Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Mordeduras de animais e insectos: A vacinación, esencial para evitar infeccións

Os fogares con animais domésticos, especialmente cans e gatos, son cada vez máis frecuentes

  A presencia de animais de compañía en rúas, parques, xardíns, paseos... converteuse en algo cotián. A normativa obriga a vacinalos e aseguralos, pero isto non significa en absoluto que tódolos propietarios de mascotas cumpran este precepto. A miúdo os donos das mascotas só se mentalizan da necesidade (e obriga legal e cívica) de vacinalas despois dunha mordedura. É entón cando se decatan de que a cartilla de vacinación do can ou gato se atopa incompleta. Pero non só estes dous animais lles provocan problemas de seguridade ós cidadáns. Insectos, arañas e mesmo víboras deberían tomarse tamén en consideración cando se fala de mordedelas ou picaduras, xa que as feridas que ocasionan revisten unha gravidade semellante.

Mordeduras de cans: coidado coas infeccións

As noticias de ataques de cans a persoas, ás que causan graves lesións e mesmo a morte, multiplicáronse ultimamente nos medios de comunicación. Pero as que acontecen con maior asiduidade e non constitúen noticia son as mordeduras de cans, especialmente ós nenos, que non ocasionan lesións graves pero supoñen un perigo para a saúde. Cóidase que os cans son os responsables do 80% das feridas por agresión de animais domésticos que se atenden nos centros de saúde do noso país. Unha de cada cinco destas feridas chega a infectarse. Os máis afectados son mozos novos, xeralmente donos e coidadores dos animais, que sofren dentadas e laceracións nas extremidades inferiores, nos antebrazos e nas mans. Nos nenos, as lesións prodúcense preferentemente na cabeza e no pescozo, aínda que se teñen rexistrado casos nos que poderosos cans ocasionaron danos con graves secuelas noutras zonas do corpo. A infección é unha complicación habitual e pode ter consecuencias devastadoras, xa que os cans teñen abundante flora bucal, polimicrobiana. Esta flora inclúe, entre outros, xermes como o Estafilococo dourado, a Pasteurella multocida e Estreptococos do grupo D, amais do temido Clostridium tetani, responsable do tétanos e que se pode atopar no chan, nas feces e mesmo na propia pel do animal. Se a ferida se infecta, a zona afectada ponse vermella, inchada e chega a supurar. Se non é tratada farmacoloxicamente de maneira axeitada, a infección pode estenderse e poden aparecer episodios de linfaxite e inflamación dos ganglios rexionais. Aínda que menos frecuentes cás de can, as mordedelas de gatos inféctanse máis doadamente, xa que estes felinos posúen uns incisivos moi afiados que penetran profundamente no tecido. As súas mordeduras pódense converter en especialmente perigosas cando se localizan próximas a unha articulación ou nunha zona na que o óso é moi superficial, xa que se complican con artrite ou osteomielite, infeccións da articulación e do óso, respectivamente. Rabia e tétanos: toda precaución é pouca Tanto cans coma gatos poden transmiti-la rabia ou o tétanos, dúas graves infeccións que poden resultar mortais. Se unha persoa é mordida por un destes animais, debe identifica-lo animal e retelo para comprobar se está vacinado conforme o esixe a norma. tanto se o está como se non, o afectado debe acudir a Urxencias para que se trate axeitadamente a ferida e a desinfecten. Como é lóxico, o paciente debe someterse ós tratamentos prescritos polo médico. Todo isto sen esquece-la visita ó veterinario co animal involucrado no suceso e co seu dono, que deberá informar do estado de vacinación da súa mascota. Ademais, poderá coñece-las consecuencias que se poidan derivar da agresión que cometeu o seu animal. Xeralmente, adminístranselle ó afectado antibióticos de maneira profiláctica, especialmente se a mordedura se produciu nas proximidades de ósos e articulacións. A inmunización antitetánica debe facerse sempre, debido a que moitas persoas non recibiron doses de reforzo da vacina e o seu nivel de anticorpos específicos ante o tétanos é baixo. Hai que pensar na inmunización antirrábica sempre que non se identifique o animal ou non estea vacinado contra a rabia.

Insectos: inofensivos pero molestos

Pero non só os cans e gatos morden. Coa chegada do bo tempo, as excursións ó campo están á orde do día e alí atopamos unha serie de animais e insectos, aparentemente inofensivos, moi capaces de estar todo o día amolándonos. As picaduras de heminópteros, coma abellóns, avespas, abellas e formigas, resultan molestas e dolorosas, xa que o veleno destes insectos contén histamina, bracidininas, hialuronidasa e serotonina, responsables dos síntomas que orixinan as picaduras. Trátase, na maioría dos casos, de síntomas benignos: a zona incha, ponse vermella e xorde unha sensación de ardor con comechón. Xeralmente as molestias desaparecen espontaneamente en poucas horas e a penas causan problemas se, nada máis producirse a picadura, se aplica algún dos productos farmacéuticos específicos para este problema. É aconsellable incluír na mochila un tratamento para as picaduras se se vai ó campo, á montaña, de acampada, de travesía, etc. Nalgúns casos, unha picada de abella ou avespa pode desencadear un cadro de hipersensibilidade inmediata: aparecen edemas xeneralizados, broncoespasmo con sensación de afogo e, nos casos máis graves, edema deglote e mesmo conmoción anafiláctica, que pode ser mortal se non se aplica o tratamento axeitado inmediatamente. As persoas con hipersensibilidade requiren, ante estas situacións, un tratamento de desensibilización progresiva que xeralmente resulta efectivo.

Arañas, temidas sen motivo

As arañas son artrópodos moi temidos, aínda que sen motivo ningún, xa que só dúas especies en todo o país poden ocasionar algún desgusto. Unha delas é a viúva negra, que coa súa mordedura produce un intenso eritema, coma unha urticaria, moi dolorosa e que en casos graves pode provocar síntomas xerais (suoración, axitación e convulsións). O outro arácnido que cómpre ter en conta é a tarántula, con moi mala prensa pero non tan perigosa como se pensa, xa que a súa picadura xeralmente só produce manifestacións locais: dor, proído e inchazón. As picaduras de arañas deben ser tratadas con desinfección local e profilaxe antitetánica, amais do tratamento local para elimina-los síntomas mencionados.

Serpes, só hai dúas velenosas

Coma especies velenosas que hai que considerar en España só citarémo-las víboras (Vípera Áspide, no norte da península, e Vípera Latasti no resto do país) que ocasionan mordeduras, especialmente en marzo e abril. O resto de cóbregas, agás a bastarda ou de Montpellier, non teñen perigo ningún. A mordedura dunha víbora recoñécese por dous puntos separados arredor de 8 milímetros entre eles, mentres que as cóbregas marcan unha fila de dentes case sen separación. O veleno da víbora contén encimas que matan as células e coagulan o sangue, e hemolíticos, que provocan a rotura das hemacias. Segundo a cantidade de veleno inoculado, a sintomatoloxía pode ser leve, con inchume da zona, ou máis grave, con reacción local intensa, náuseas, e vómitos. Nos casos máis graves, o veleno pode ocasionar un fallo renal e coagulación intravascular diseminada.

Ante unha mordedura de serpe, convén segui-las seguintes pautas:

  • Inmobiliza-la zona afectada, xa que canto máis se mova, máis se disemina o veleno.
  • Non aplicar un torniquete.
  • Non succiona-la ferida.
  • Traslada-la víctima ó centro sanitario máis próximo coa máxima urxencia, para que se lle administre soro antivíbora ou soro antiofidio, amais do tratamento das mordeduras.

Relacións deste contido

Tamén che interesa

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto