non provocan ionización, aínda que si poderían orixinar xaquecas, problemas de concentración ou perda de memoria. Respecto ás antenas repetidoras, algunhas comunidades autónomas, como a de Madrid, prevén establecer distancias mínimas de separación entre este tipo de instalacións e vivendas, dependendo da potencia das antenas. Preténdese, pois, previr uns efectos que aínda non se probaron con certeza. A falta de datos concluíntes motivou que 14 países se unan para avaliar con maior detemento o risco canceríxeno do uso destes aparellos nos órganos máis expostos ás súas emisións: cerebro, glándula salivar e nervio acústico.

O bloqueo dos terminais, unha práctica en cuestión

Os operadores de telefonía móbil practicaron unha política de subvencións dos terminais (por exemplo, regalando teléfonos a cambio de darse de alta en determinada compañía) como unha estratexia para captar clientes. E para garantir e facer rendible ese investimento, introducen un código de bloqueo, denominado SIM Lock, que impide que os teléfonos sexan utilizados con outras compañías da competencia. Os pioneiros do bloqueo foron Atril e Telefónica Móbiles. Amena nun primeiro momento adoptou a política de comercializar teléfonos libres, pero máis tarde introduciu un bloqueo nos seus terminais e unha cláusula para liberalos. Para solicita-la desactivación do SIM Lock, os clientes deste operador deben aboar catro facturas, e se se trata dun usuario da prepago, a condición será realizar un consumo mínimo de 10.000 pesetas. As condicións de Airtel e Telefónica son moi similares. A primeira, que o cliente operara co seu servicio durante polo menos un ano, e a segunda, que as súas facturas estean ó corrente de pago. No caso de que o cliente decida desbloquea-lo seu terminal sen que transcorrese o tempo de compromiso, deberá pagar 25.000 pesetas para poder desactiva-lo SIM Lock. Desbloquea-lo terminal supuña, ata o de agora, cambiar de compañía mantendo o aparello pero perdendo o número. Non obstante, a partir de 1 de xullo, será posible a libre portabilidade do número: poderemos cambiar de compañía e, á vez, conserva-lo noso número.

O roaming, comunicación sen fronteiras

Un dos principais atractivos da telefonía móbil dixital GSM é a itinerancia ou roaming: a posibilidade de realizar e recibir chamadas no estranxeiro. Para utilizar este servicio cómpre contratalo previamente (a alta é gratuíta) e que no país onde se desexe utiliza-lo móbil existan operadores telefónicos cos que se establecera o correspondente acordo de roaming. O seu funcionamento é moi sinxelo. Cando un usuario chega a un país distinto ó seu, o propio teléfono rexístrase na rede dun dos operadores do país, aínda que tamén é posible realizar esa operación de forma manual, escollendo a compañía que máis interese. Unha vez elixida a rede dun operador, poderanse enviar e recibir chamadas de voz, fax e datos sen ningún problema. Sen embargo, a comodidade págase, e cara. O usuario dun teléfono móbil non só debe aboa-las chamadas que el mesmo realice desde un país estranxeiro. Se recibe unha chamada desde España, tamén custeará o percorrido da chamada ata chegar á fronteira. Un dos problemas da itinerancia son as zonas fronteirizas, nas que se produce o chamado roaming involuntario. En poboacións próximas ás fronteiras con Portugal ou Marrocos, a rede española é substituída por outra dos países citados, porque o sinal é recibido polo teléfono con máis forza. Se efectúa entón unha chamada, pagaraa como se estivese no estranxeiro. E se soa o seu teléfono e descolga, deberá aboar tamén o tramo internacional da conferencia.

A elección máis económica

Tarxetas prepago (sen alta)

  • Chamadas provinciais sen horarios. Cando as chamadas se efectúan con orixe e destino na mesma provincia, a calquera hora do día, os sete días da semana. Airtel Fórmula Provincial: 30 ptas./min.
  • Chamadas a partir das 16:00 horas e as fins de semana. Amena Tarifa Ocio: 20 ptas./min. (De 0:00 a 8:00 horas: 10 ptas./min.)
  • Chamadas a móbiles do mesmo operador. Airtel Fórmula 20 e MoviStar Activa Club: 20 ptas./min.
  • Chamadas nacionais a outro operador. MoviLine Optima: Entre 25 e 100 ptas./min.

Contratos e servicios postpago (con alta)

  • Contrato persoal. Cando a maioría das chamadas se realizan a partir das 22:00 horas, ou as fins de semana. MoviLine Contrato Persoal: 12 ptas./min.
  • Contrato profesional. Cando o móbil é unha arma de traballo e a maioría das chamadas se fan en horario comercial. MoviLine Contrato General: 37 ptas./min.
  • Chamadas provinciais. Cando a maioría das chamadas se efectúan con orixe e destino na mesma provincia. Contrato Plus Próxima MoviStar: entre 10 e 33 ptas./min.
  • Chamadas a partir das 17:00 horas, e fins de semana. Plan Tarde Airtel: 12 ptas./min.
  • Chamadas internacionais MoviLine. Entre 41 e 191 ptas./min.

* Salvo que se indique o contrario, a información refírese a chamadas a teléfonos fixos.

Acertar na elección de teléfono móbil

Operadores e fabricantes lanzan novidades continuamente e a oferta crece a unha velocidade de vertixe e cantas máis opcións haxa, máis difícil será para o usuario acertar na elección.

  • Antes de se decidir por un operador, unha tarifa e un terminal, estudie as súas necesidades.
  • Á hora de elixi-lo teléfono, considere cál lle ofrece as mellores prestacións. Fíxese no tamaño e peso do terminal, na autonomía da batería, na manexabilidade do menú, no servicio técnico e nos accesorios.
  • Coidado cos teléfonos dos packs prepago. Algúns só son válidos para ese tipo de tarxetas.
  • Antes de optar por unha forma de pagamento ou un tipo de contrato, considere a ónde, desde ónde e en qué horas fará a maioría das chamadas.
  • Infórmese cada certo tempo sobre as novas tarifas e servicios das compañías telefónicas. Pode atopar unha opción máis económica e o seu operador poderíalle permiti-la "mutación" a outro tipo de contrato.
  • Evite sorpresas na factura do teléfono utilizando os sistemas de control e información do gasto que lle ofrece o seu operador.
  • Se é vostede un conversador compulsivo, fixe un límite de gasto no seu propio teléfono.

Paginación


Relacións deste contido

Neste artigo

Tamén che interesa

E ademais...


Recursos desta páxina



Validaciones desta páxina

  • : Conformidad co Nivel Triplo-A, das Directrices de Accesibilidad para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI
  • XHTML: Validación do W3C indicando que este documento é XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación do W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que os nosos titulares RSS teñen un formato correcto