Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Canles de EROSKI CONSUMER
Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación
Os trastornos da conducta alimentaria, concretamente a anorexia e bulimia nerviosas, estiveron presentes ó longo da historia, pero é nos nosos días cando existe unha maior preocupación por elas, debido á súa frecuencia cada vez maior
O modelo actual de beleza impón un corpo cada vez máis delgado, e o mercado atópase invadido por infinidade de productos dietéticos, que xeran grandes beneficios económicos a custa de volver a moitas persoas escravas do seu corpo. Estes problemas afectan moito máis ás mulleres ca ós homes (90% fronte a un 10%), e as súas repercusións son moi graves. Estímase que o 4% das mulleres adolescentes e novas mostra algún tipo de trastorno da conducta alimentaria, e o 20% deste sector da poboación aparece como "grupo de risco". Ademais, a anorexia e a bulimia preséntanse en idades cada vez máis precoces ou en idades medias en mulleres adultas. Por todo isto, os especialistas destacan a importancia do diagnóstico precoz, para previr e actuar axeitadamente antes de que a enfermidade se desenvolva.
A anorexia nerviosa non só consiste en deixar de comer por medo a engordar, senón que tamén supón non gustarse a si mesmo, non aceptarse como persoa. Asóciase a delgadeza á procura da perfección e da felicidade, e por iso as persoas afectadas limitan a cantidade de alimentos que inxiren. Cando a enfermidade xa está avanzada prodúcese unha distorsión da imaxe corporal: a persoa vese gorda aínda que non sexa así. Xeralmente, trátase de persoas introvertidas que tenden a illarse. Os períodos de semixexún e actividade intensa mestúranse con períodos de enchentes, seguidos de vómitos autoinducidos; empréganse productos adelgazantes, laxantes e diuréticos, ou faise exercicio excesivo, o que conduce a un gran deterioro físico e orgánico.
A bulimia nerviosa afecta a persoas inseguras, que non se senten satisfeitas consigo mesmas e se obsesionan pola comida e o peso corporal. Os enfermos de bulimia comen grandes cantidades de alimentos nun espacio curto de tempo (enchentes), tralo cal adoptan mecanismos compensatorios: vómitos ou purgas e hiperactividade, con intensos sentimentos de culpabilidade e autoxenreira; un círculo vicioso difícil, pero non imposible, de atallar. Pode desencadearse por diferentes motivos, pero destacan entre eles os estados emocionais adversos, as dificultades nas relacións e a sensación de fame debida ás restriccións na alimentación practicadas durante o día. A idade de inicio adoita ser máis tardía ca na anorexia. As enchentes e vómitos prodúcense ás agachadas, a persoa leva unha dobre vida. É común o uso de laxantes, diuréticos e productos adelgazantes. Existe un forte medo a non parar de comer de forma voluntaria e pouca capacidade para controla-los impulsos, o que ás veces ocasiona problemas co alcohol, as drogas e a conducta sexual. Ó contrario do que acontece coa anorexia, o aspecto dos afectados de bulimia semella saudable: o peso é normal ou mesmo hai un sobrepeso, de xeito que resulta difícil detecta-lo trastorno exteriormente.
As causas son, en ámbolos dous trastornos, tan múltiples e variadas coma enfermos as padecen. Sen embargo, o 80% dos casos aparece cando se comeza unha dieta de adelgazamento sen ningún tipo de control profesional. Tamén se relaciona o seu inicio coa non aceptación dos cambios corporais durante a adolescencia, cun incremento rápido de peso, con cambios importantes na vida, con complexos referentes ó físico, con problemas de relación... Respecto a factores relacionados coa alimentación, é preciso fuxir das dietas sen control profesional, dedicar tempo a falar sobre a gordura ou a delgadeza, evita-la anarquía en horarios e comidas e aparca-los conflictos emocionais ó redor da alimentación (ás veces, as principais comidas convértense en auténticas batallas campais que poden crear rexeitamento ante os alimentos).
En situacións límite de anorexia, e debido á perda de peso e ó gran desgaste físico, danse estados de máxima desnutrición, caída do cabelo, pel seca e denegrida, unllas crebadizas, alteracións hormonais que producen amenorrea (a regra desaparece), alto risco de osteoporose e lanuxe (peluxe fina por todo o corpo), insomnio, hipotermia (séntese frío mesmo no verán), estrinximento e saciedade precoz, bradicardia (diminúe o número de latexos por minuto do corazón), baixadas de tensión arterial, arritmias, posible paro cardíaco e mesmo a morte (5-10% dos casos). Na bulimia os vómitos producen aumento do tamaño das glándulas salivares, desgaste do esmalte dental, caries, danos en enxivas e padal, inflamación da gorxa, gastrite, vómitos de sangue, refluxo e ardores, deshidratación e hipokaliemia (baixos niveis de potasio no sangue que poden producir debilidade muscular, tremores, arritmias e, en casos extremos, fallo cardíaco). Se as enchentes e vómitos son severos, pode haber esgazamento esofáxico e ruptura gástrica no peor dos casos. O abuso de laxantes produce diarreas, dores abdominais, cólicos, intestino preguiceiro e mala absorción de certos nutrientes. Se se empregan diuréticos, intensifícase o risco de deshidratación e de perdas de potasio, con consecuencias máis ou menos graves.
Debido á súa orixe multicausal, a terapia debe incluír medidas encamiñadas a resolve-las posibles complicacións orgánicas, un plan de recuperación de peso en caso necesario, psicoterapia persoal e/ou familiar, e nalgúns casos, medicación. O tratamento pode ser ambulatorio ou, se a enfermidade está moi avanzada e precisa intervención drástica, hospitalario. Desde o punto de vista dietético e nutricional, os obxectivos do tratamento en caso de anorexia nerviosa son dete-la perda de peso e cubri-las necesidades nutricionais mínimas da persoa. Débese aumentar, de maneira progresiva, a cantidade de alimentos básicos, ata acada-lo nivel axeitado considerando a idade, sexo, talla e peso real ó inicio do tratamento. Paralelamente, deben reestructurase os hábitos alimentarios, de maneira que a súa dieta sexa completa, equilibrada e ben distribuída ó longo do día. Os alimentos que se han de incluír no menú deben establecerse consonte o que a persoa inxire espontaneamente, aumentando a súa variedade e cantidade segundo a tolerancia e a evolución, polo que a motivación e disposición do enfermo para acepta-las orientacións dietéticas son esenciais. Os cambios na alimentación deben realizarse a modo, con tempo para que se asenten os cambios psicolóxicos precisos para acepta-lo incremento de peso. A mellora do peso é un índice de evolución favorable, aínda que ás veces o paciente se intranquiliza se observa que é moi rápido, en especial ó principio do tratamento. Por iso debe explicarse que ese aumento inicial procede da rehidratación e non dunha acumulación de graxa; esta aclaración evita que a persoa se angustie. Os cambios na alimentación deben facerse con prudencia. Non é unha actitude sensata presentar pratos abundantes, porque os rexeitarán. A introducción de alimentos inicialmente rexeitados debe ser paulatina. Resulta imprescindible ensinar de novo a comer, procurando abandona-la crenza de que todo engorda. En persoas con bulimia, o control de peso convértese nun obxectivo secundario, o obxectivo primordial será o control da crise. Axudaráselle á persoa a adquirir hábitos axeitados en todo o que se refire á conducta alimentaria: fixar horarios regulares de comidas, establecer polo menos 3 ou 4 comidas ó día sen omitir ningunha e dedicárlle-lo tempo preciso, e evitar sempre as dietas estrictas e os períodos longos de tempo sen tomar ningún alimento.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si acepta o continua navegando, consideramos que está conforme a su uso. Puede averiguar cómo ajustar la configuración u obtener más información aquí.