Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
As etiquetas dos alimentos envasados proporcionan unha información moi útil para o consumidor, xa que lle permite, amais de coñece-las principais características dos productos que toma, facerse unha idea aproximada da relación entre o prezo e a calidade dos alimentos
Se o consumidor busca preferentemente unha alimentación económica, primará o factor prezo. Pero se o que quere é alimentarse seguindo as normas dunha dieta equilibrada e saudable, e facelo sen pagar por riba do preciso, será fundamental que lea detidamente as etiquetas. Asemade, tamén é interesante probar persoalmente os productos e informarse, mediante revistas de consumo, de características e prestacións non perceptibles polo consumidor e que non aparecen nas etiquetas.
De tódolos xeitos, hai que apreciar no que vale (moito) a información que nos proporcionan as etiquetas e cómpre fixármonos ben nelas, xa que constitúen o compromiso do fabricante diante do consumidor de que un artigo reúne as condicións que esixe a normativa vixente para esa familia de productos. A regra xeral é que a etiquetaxe debe ser clara e concisa e que nunca debe induci-lo consumidor a erro no que se refire a características, composición, natureza, calidades, cantidade, orixe ou modo de fabricación.
Nos productos alimenticios envasados hai dúas clases de información: a xeral (común a todos e obrigatoria) e a nutricional, opcional e que ofrecen só algúns deles. A xeral serve para coñece-las características esenciais do que un merca. A nutricional, que non é obrigatoria pero si moi conveniente, pon ó dispor do consumidor información sobre as características nutritivas do alimento: calorías que proporciona, os nutrientes que contén, a cantidade de fibra, vitaminas, sales minerais, etc.
Á parte destes datos, que son os máis interesantes, na maioría dos casos tamén deben figurar outros, coma condicións especiais de conservación e de emprego, modo de emprego, identificación da empresa (nome, razón social, etc.), lote de fabricación ó que pertence o producto, e a súa orixe, se procede de países non membros da Unión Europea.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI