Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Aspiradores compactos: Todos cumpren, pero hai diferencias

Entre os diversos tipos de aspiradores, os compactos caracterízanse polas súas pequenas dimensións e escaso peso

 Analizáronse oito aspiradores que pesan ó redor de catro quilos e cuns prezos que oscilan entre as 10.295 pesetas de Taurus e as 16.900 pesetas de Bosch. Son cómodos, cun número variable de accesorios de limpeza, entre os que, ademais da mangueira e o tubo prolongador, figuran diferentes toberas ou cepillos (para solos, tapizados, físgoas ou solos irregulares). En canto á bolsa que recolle a sucidade aspirada, en tódolos casos de papel, ten unha capacidade que oscila entre os 1,8 litros en Taurus e Panasonic, e os 3 litros de Bosch. Tódolos comparados incorporan filtros de motor e regulación de caudal de aire. Sen embargo, aínda sendo todos bos, rexistráronse diferencias nas prestacións duns e doutros: facilidade de uso, mantemento e limpeza, potencia, ruído que emite en funcionamento, capacidade de succión, eficiencia de aspiración, radio de acción e consumo enerxético.

A bolsa: de papel e refugable

Tódalas mostras conteñen bolsas de papel refugable cunha capacidade que varía entre os 1,8 litros de Taurus e Panasonic e os 3 litros de Bosch. Só Samsung, Moulinex, Bosch e Ufesa inclúen un indicador de enchedura da bolsa, moi útil para un aproveitamento óptimo desta. Samsung, Solac, Bosch e Panasonic, pola súa parte, levan un sistema de bloqueo en ausencia de bolsa que impide o funcionamento do aspirador cando a bolsa non se atopa instalada no aparello. Así mesmo, todos incorporan filtros para protexe-lo motor da sucidade aspirada. En Panasonic non se pode cambiar un filtro de motor sen desmonta-lo aspirador.

A funcionalidade dos aspiradores vén condicionada, en parte, polo seu tipo e número de accesorios de limpeza. Así, todos inclúen unha mangueira con un ou dous tubos prolongadores e unha suxeición para o tubo aspirador. Tamén incorporan unha tobera ou cepillo para solos e outra para tapizados. A maioría ofrecen, ademais, unha tobera para físgoas ou solos irregulares. Atendendo ó número de accesorios, Bosch é o aparello máis completo. E Rowenta o máis pobre, botándose en falta unha tobera para físgoas ou solos irregulares. En todos se pode regula-lo caudal de aire que entra, e hai outras utilidades como rodas multidireccionais e asa de transporte. E todos, agás Rowenta, teñen recollecables automático, mentres que Samsung, Taurus, Moulinex e Ufesa presentan mandos que poden accionarse co pé, o que lle confire a este electrodoméstico unha maior comodidade de uso. Taurus e Ufesa, por último, son os únicos con cóbado xiratorio na boca de entrada do tubo de aspiración, o que proporciona tamén unha comodidade engadida.

A comodidade, peza clave

En canto a ergonomía, destacan Samsung, Taurus e Ufesa, tanto polo seu tamaño como por outras características que melloran a facilidade de uso: regulación de potencia de motor graduable desde a empuñadura do tubo e posibilidade de acciona-los mandos co pé sen ter que se agachar. En mantemento e limpeza, Moulinex e Ufesa revélanse como os mellores, mentres que en Panasonic este aspecto non foi ben valorado, xa que non é posible cambiar un filtro de motor sen desmonta-lo aspirador. O acabado, a estabilidade e o arrastre son satisfactorios en tódalas mostras. No que atinxe ó uso e manexo, Samsung, Bosch e Ufesa foron os mellores, mentres que a Rowenta a ausencia do recollecable o converte en menos manexable, tanto máis polo seu longo cable (case sete metros). Por outra parte, ningún leva proteccións nas partes expostas a golpes contra esquinas ou mobles, aínda que Ufesa incorpora proteccións con bandas de caucho sobre as rodas, evitando así o raiado dos solos.

Outros aspectos que contribúen ó satisfactorio uso dun aspirador son o seu raio de acción e o cóbado xiratorio na entrada do tubo. De media, estes aspiradores operan en 7,6 metros de raio de acción, incluíndo o cable de rede, a mangueira e o tubo prolongador. Samsung e Rowenta son os de maior raio de acción (8,5 e 8,6 metros, respectivamente), mentres que o menor corresponde a Taurus e Solac (6,9 e 7,5 metros). En canto ó cóbado xiratorio, só Taurus e Ufesa o teñen.

Como é ben sabido, estes aspiradores xeran un nivel de ruído superior ó desexable. A análise demostrou que todos son ruidosos, se ben os menos estrondosos foron Bosch e Ufesa (81 decibelios). Os que máis contaminación acústica producen son Taurus e Solac (arredor dos 90 decibelios). Resumindo, no que refire á aptitude á función, os mellores aspiradores son Samsung e Ufesa, aínda que o resto cumpran co seu cometido.

Seguridade: algunhas insuficiencias menores

A normativa de seguridade fixa unha serie de probas que han de superar estes electrodomésticos, como a protección contra choques eléctricos, a resistencia á calor e ó lume, e o quecemento máximo. Han de cumprir tamén requisitos de construcción (resistencia mecánica, conexión a rede e cable de alimentación, bornes para cables exteriores, cables interiores...). Realizáronse probas co fin de verifica-lo comportamento das oito mostras. A maioría dos resultados foron conformes a norma, pero rexistráronse excepcións: Solac non superou a proba de quecemento en uso normal porque o cable de rede e o bobinado do motor sufriron quecementos superiores ó permitido. En Panasonic, o quecemento do cable de alimentación achegouse ó máximo admisible.

Este cable, lembrémolo, debe encontrarse estendido durante o funcionamento do aparello, xa que se se atopa parcialmente enrolado aumenta a posibilidade de quecemento do cable. Por outra parte, xa en materia de construcción, o cable de rede de Bosch non lucía marcas de conformidade a normas. En Moulinex e Rowenta, o motor e outros compoñentes internos quedan mellor protexidos do po e da sucidade aspirada ca noutros aspiradores, gracias ó seu hermetismo. Ademais, só o motor de Rowenta leva un marcado CE. Por outro lado, as probas de compatibilidade electromagnética realízanse para comprobar, entre outros aspectos, que o "ruído" eléctrico que emiten os aparellos non supera o nivel establecido. En caso contrario, entre outras repercusións, o funcionamento doutros aparellos (os máis sensibles, como as radios) conectados á rede podería verse afectado polas molestas interferencias. Só catro mostras (Samsung, Moulinex, Rowenta e Ufesa) presentan un comportamento do todo satisfactorio. En Taurus detectouse unha desviación sen a penas importancia. Solac, pola súa parte, fallou en dúas das probas: pode causar interferencias noutros aparellos e provocar unha leve caída da intensidade luminosa dfogar cando se acende o aspirador. Bosch e Panasonic fallan neste último aspecto.

Garantías e información ó consumidor

Samsung, Moulinex, Rowenta e Panasonic ofrecen 12 meses de garantía para o aspirador e as pezas de reposto. Taurus, Solac e Ufesa establecen 36 meses para o aspirador (un ano de garantía completa, e dous máis só para compoñentes a substituír, aínda que o usuario teña que correr cos gastos de man de obra e desprazamento). En Bosch, a garantía non ten espacios para a dirección do cliente nin para o selo do establecemento vendedor.

En canto ós manuais, están completos e claros. Os de Samsung e Rowenta resultan máis sinxelos de entender, gracias ós seus diagramas e debuxos explicativos. A información ó consumidor (etiquetaxe, marcaxe, instruccións de uso e mantemento) e a garantía están suxeitos a normativa. E detectáronse irregularidades: a placa de características de Samsung, Bosch e Rowenta non superou a proba de indelebilidade (os seus símbolos quedan borrados e ilexibles tralo fretamento con productos de limpeza). En Bosch, ademais, descubríronse outros problemas: o certificado de garantía está incompleto, vai só en alemán e non se informa sobre os servicios de asistencia técnica do aparello. En Moulinex, un dos seus símbolos non respecta as dimensións normalizadas. Polo tanto, só Taurus, Solac, Ufesa e Panasonic presentaron unha etiquetaxe e marcaxe conformes a norma.

¿Cal elixir?

Podemos comprar un aspirador por pouco máis de 10.000 pesetas (Taurus, Panasonic), pero hainos de case 17.000 pesetas (Bosch). ¿Está xustificada a diferencia? Ponderando os datos xurdidos desta análise, só convén optar polo máis caro se queremos contar co moi completo repertorio de accesorios do de Bosch que é un dos que máis aspiran. Con todo, Moulinex (12.460 pesetas) é a mellor relación calidade/prezo. Tamén é interesante Samsung (11.566 pesetas).

En canto ó consumo enerxético (os valores do cadro refírense ó consumo a potencia máxima deixando a boquilla libre), os de funcionamento máis económico son Taurus (sae a 16 pesetas por hora de funcionamento), Moulinex e Bosch. Os que máis enerxía necesitan son Rowenta e Solac (22 pesetas cada hora).

Eficacia de aspiración: depende do modelo e do tipo de solo

A potencia nominal destes aspiradores vai de 1100 a 1150 watts, mentres que a potencia máxima foi de 1300 e 1350 watts. Exceptuando Taurus e Panasonic, os aspiradores ofrecen a opción de regula-la potencia. A capacidade de succión (aínda que contribúe, non determina a eficiencia de aspiración) varía entre os 16 Kpa de Panasonic e os 25 de Rowenta. Na eficacia de aspiración intervén decisivamente o tipo de solo no que realiza o seu labor o electrodoméstico. Estudiouse o comportamento dos oito aspiradores en solo liso, con físgoas e moqueta, e ante tres tipos de sucidade: po, cabelo e migallas.

En conxunto, a eficiencia global difire bastante: entre o 88% de Ufesa e o 94% de Moulinex. Máis polo miúdo: os resultados foron parecidos e moi satisfactorios en solo liso, mentres que en piso con físgoas e na moqueta a eficacia foi ben distinta. En solo con físgoas, Panasonic, Solac, Bosch e Ufesa mostráronse menos eficientes, con resultados de entre o 83% e o 86% de aspiración. E en moqueta anotáronse diferencias aínda maiores: Ufesa, Taurus, Solac e Rowenta foron os menos eficaces (81%-83%), mentres que Bosch e, especialmente, Moulinex (95%) aspiraron moi ben. Os que máis e mellor realizan en xeral esta función -a máis importante nun aspirador- son Moulinex (eficacia media do 94%), e Bosch (92%).

Paginación


Relacións deste contido

Neste artigo

Tamén che interesa

E ademais...

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto