Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Barriñas dietéticas para controla-lo peso: Serven, pero só como solución transitoria

Coa chegada dos primeiros días de verán, quen se propón reducir rapidamente o seu peso corporal atópase cunha ampla oferta de productos que aseguran cumprir esta función

 Unha das opcións máis coñecidas constitúena os productos para substitución de comidas, entre os que están as barriñas dietéticas. Analizouse a composición, as características nutricionais e o sabor de cinco mostras (Biocentury, Slimbel, Gerlínea, Biomanán e Controlday) de barriñas dietéticas con sabor a chocolate.

Os pesos de cada barriña oscilaron pouco, entre 31 e 44 gramos; non ocorreu o mesmo co prezo, entre 83 pesetas (Gerlínea) e 163 pesetas (Slimbel) por cada unidade. As barriñas están compostas de sacarosa, proteínas de leite e outros ingredientes, e foron deseñadas de forma que conteñan unha proporción determinada de macronutrientes (hidratos de carbono, proteína e graxas), fibra, vitaminas e minerais, todo iso cun reducido subministro calórico. Proporcionan unha media de 430 calorías por cada cen gramos, poden substituír a unha ou dúas comidas ó día, e han de inxerirse con abundante líquido. O seu consumo debe complementarse co de alimentos convencionais nas comidas restantes do día.

Na composición nutricional destas barriñas destacan os carbohidratos, que de media supoñen un 50% (incluíndo a fibra alimentaria soluble) do producto, mentres que as proteínas representan un 22%. O contido en graxa sitúase arredor do 15%, e é basicamente saturada. O ácido linoleico, ácido graxo esencial (o organismo non pode sintetizalo, polo que debe inxerirse na dieta) atópase nunha media do 11%. A humidade é escasa (entre o 1% e o 9%), mentres que a fibra alimentaria insoluble supón arredor do 3%. O contido en vitaminas e minerais é, en xeral, importante.

Biocentury destaca polo seu contido graxo (20%), aínda que esta graxa é máis insaturada ca no resto de mostras e contén unha elevada proporción de ácido linoleico. Slimbel e Controlday tamén conteñen moitas calorías procedentes da graxa. Segundo os resultados, ningunha barriña cumpre tódolos mínimos recollidos na lexislación respecto do contido en vitaminas e minerais. En canto á etiquetaxe e presentación, Biocentury inclúe unha mención sobre o efecto de saciedade do seu producto, non permitida pola lexislación, mentres que en Slimbel e Controlday non aparece o texto sobre a necesidade de completa-la dieta diaria con outro tipo de alimentos, polo menos no modo de comercialización adquirido por CONSUMER (en forma de unidades soltas).

Na cata tiveron unha escasa aceptación (fundamentalmente, pola súa inadecuada textura) coa excepción de Biocentury que obtivo 6 puntos.

En resumo, estas barriñas subministran nutrientes en proporción equilibrada e poden axudar a reduci-lo peso corporal, sempre que se sigan certas normas en canto ó seu modo de consumo. O problema é que non educan nutricionalmente: o máis probable é que quen consegue perder peso con estes productos recupere os quilos de máis se volve ós seus hábitos alimentarios anteriores. A única forma de controla-lo peso de forma permanente e duradeira é modifica-los hábitos alimentarios incorrectos que motivaron o sobrepeso.

Os productos dietéticos para control de peso están regulados por unha normativa que establece límites para a enerxía procedente de proteínas e graxas, así como os mínimos de vitaminas, minerais e ácidos graxos esenciais que han de proporcionar por comida, neste caso, cada dúas barriñas. Sorprende comprobar que ningunha mostra cumpre en todo a norma. Só Gerlínea respecta os límites de potasio (mínimo, 500 mg por comida) e de vitamina B1 (mínimo, 0,33 mg/100 g), pero non alcanzou os valores para vitamina C, ferro e calcio. Pola súa parte, Biocentury, Slimbel e Controlday exceden o límite de calorías procedentes da graxa e non alcanzan os mínimos nalgúns minerais e vitaminas analizados.

Ingredientes e composición nutricional

Estas barriñas son alimentos "de deseño", creados co fin de que conten cunha composición nutricional concreta e coas características organolépticas (sabor, textura, aroma...) que esa estratexia de reducción de calorías permite. A maioría inclúen sacarosa ou xarope de azucre ou de glicosa, proteínas lácteas, chocolate con leite ou cacao desgraxado, graxa ou aceite vexetal, fibras vexetais, complexos de vitaminas e minerais, aromas, espesantes.... Os ingredientes maioritarios son, de tódolos xeitos, a sacarosa ou azucre e as proteínas lácteas. O chocolate ou cacao aparece nalgunhas mostras só como cobertura, e noutras tamén no recheo. Só Biocentury e Gerlínea indican a cantidade de chocolate (18% e 20 %, respectivamente). Outros ingredientes son a oligofructosa, e o glicomanano, fibra alimentaria soluble que, xunto coa fracción insoluble, exercen un efecto beneficioso sobre a regulación intestinal. Investíganse outros posibles efectos beneficiosos da oligofructosa, como a estimulación da proliferación de bifidobacterias no intestino, á que algunhas mostras fan referencia nas súas etiquetas. Estas barriñas están compostas maioritariamente por hidratos de carbono, que supoñen unha media do 50% do contido total. Esta porcentaxe, que inclúe a fibra soluble, foi superior en Gerblé (57%) e Biomanán (54%), mentres que en Slimbel e Controlday foi menor (47% e 45% respectivamente). As proteínas son o segundo macronutriente en importancia (22%), con niveis similares nas cinco mostras. En canto á graxa, obsérvanse diferencias notables: desde o 12% de graxa de Biomanán ata o 20% de Biocentury. Gerlínea, Slimbel e Controlday situáronse arredor da media, 16% de graxa.

O contido en auga, pola súa parte, é moi baixo en Biocentury e Gerblé (1%-2%), mentres que en Slimbel, Biomanán e Controlday se revelou moi superior (9%). Do contido en fibra alimentaria total, determinouse unicamente a fracción insoluble, descubríndose unha ampla variabilidade entre as mostras. Así, Biomanán, Gerblé e Biocentury conteñen un 2%, mentres que Slimbel e Controlday alcanzan o 5%. A fracción soluble da fibra, aquí representada principalmente por carbohidratos como oligofructosa e glicomanano, completa o contido en fibra indicado nas etiquetas dalgunhas mostras. As barriñas, por último, son moi enerxéticas: proporcionan, de media, 430 calorías por cada cen gramos de producto. As máis calóricas son Biocentury (476 calorías por cada cen gramos) e as menos, Biomanán e Slimbel (405 calorías). Se temos en conta que dúas barriñas substitúen unha comida e que o peso medio de cada unha delas é de 39 gramos, o subministro calórico medio dunha "comida" sitúase en 335 calorías. Aclaremos que estes datos están levemente sobreestimados, xa que no cálculo das calorías partiuse dos hidratos de carbono totais, incluíndo a fracción soluble da fibra, que non proporciona calorías ó pasar polo tracto gastrointestinal sen ser dixerida. Unha comida saudable, como a composta por unha minestra de verduras (59 calorías por cada cen gramos), un filete de vitela á prancha (181 calorías por cada cen gramos) e un iogur (82 calorías por cada cen gramos) suporía, nas racións e modos de presentación máis comúns destes pratos, unhas 500-600 calorías. Polo tanto, o consumo de barriñas suporía unha reducción media dun 30%-40% de calorías respecto dunha comida normal.

¿E a graxa?

Respecto do tipo de graxa destas barriñas, algo máis da metade é saturada (40% en Biocentury, e entre o 53% e o 57% no resto). Entre os monoinsaturados o oleico é case o único e atópase nun 36% de media. Supón un 42% en Biocentury, e é máis baixo no resto, especialmente en Gerblé (31%). Os poliinsaturados (entre os que destaca o linoleico, ácido graxo esencial) supoñen ó redor do 11% do total da graxa. A porcentaxe de linoleico difire moito entre as marcas, xa que variou entre o 8% de Slimbel e Controlday e o 16% de Biocentury. Os expertos en nutrición recomendan que a distribución de enerxía procedente da graxa se distribúa así: un 7%-8% de ácidos graxos saturados, 10%-15% de monoinsaturados e un 7%-10% de poliinsaturados. Aínda que estas directrices se refiren á dieta total, e estas barriñas están pensadas para substituír só unha ou dúas comidas ó día, conteñen demasiados ácidos graxos saturados. O índice AGI/AGS establece a relación de ácidos graxos insaturados (mono- e poli-) sobre os saturados. Estas barriñas presentan un índice de graxas máis favorable có leite e moitos productos lácteos (0,58), pero menos cá carne de vacún (1,2) ou cás lentellas (3). O índice de tipos de graxa é moito máis favorable en Biocentury ca no resto, polo que Biocentury presenta a composición de graxas máis saudable de tódalas mostras.

En canto ás vitaminas, Biocentury destaca en vitamina C, mentres que Gerlínea é rica nas do grupo B. Biocentury sobresae tamén en vitamina A, mentres que os niveis máis elevados de D3 atopáronse en Gerlínea.

Respecto dos minerais, o contido destas barriñas é xeneroso, aínda que o seu elevado contido en fibra leva consigo unha diminución na biodispoñibilidade dalgúns deles. Proporcionan unha media de 6,3 miligramos de ferro por cada cen gramos, contido similar ó do fígado e legumes. En Gerlínea e Biomanán, é moi superior ó resto. En calcio, a media sitúase en 3,2 gramos por cada cen gramos, case o dobre que o do iogur. Slimbel, Biomanán e Controlday teñen máis calcio cás outras dúas. En canto ó fósforo, é similar nas cinco mostras, aínda que Gerlínea contén algo menos se ben é a máis rica en potasio. Determinouse tamén o contido en teobromina, que indica cánto cacao hai nun alimento.

Gerlínea e Biomanán (5%-6%) mostraron máis có resto, mentres que Slimbel e Controlday eran as que menos cacao contiñan, ó non alcanzaren sequera o 1%. Unha boa medida deste subministro de vitaminas e minerais dáa a porcentaxe que supón respecto da CDR (cantidade diaria recomendada). As barriñas, de media, proporcionan entre o 20% e o 36% de CDR das vitaminas B1, B2, C e A. E entre o 32% e o 38% de CDR de ferro, calcio e fósforo.

Etiquetaxe

A de productos dietéticos debe facilitar información sobre o seu valor calórico e composición nutricional, tanto por cada 100 gramos como por fracción proposta para o consumo, e proporcionar instruccións para o seu uso. Tamén indicará a necesidade dunha inxestión axeitada de líquidos, e que o consumo destes productos se acompañe cunha dieta que inclúa outros alimentos. Non poden menciona-lo ritmo de adelgazamento que permiten, nin a diminución da sensación de fame ou o aumento da sensación de saciedade. Tódalas mostras expresan o seu contido calórico e composición nutricional, tanto por 100 gramos, como por barriña. A maioría indican a porcentaxe que supón cada compoñente sobre a cantidade diaria recomendada (CDR). Así mesmo, todas sinalan que dúas barriñas substitúen unha comida, e que cómpre beber abundante líquido despois de cada toma. Gerlínea, Biomanán e Biocentury indican que as súas barriñas non constitúen unha dieta diaria completa e que deben complementarse con outros alimentos. Biomanán propón menús para o resto de comidas do día. E, pola súa parte, Biocentury alude, no envoltorio individual das barriñas, ó aumento da sensación de saciedade destes productos, a pesar de que a lexislación prohibe estas referencias. Slimbel e Controlday, segundo a forma en que CONSUMER puido adquirilas (barriñas soltas), tan só recollen a composición nutricional e as instruccións de uso, pero non aclaran que se trata de productos para a substitución parcial da dieta.

Cata: só unha barriña aprobou

En cata, os consumidores avaliaron a aparencia, olor, textura e sabor das cinco barriñas. En canto a aparencia, as valoracións foron similares, a pesar das diferencias en tamaño, cor da cobertura e do recheo. Gerlínea e Biomanán destacaron por olor intenso, aínda que gustou máis o de Slimbel e Controlday.

En sabor, destaca a baixa puntuación de Gerlínea, aínda que Controlday e Biomanán tampouco agradaron moito. Biocentury foi a que máis satisfixo as expectativas dos catadores en canto a sabor. A textura é o aspecto en que máis fallan estas barriñas: só Biocentury obtivo valoración positiva. Os problemas de textura máis comúns foron a excesiva firmeza e gomosidade. Só Biocentury superou a cata con éxito, ó conseguir seis puntos. As demais suspenderon. A peor cualificada foi Gerlínea, con tres puntos. O resto obtivo catro.

Paginación


Relacións deste contido

Neste artigo

Tamén che interesa

E ademais...

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto