Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Organizacións europeas de consumidores e a industria de deterxentes adheríronse ás recomendacións da Comisión Europea para o uso racional dos deterxentes de lavado de roupa e seren, desta maneira, máis respectuosas co ambiente. O acordo tomouse no Cumio de Río de Xaneiro de xuño de 1992.
Baixo o título de 'Axenda 21', aprobouse un programa de acción para crea-las condicións dun desenvolvemento duradeiro e respectuoso co ambiente.
O propósito desta campaña consiste en acadar que, no ano 2001, se reduza nun 5% a cantidade de enerxía gastada en cada lavado en Europa con respecto ás cifras do ano 1996. Tamén se persigue diminuír nun 10% o peso de deterxente e de material empregado nos envases, e noutro 10% a cantidade de compoñentes orgánicos difíciles de eliminar do ambiente. Estes obxectivos foron asumidos voluntariamente pola Asociación Internacional de Xabóns, Deterxentes e Productos Afíns (AISE), que incluirán nos paquetes consellos para acadar ese aforro. A campaña afecta a 18 países europeos, entre os que se atopa España, e inclúe 150 fabricantes e empresas de toda Europa que acordaron dirixirse a 144 millóns de fogares europeos (384 millóns de consumidores) para solicita-la súa colaboración no proxecto.
Os 11 millóns de fogares españois realizan actualmente ó redor de 2.960 millóns de lavados cada ano, cun custo total superior ós 205.000 millóns de pesetas (70 pesetas por lavado), segundo cálculos realizados por técnicos. Aplicar estas medidas de racionalidade podería reduci-lo gasto en lavado dos fogares ó redor dun 7%. O aforro total para os fogares españois podería situarse ó redor dos quince mil millóns de pesetas anuais (algo máis de 5 pesetas por lavado). Os cálculos indican que, se en España se seguise estrictamente a campaña, no ano 2001 seriamos quen de aforrar máis de 50.000 toneladas de deterxente, suficientes para encher 40 piscinas olímpicas. Polo que se refire á enerxía eléctrica, o aforro acadaría os 87 millóns de quilovatios hora, equivalente ó consumo de iluminación pública dunha cidade coma Madrid durante un ano.
A eutrofización é unha contaminación mediante fosfatos, pesticidas, etc. que se produce nos ríos e pantanos. Estes axentes químicos provocan o crecemento das algas, e estas impiden que o osíxeno lles chegue ós peixes e ó resto da vida acuática. Esta contaminación está ligada ós fosfatos dos deterxentes e, sobre todo, á crecente aplicación de fertilizantes e praguicidas na agricultura española. Nestes últimos anos, produciuse unha degradación xeral e acelerada da calidade da auga nos encoros. Os estudios realizados en diversos encoros repartidos por todo o país amosan que, en máis da metade, o grao de eutrofización aumentou. A calidade da auga depende dunha serie de normas de obrigado cumprimento. Existe un gran número de Directivas comunitarias, traspostas á ordenación xurídica española, que impoñen uns requisitos esixentes e concisos en relación coa calidade que as augas deben posuír en función do seu uso. Actualmente, a calidade xeral das augas superficiais españolas non é totalmente satisfactoria, segundo o Libro Branco da Auga, á vista da lexislación vixente e das aspiracións existentes no seo da sociedade. Aínda que o estado da cabeceira da maioría dos ríos da metade norte peninsular presenta un grao óptimo de conservación, a medida que van discorrendo por núcleos urbanos e industriais o grao de contaminación das augas aumenta, e chega, nalgúns casos, a un estado moi degradado nos seus tramos medios e finais. Na metade sur, aínda que os problemas son semellantes ós da metade norte, a calidade da auga nas cabeceiras empeora como consecuencia dos menores caudais presentes, o que orixina unha menor dilución dos vertidos contaminantes. Todo isto vese incrementado este ano pola cíclica seca.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI