Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Documentais en Televisión: Chega un aire fresco

Pasaron xa 20 anos desde que Félix Rodríguez de la Fuente morreu nun accidente de aviación xunto a dous membros do seu equipo, cando filmaba para TVE unha carreira de raposas en Alasca.

Rodríguez de la Fuente, coa súa imitada e enfática voz, foi pioneiro nos programas documentais de TV e conseguiu que preto de 25 millóns de telespectadores se xuntasen tódalas semanas fronte ó receptor para contemplar "El Hombre y la Tierra".

  Este fascinante xénero televisivo segue hoxe vixente na pequena pantalla. Os documentais de todo tipo (actualidade, étnicos, natureza e vida animal, aventura, ciencia...) multiplícanse e evidencian que a televisión con contido non é, como se pretende en ocasións, apetencia dunhas irrelevantes (en termos de audiencia e ingreso publicitario, que é como se miden estas cousas) minorías. Programas coma "Al filo de lo imposible", "La Ruta de Samarkanda", "Documentos TV" ou "National Geographic" gañaron o aprecio do público e mesmo algúns destes espacios acadan o 10% do índice de audiencia (porcentaxe de espectadores que ve un programa respecto do total de persoas que nese momento ve a tele).

Orixe dos documentais

Nos anos cincuenta, o público USA vía os documentais nas salas de cine. Proxectábanse antes da película correspondente, aínda que daquela o director e o productor dos documentais non botaban man de ningún reclamo para entrete-lo espectador. Os documentais non se acompañaban de música nin contiñan unha narración escrita por un guionista, senón o son real da gravación. Estes documentais cinematográficos non mereceron unha boa acollida pola audiencia, porque carecían de narración, música e dramatización e, como consecuencia, resultaban densos e mesmo aburridos se se comparaban coa longametraxe de ficción que se proxectaba a continuación. Cos posteriores documentais de TV aconteceu algo semellante. E, como era de agardar, estes documentais primitivos acabaron desaparecendo das canles comerciais de exhibición cinematográfica e da propia televisión. Anos despois, ó documental engadíronselle os mencionados apoios de texto, música, guión, etc, e conseguiuse así que un programa deste tipo puidese perfectamente satisface-la audiencia, cando menos a máis disposta a velo. Nembargantes, o documental é un espacio (xa case exclusivamente televisivo) que non se concibe en función da audiencia xa que non congrega un gran número de espectadores, ó contrario do que acontece co fútbol, os concursos, as galas musicais, as películas ou as series de televisión.

Un negocio rendoso

A proba da aceptación dos documentais tena (no seu banco) John Hendriks, un mozo universitario de Alabama que nos anos 80 fundou un servicio de cable con documentais sobre natureza, ciencia e tecnoloxía, amais de historia e aventuras de exploradores. Hoxe, a súa canle, a famosa Discovery Channel, conta con 111 millóns de subscritores en 145 países e proporcionoulle a este visionario ganancias de máis de 100 millóns de dólares. Outro exemplo da expansión destes productos televisivos tan específicos constitúeno os documentais de National Geographic que, con 200 equipos traballando en todo o mundo, gañaron 800 premios nos últimos 30 anos.

¿Quen está detrás dos documentais?

Trala cámara destes programas de TV tan peculiares e que tantos devotos manteñen agáchanse, en moitos casos, especialistas e técnicos amantes da aventura que dedican anos da súa vida a agarda-lo momento axeitado para filmar tomas que duran, quizais, uns poucos segundos. Exploradores e aventureiros coma Miguel de la Quadra Salcedo, Luis Pancorbo ou González Green, por citar só algúns, que se negan a un mundo de traxe e garabata, e se mergullan en recunchos inhóspitos e pouco accesibles. Despregan unha paciencia infinita para agardar días e noites co único obxectivo de acadar unha imaxe concreta. Son expertos en primeiros auxilios, mecánica e supervivencia nas condicións máis adversas. E aínda que atravesan por experiencias difíciles e mesmo traumáticas, son vistos por moitas persoas como bohemios que o pasan ben viaxando. Eles, pola contra, considéranse sufridos traballadores e manifestan que a xente non comprende o esforzo que supón rodar un documental.

Caros e laboriosos

O custo dun documental dunha hora achégase a miúdo ós 100 millóns de pesetas (de media, estímase que, aproximadamente, de cada 15 horas gravadas se aproveita só unha). Unha suma moi elevada que se debe a que filmar en formato de cine (proporciona moitas vantaxes técnicas) resulta moito máis caro que facelo en vídeo. As cámaras de cine posúen lentes máis longas, menos pesadas e máis sinxelas de reparar có vídeo. A cámara de vídeo é débil ante o po e a chuvia, e resulta difícil trasladala a lugares remotos, mentres que a cámara de cine non dá tantas preocupacións. Ademais, conta cun mecanismo que permite comprimi-lo tempo e lograr, por exemplo, que a metraxe dunha flor abríndose ó longo de toda unha mañá, se visualice en 20 segundos. Queda claro, polo tanto, que filmar en formato cinematográfico encarece nun 40% o custo final. Despois dunha gravación destas características pásase a película a formato de vídeo, coa fin de aproveitar tódalas posibilidades de edición e de aplicacións informáticas.

Informar con rigor científico

O documental debe informar, educar e entreter. O entretemento e a amenidade son os alicientes para que os espectadores non cambien de canle. A isto haille que unir unha característica notable que teñen os documentais: a súa base rigorosamente científica. Se algo caracterizou o século XX, foi o avance na tecnoloxía. Os documentalistas asimilaron esta nova tecnoloxía e actualmente empregan, entre outras, cámaras tan pequenas coma un lapis, para introducilas, por exemplo, nun formigueiro. O material que levan os equipos que realizan os documentais componse de varias cámaras, gravadores dixitais, monitores de alta resolución, micrófonos de distintas características, zódiac con motores fóra de borda, un xerador de corrente, todo terreo 4x4... Detrás das canles de televisión e dos seus éxitos empresariais tamén se atopan os documentalistas. O documentalista é, en certa maneira, unha persoa desarraigada, xa que pasa uns 20 ou 30 días fóra da casa. Ademais, debe adaptarse ós seus compañeiros e ó feito de non ter comodidades. No Himalaia ou no Aconcagua, por exemplo, hai tormentas de neve nas que durante 15 días non queda outra solución que gorecerse dentro dunha tenda, amarrándoa para que non a leve o vento. Normalmente, os equipos toman parte nun curso de primeiros auxilios antes de iren rodar. Precisan saber cómo poñer inxeccións, aplicar un soro antipicadura ou transportar unha persoa que caeu.

Nova linguaxe audiovisual

As xeracións anteriores non coñecían a linguaxe audiovisual que existe hoxe. Os xogos de ordenador transcorren a unha velocidade vertixinosa, e isto é o que actualmente imitan a televisión e o cine. En consecuencia, os documentalistas tiveron que se adaptar a esa linguaxe. Se antes unha toma panorámica nun documental duraba catro minutos, agora redúcese a dous minutos para acadar un ritmo más áxil.

Éxito minoritario.

As causas de que os documentais sexan productos tan apreciados, aínda que tan só por unha minoría a teor das audiencias, quizais haxa que buscalas na escaseza de información, a falta de profundidade e sentido que ten a televisión xeneralista actual, fóra dalgúns programas, coma o mítico "Informe Semanal" (TVE 1), "Espejo Público" (Antena 3) ou especiais que xeralmente se emiten a horas intempestivas. A xente devece por contemplar en televisión unha historia con principio, desenvolvemento e final. A maioría dos programas de entretemento alterna momentos de alta audiencia con outros de cifras máis discretas (zapping interno), que decote se traduce en contidos chocalleiros fronte a outros máis serios (non demasiado). Pero, en xeral, é tal o bombardeo de superficialidades, que os telespectadores precisan a bafarada de aire puro que os documentais proporcionan. Despois de ver un de calidade, obtense a satisfacción de aprender algo, unha sensación que a televisión comercial moi poucas veces proporciona. Outra causa da súa favorable aínda que minoritaria aceptación provén da profundidade coa que os documentais informan sobre calquera acontecemento, unha profundidade que dificilmente atoparemos na maioría dos noticiarios.

Documentais nas nosas televisións

Estes son algúns dos programas de documentais que actualmente emiten as televisións de ámbito estatal e por satélite.

  • A 2 de Televisión Española: "La aventura del saber", "Lo que el siglo nos dejó", "Jara y sedal", "La ruta Quetzal", "A vista de pájaro", "Documentos TV", "Línea 900", "La ruta de Samarkanda", "Hit Natureza" e "Grandes Documentales".
  • Antena 3 e Telecinco: De vez en cando realizan algún especial como puido se-lo do Gran Wyoming sobre as drogas (Tele 5).
  • Canal Plus: "Documental Naturaleza y otros", "El partido del siglo", "National Geographic", "Abierto en canal" e "24 horas".
  • Canal Satélite Digital: Canles temáticas: Documanía, Discovery Chanel, AXN (varios dos seus programas son documentais), Viajar e Season.
  • Vía Digital: Canles temáticas: Natura, Cultura, Hispavisión, Odisea e BBC Prime.

Relacións deste contido

Tamén che interesa

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto