Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Patacas frixidas envasadas: Saborosas pero moi calóricas

Analizáronse oito mostras de patacas frixidas envasadas, con distintos formatos: entre os 40 gramos de Los Leones, e os 250 gramos de Anizvi e Vicente Vidal. Os prezos tamén difiren notablemente.

As patacas máis baratas foron Anizvi, a 596 pesetas o quilo e as máis caras Los Leones, que saíron a 850 pesetas o quilo. Como se sabe, este aperitivo tan popular é moi sinxelo no tocante ós ingredientes: patacas, aceite ou graxas vexetais e sal.

 A primeira conclusión da análise é que son productos ben elaborados, que respectan a normativa (contido en sal e grao de humidade) e que se comercializan ben etiquetados. E tódalas mostras usan, tal e como declaran, aceites e graxas vexetais.

Estas patacas frixidas envasadas resultan moi calóricas (máis de 500 calorías por cada 100 gramos) e conteñen moita graxa (entre o 31% e o 39%, segundo as mostras) e sal (entre o 0,6% e o 1,7%). Constitúen un saboroso aperitivo pero resultan totalmente prescindibles na dieta cotiá. Convén consumilas con moderación, especialmente as persoas obesas ou con hipertensión arterial. A maioría das graxas destas patacas frixidas son saudables (insaturadas e poliinsaturadas), pero en Crecs e Lay's a proporción de graxas saturadas (o seu consumo cotián relaciónase cunha maior incidencia de problemas cardiovasculares) é excesiva, xa que supera o 40% da graxa total en ámbolos casos. Os especialistas en nutrición recomendan que a graxa non represente máis do 30% da dieta e que, nos alimentos, a graxa saturada sexa minoritaria con respecto ás insaturadas e poliinsaturadas.

Polo que se refire ás características físicas das patacas, as máis grandes foron El Gallo Rojo e as máis pequenas (1.110 unidades por quilo) Vicente Vidal. As máis íntegras atopáronse en Los Leones (só estaban rotas o 11% das unidades) e as menos enteiras en Lay's. Para rematar, mediuse tamén cántas patacas en cada mostra presentaban defectos, como manchas de queimado, restos de pel e manchas verdes ou negras. As de máis calidade foron Crecs e, as peores, El Gallo Rojo. Na cata, os consumidores consideraron a textura crocante e o sabor intenso como aspectos críticos da calidade organoléptica das patacas frixidas. Lay's acadou as mellores valoracións tanto na aparencia coma na textura e no sabor, obtendo unha puntuación global de 8 puntos. Só se lle achegou, con 6 puntos, Vicente Vidal. As outras (agás Anizvi, que suspendeu, con 3 puntos) tiveron que conformarse cun aprobado. Os defectos máis comúns foron o exceso de graxa e o sabor pouco intenso ou insuficientemente salgado.

A mellor relación calidade-prezo é Vicente Vidal: son baratas (saen a 656 pesetas o quilo) e resultan saborosas. Ademais, teñen pouco sal e graxas saturadas, e unha calidade (unidades rotas e defectuosas) mellor cá media. Se se lle concede moita importancia ó sabor (trátase dun aperitivo e non dun alimento que constitúa un prato ou do que se agarden propiedades nutritivas), a opción máis interesante é Lay's: aínda que algo caras, son as máis saborosas. Pero tamén son as máis salgadas e as que máis graxas saturadas conteñen.

Cómo se fan e qué teñen

Na normativa alimentaria, as patacas frixidas defínense como o producto obtido de patacas sas, lavadas, estonadas, cortadas e frixidas en aceite de oliva ou outros aceites e graxas vexetais comestibles. As patacas chegan á planta procesadora, onde se someten a lavado e estonado. Posteriormente, cortadoras rotatorias cortan as patacas en rodas cunha determinada espesura; sécanse e transpórtanse mediante unha cinta transportadora a unha frixideira onde se frixen, case sempre por inmersión en aceite vexetal. Este é o proceso xenérico, aínda que pode haber variantes. Unha delas é o branqueo, que inactiva os encimas que posteriormente poden causar cambios de coloración no producto.

Á saída da frixideira engádeselle-lo sal ás patacas e, así que estean mornas, pode procederse ó seu envasado. Estas patacas frixidas conteñen moi pouca auga (ó redor do 2%) e son moi enerxéticas, con entre 500 e 700 calorías por cada 100 gramos. As graxas constitúen entre o 30% e o 40% destas patacas frixidas. Empréganse aceites ou graxas vexetais, polo que estas patacas frixidas non conteñen colesterol. Os hidratos de carbono supoñen aproximadamente o 50% do producto e as escasas (6%) proteínas son de valor biolóxico só medio, pola súa orixe vexetal. No tocante ó resto dos nutrientes, destaca o seu contido en sal (entre o 0,6% e o 1,7%, segundo as mostras).

Ademais, proporcionan fósforo e outros minerais. Coa frixidura, pérdese parte da vitamina C das patacas, aínda que se conservan as demais vitaminas hidrosolubles, presentes en pequena cantidade. En resumo, son un producto salgado e moi enerxético, sen nutrientes de especial interese. Cómpre saber que cen gramos destas patacas frixidas proporcionan máis calorías ca moitos primeiros pratos (pastas, arroces, legumes, verduras), sacian menos e son moi inferiores a eles desde un punto de vista nutritivo. Polo tanto, non deben substituír un prato na dieta cotiá. Moitas patacas rotas e con defectos Cando alguén abre un paquete de patacas frixidas, espera atopalo con rodas enteiras, íntegras, dunha cor dourada-torrada uniforme e sen manchas. Pero non sempre é así. A análise revelou o tamaño das patacas de cada mostra, a súa integridade e a homoxeneidade da súa cor. As máis grandes foron El Gallo Rojo, seguidas por Dora e Lay's. As máis pequenas atopáronse nas bolsas de Vicente Vidal e Anizvi. En Dora e Vicente Vidal o tamaño é máis variable ca no resto. No tocante á integridade, tomouse nota de entre un 11% (Los Leones) e un 46% (Dora) de unidades rotas. Lay's e El Gallo Rojo tamén presentaron moitas patacas rotas. Estas diferencias na integridade das patacas poden deberse a factores alleos ó fabricante, coma o transporte ou a manipulación do producto no punto de venda. Non acontece o mesmo cos defectos (manchas de queimado, manchas de cor verde ou negra, defectos de estonado...), totalmente atribuíbles ó fabricante.

Estudiáronse tres envases por marca (seis en Los Leones, polo seu pequeno tamaño). Crecs son as de máis calidade, xa que presentaron unha porcentaxe de defectos moi inferior ó resto (8%-15%). En Pérez e Vicente Vidal foi moderado (15%-20%). No resto, o nivel de defectos foi moi superior, e nalgúns casos tomouse nota dunha gran diversidade entre os envases analizados. Os de máis defectos foron Lay's (27%-31%) e Gallo Rojo (25%-40%). Humidade, sal e graxa Pasando ás análises químicas, a norma limita a humidade das patacas frixidas: non permite que superen o 3%. Todas están moi por debaixo deste límite. Con relación ó uso do sal, a norma establece un máximo do 5% sobre substancia seca. Lay's é a mostra que máis sal lles engade ás súas patacas, e a súa composición revela un 1,67% deste ingrediente, moi lonxe do límite. Dora, Crecs, El Gallo Rojo e Los Leones conteñen ó redor do 1% de sal, mentres que Vicente Vidal, Anizvi e Pérez presentan entre un 0,6% e un 0,7%. Malia a que respectan a norma, segue sendo un contido de sal a ter en conta por persoas con hipertensión arterial. O contido en graxa, xeneroso, é fundamental neste producto. As patacas frixidas menos graxas (31%-32% de graxa) son Pérez e Anizvi, e as máis graxas (38%-39%), Dora e El Gallo Rojo. Trátase dun contido moi elevado de graxa, que se compón maioritariamente de ácidos graxos poliinsaturados e insaturados (máis saudables cós saturados) na maioría das mostras. As excepcións son Crecs e Lay's con máis do 40% de graxa saturada. En tódalas mostras o tipo de graxa é o declarado: graxa ou aceite vexetal. Todas indican "aceite vexetal", agás Lay's, que declara "aceite e/ou graxa de aceite vexetal".

Os ácidos graxos saturados son máis abundantes nas graxas vexetais ca nos aceites. Aínda que se publican con certa frecuencia estudios científicos que achegan novas conclusións ó respecto, recoméndase modera-lo consumo de graxa saturada. Os especialistas aconsellan que a porcentaxe de graxa da dieta non supere o 30%, e que a repartición de graxa siga estas directrices: un 7%-8% de saturados, 10%-15% de monoinsaturados, e un 7%-10% de poliinsaturados. Cata: destaca unha mostra sobre todas Na cata, o sabor e a textura foron os parámetros esenciais. De feito, o carácter crocante é un dos criterios máis importantes de calidade organoléptica das patacas frixidas. Lay's, con 8 puntos, obtivo as valoracións máis altas en tódolos aspectos. A súa aparencia gustou polo seu tamaño intermedio e cor amarela-dourada libre de manchas. O seu sabor a pataca é intenso e o seu sabor salgado o máis marcado, aínda que moderado. En textura, son moi crocantes e pouco graxas. Vicente Vidal obtivo unha valoración moi alta na aparencia, polo seu tamaño intermedio e cor torrada. En sabor, sobresaíron tamén Pérez e Vicente Vidal. O sabor salgado considerouse escaso en Vicente Vidal e Anizvi. Xa na textura, as patacas máis crocantes foron as de Los Leones, seguidas por Pérez, El Gallo Rojo e Lay's. Pola súa banda, El Gallo Rojo e Los Leones resultaron lixeiramente graxas, mentres que Anizvi destacou polo contrario. A textura que máis gustou foi a de Lay's, aínda que Pérez, Vicente Vidal e El Gallo Rojo tamén agradaron. Etiquetas, ben Tódalas marcas cumpren o peso neto indicado nos seus envases, e mesmo algunhas ofreceron un lixeiro exceso de peso. A etiquetaxe foi correcta en tódalas mostras, tanto no que afecta á orixe da graxa ou aceite empregado (vexetal en tódolos casos), coma nas normas que deben segui-los fabricantes no referente á lista de ingredientes, indicación de lote e data de consumo preferente e outras informacións de interese para o consumidor.

Paginación


Relacións deste contido

Neste artigo

Tamén che interesa

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto