Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Violencia xuvenil: O rebelde sen causa non existe

Entre nós, a violencia xuvenil non acadou as dramáticas dimensións doutros países, pero o problema existe tamén aquí: segundo un estudio de hai dous anos en 534 centros públicos de ensino, o 80% dos enquisados (alumnos e profesores) amosáronse preocupados pola indisciplina e a falta de respecto nos centros escolares.

E o 60% afirmou que no seu centro se rexistraron agresións entre alumnos nos tres últimos anos. Un informe semellante de 1992 en Holanda revelou que o 25% dos nenos sufriran actos intimidatorios graves (violencia sistemática, física, sexual ou psicolóxica) por parte doutros alumnos.

  Agora ben, entre os mozos rexe tamén unha violencia menos visible, que xera igualmente coacción, medo e sufrimento. E reforza un estilo de relación baseado no dominio, a forza e a agresividade, valores moi pouco edificantes para persoas que se atopan en pleno proceso de formación e de crecemento como seres humanos, como entes sociais. O máis doado é atribuírlle a culpa destes comportamentos inexplicables ("pero se non lles falta nada") á influencia de TV, cómic, certa música, o cine... pola maneira tan trivial, cando non exaltación, coa que en ocasións abordan a agresividade e a violencia. Pero non podemos conformarnos con esta simplista reducción do problema.

Por qué a violencia

A agresividade é un instinto consubstancial ó ser humano, e a violencia (psicolóxica ou física) aparece como o medio máis rápido para acada-lo que nos propoñemos. A persuasión entraña dificultades e esixe habilidades dialécticas que non abundan entre a xente nova. De tódolos xeitos, ninguén está libre de reaccións primitivas, do carácter agresivo, para defende-lo territorio propio. Pero cando estas se producen reiteradamente, acaban formando unha conducta. Os humanos sómo-la única especie animal que creou unha cultura da violencia e os medios para destruí-lo opoñente fanse cada vez máis específicos e complexos. Así pois, nenos e mozos nacen e medran nun mundo violento. E non falamos só de guerras, nin sequera de agresións físicas. A violencia que máis cala nos nenos procede dun estilo de vida (que empapa a familia, a escola e a rúa) na que un dos valores supremos é o control e a seguridade. Que se manifesta na defensa da individualidade e na colocación de arames de espiño no noso territorio individual. As actitudes violentas, en resumo, prenden moi ben nunha sociedade competitiva que predica solucións individualistas e que esquece promove-la dimensión social das persoas. Daquela, resulta hipócrita que nos espantemos dalgúns nenos que produce a sociedade que creamos. Desde un punto de vista sociolóxico, polo tanto, as conductas violentas de nenos e mozos poderían interpretarse como a consecuencia da preponderancia do individual ante o interese común. Pero, desde unha perspectiva psicolóxica, explícanse as conductas violentas independentemente do momento social no que se producen, recorrendo ó máis íntimo do ser humano. Xeralmente, as trasnadas cométense xunto a un grupo de amigos e actúase espontaneamente. Quen infrinxe a norma séntese importante e admirado polos seus amigos. E o acto mesmo resulta estimulante: sabe o neno ou mozo que os seus pais non o aprobarán, pero iso só engade un pouco de emoción. O que importa é a aprobación dos amigos, esa é a recompensa e paga a pena asumi-lo risco do castigo. Os casos leves de vandalismo e violencia forman parte do desenvolvemento normal de nenos e mozos, proceden da súa necesidade de se sentiren independentes, rebeldes, ou parte dun grupo, o dos seus amigos. Entendámolo: os sentimentos que impulsan estes actos incívicos son universais. Os nenos buscan identificarse como individuos e reafirmarse como membros dun grupo. Noutras ocasións, buscan desquitarse de accións que consideran inxustas, protagonizadas polas figuras de autoridade: pais, mestres, policía... Unha das vividas coma máis inxusta é a que converte o neno en "invisible", feito que el ou ela interpreta como que non é tido en conta ou non se lle recoñecen os seus logros. Moitos nenos medran en ambientes nos que senten que non valen moito, e poden (pola excesiva tolerancia familiar) facer case calquera cousa que lle pida o seu grupo. A necesidade de seren aceptados polo grupo pode inducir a un comportamento antisocial, especialmente na adolescencia: en medio da desorientación, sentirse parte do grupo (que, ás veces, é o único que elixen) é o máis importante.

A violencia, ¿só un sinal?

Os actos agresivos son o colmo; o problema case sempre é previo. Ás veces, o neno emite "os seus sinais" con grande intensidade (un roubo, unha pelexa con feridos, unha agresión ós pais, a un compañeiro ou profesor) e xorde o problema, xa ineludible. A "mensaxe" require respostas. A dos pais, aínda que só sexa o castigo, é imprescindible. É mellor ca nada. Para un adolescente en plena etapa de rebeldía, que se comunica mediante conductas reprobables, as súas accións son palabras non ditas, a súa opinión ante o estado das cousas. Por iso, o peor é o silencio ou a vista gorda. O rebelde sen causa non existe, detrás do seu comportamento agáchase a necesidade de expresar sentimentos: está incómodo, bátese cunha vida que para outros resulta aturable se non feliz. E emite, desesperadamente, sinais para que o axuden ou, cando menos, o atendan. Diferenciemos estas conductas dos comportamentos dun neno sociopático, que sempre tivo dificultades para distinguir entre o bo e o malo, o correcto e o inaceptable. Cronicamente antisocial, non aprende das consecuencias dos seus actos. Son casos raros, pero poden acontecer en calquera familia.

E, ¿que facer?

Tanto a familia coma a escola, as autoridades e a sociedade mesma, deben aborda-lo tema coa seriedade e responsabilidade que require. As liñas que deberían inspira-la pedagoxía da tolerancia, a convivencia pacífica e o respecto, parten dunha ética de convivencia, de educar para a socialización, mediante a cooperación, o xuízo intelectual (conductas reflexivas) e a educación para a frustración. Desde que un neno ten 2 ou 3 anos, debe sentir, e saber, que hai pautas ó seu redor, que non é posible cumprir tódolos seus caprichos e que mesmo algunhas necesidades terán que esperar un tempo para seren satisfeitas. Hai que ensinarlle que os bens se reparten cos outros nenos, e asumir que iso lle causará unha decepción, para a que hai que educalo. A educación familiar e escolar debe ser ríxida: todo non pode ser. Debe saber acepta-lo non, e pregunta-los porqués. E non se debe tolera-la mofa ou a falta de respecto ó diferente (outras razas, físicos peculiares ou moi pouco agraciados; tímidos, con gafas ou próteses, "chapóns", mal vestidos...). Deben cultivarse, na familia e na escola, valores socializadores baseados en comparti-las cousas, no respecto á diversidade das persoas e no aprazamento na satisfacción de necesidades e desexos de nenos e mozos. Por iso resulta imprescindible que a escola conte co apoio case incondicional dos pais, que en primeiro lugar deberán non desautoriza-los ensinantes diante dos fillos; por moito que non se compartan algunhas das súas decisións ou estilos pedagóxicos. Ninguén aprobaría, e menos aínda asumiría, un sistema de valores proposto por unha entidade desprestixiada e sen credibilidade. E, ós docentes, conviríalles contar co amparo institucional preciso para que as súas decisións ante as actitudes antisociais fosen apoiadas polos pais e pola autoridade educativa.

Claves coas que familia e escola poden traballar con nenos e mozos:

  • A responsabilidade persoal. É unha calidade que hai que potenciar, e supón que cada un responde enteiramente dos seus actos, sen escusas, nin "eles tiveron a culpa".
  • As relacións sociais. Deben facilita-la percepción de que somos entes sociables; non estamos sós neste mundo e precisamos entendérmonos cos demais.
  • As normas hai que respectalas. Deben asumirse coma un acoutamento preciso da liberdade individual, para que esta poida expresarse de verdade. Son coñecidas, compartidas e respectadas por tódolos membros da familia. E pola comunidade escolar e de amigos.
  • A comunicación. Baseada na expresión persoal e na escoita, frea a aparición das actitudes violentas. Saberen comunicarse axúdaos a expresárense, a que sexan entendidos, e mellora a súa autoestima. Quen sabe comunica-lo que sente é difícil que recorra a opcións violentas para reivindicarse, darse a coñecer ou manifesta-lo seu rexeitamento ante calquera situación.

Entre a familia e a escola debe implantarse un panorama educativo baseado en:

  • A responsabilidade persoal: a calidade que supón que cada un responde suficientemente dos seus actos, sen botárlle-la culpa sistematicamente ós demais.
  • As relacións sociais: que faciliten a percepción práctica de que non estamos sós neste mundo.
  • O imperio da lei: o respecto ás normas establecidas, coñecidas e aceptadas por tódolos que decidiron convivir.
  • A comunicación, baseada no exercicio sensato da expresión persoal e a escoita: para facilita-la comprensión dos demais, ó poder expresa-los problemas con palabras e retarda-la acción e as reaccións.

Relacións deste contido

Tamén che interesa

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto